Os sindicatos recorren uns servizos mínimos que a Xustiza xa invalidou noutras folgas

Imaxe de arquivo dunha mobilización da CIG en Vigo © CIG

Os sindicatos galegos rexeitan os servizos mínimos ditados pola Xunta de cara á folga xeral do vindeiro 29 de marzo. A CIG decidiu presentar un recurso ante a Xustiza ao consideralos “abusivos e contrarios ao dereito fundamental de folga”, mentres que os servizos xurídicos de CCOO e UGT estudan tamén recorrer, aínda que xa teñen solicitada a suspensión cautelar dos servizos mínimos na CRTVG, instalacións deportivas e xulgados.

Para a central nacionalista, o decreto publicado polo DOG procura unha “neutralización dos efectos do conflito mediante a asignación duns recursos de tempo e persoal absolutamente desproporcionados”. “A fixación de servizos mínimos realízase sen cumprir os estritos requisitos de motivación sobre a necesidade de tales servizos”, asegura, polo que demanda a súa suspensión cautelar “dada a súa palmaria falta de motivación e o seu carácter abusivo”, algo que, segundo o sindicato, xa aconteceu nas dúas últimas folgas xerais.

A CIG lémbralle á Xunta que nun suposto similar a este, en 2002, a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG concedeulle aos sindicatos recorrentes a medida cautelar de suspensión solicitada

A CIG lémbralle á Xunta, ademais, que nun suposto similar a este, en 2002, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) concedeulle aos sindicatos recorrentes a medida cautelar de suspensión solicitada, establecendo como mínimos “para a atención dos servizos públicos esenciais, o mesmo persoal que permanece nos seus postos con ocasión dun domingo ou dunha xornada festiva”.

Do mesmo xeito, a central nacionalista lembra que nas dúas últimas folgas xerais en Galicia (29 de setembro de 2010 e 27 de xaneiro de 2011 ) a impugnación dos servizos mínimos decretados pola Administración autonómica deu lugar a sentenzas estimatorias da mesma Sala. Para a CIG, o decreto da Xunta “terxiversa e cuestiona o contido das resolucións xudiciais” porque “confunde deliberadamente os conceptos de servizos esenciais e servizos mínimos”. “Establecen a errónea ecuación de que a esencialidade dos servizos xustifica a imposición dos servizos mínimos ao establecer que o persoal que debe quedar nos seus postos como nun domingo é o dos servizos administrativos propios da administración xeral e non o do conxunto dos servizos públicos”, critican.

UGT e CCOO consideran que tanto os servizos que ofrecen a CRTVG na súa totalidade, como as instalacións deportivas e os xulgados non teñen o carácter de esencial como pretende cualificalos a Xunta

Ademais, UGT e CCOO consideran que tanto os servizos que ofrecen a CRTVG na súa totalidade, como as instalacións deportivas e os xulgados non teñen o carácter de esencial como pretende cualificalos a Xunta. Respecto á CRTVG, a CIG critica tamén “a ausencia de xustificación da imposición de servizos mínimos superiores a anteriores folgas na Compañía” e lembra que en 2007 o Tribunal Supremo aclarou que “manter un servizo implica a prestación dos traballos necesarios para a cobertura mínima dos dereitos, liberdades ou bens que o propio servizo satisfai, pero sen acadar o nivel de rendemento habitual”.

Imaxe de arquivo dunha mobilización da CIG en Vigo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.