O BNG insiste nunha tarifa eléctrica galega

Carme Adán e Rosana Pérez © BNG

O BNG insiste na "tarifa eléctrica galega". As deputadas nacionalistas no Parlamento e no Congreso, Carme Adán e Rosana Pérez, presentaron este luns unha iniciativa coa que pretenden eliminar a penalización na factura da luz, impulsar as enerxías renovábeis e establecer esa tarifa propia para o país cunha redución de entre o 15% eo o 20% no recibo da luz.

O Bloque pide unha tarifa propia, eliminar a penalización na factura da luz e impulsar as enerxías renovábeis

O Bloque xa rexeitara o Real Decreto que "discriminaba a Galiza" e rexeita agora un marco eléctrico que será reforzado coa publicación do Anteproxecto de lei do Sector Eléctrico, unha reforma á que se oporá a formación nacionalista no Congreso porque “supón a estocada final” para os consumidores, industrias e  pequenas e medianas empresas e porque “arrebata competencias ás comunidades autónomas penalizando os tributos propios".

"Galiza mantén a factura da luz máis cara de Europa", lembraron as deputadas, que advirten de que o recibo no vindeiro mes de agosto aumentará un 3,5% "para que o Goberno central recade 900 millóns de euros". Ademais, Rosana Pérez tamén denunciou que, mentres se están aplicar  medidas contra o sector eólico galego, "o Estado incentiva este sector en  Canarias e Baleares".

Galicia produce entre un 30 e 40% máis do que produce, pero os galegos pagan máis pola factura que os madrileños

A portavoz de industria do BNG, Carme Adán, volveu recordar que "sendo Galiza excendentaria e producindo entre un 30 e 40% máis do que consume, os galegos e galegas pagaremos máis polo recibo da luz” facendo fronte a unha tarifa "máis cara que noutras comunidades como Madrid". Así, a parlamentaria destaca o "duro golpe" que supón para a industria o incremento do prezo da enerxía, ao que hai que engadir a supresión das enerxías renovábeis. "Esta reforma vai contra as familias e as industrias e resulta dobremente discriminatoria para Galiza”, destacou.

O BNG anunciou tamén a súa intención de negociar co resto dos grupos parlamentarios na Cámara galega a proposta nacionalista que entre outras medidas reclama “un  prezo sensiblemente inferior  do consumo eléctrico en Galiza”.

Carme Adán e Rosana Pérez © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.