0 Gardados para despois

PSdeG e AGE piden que compareza MAFO tras confirmar a "gran mentira" do PP coas caixas

Redacción | @prazapublica

O PSdeG e AGE piden que Miguel Ángel Fernández Ordóñez (MAFO) compareza na comisión de investigación sobre as caixas galegas no Parlamento neste vindeiro mes de setembro, tal e como el mesmo ofrecera. O voceiro do grupo do PSdeG na Cámara, Abel Losada, reclamou a presenza do ex gobernador do Banco de España logo de que, segundo os socialistas, a resposta ao cuestionario enviado polo PPdeG "demostrase a gran mentira do PP” e "evidenciase que Feijóo forzou unha fusión que acabou co sistema financeiro galego”.

Pola súa banda, AGE cre que a resposta por escrito á comisión de investigación das caixas do Parlamento por parte de MAFO "fai necesaria a súa comparecencia presencial". "Logo de se coñecer o que afirma na carta á Cámara galega, a petición de Alternativa volve ser necesaria", advirte a coalición, tras recordar que xa reclamaran a presenza do ex gobernador con anterioridade.

PSdeG e AGE piden que compareza MAFO logo de que a súa resposta escrita confirmase "a mentira de Feijóo sobre as caixas"

Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o proceso que desembocou na liquidación das caixas de aforro galegas foi "unha sucesión de embustes dirixida ao obxectivo final: deixar Galicia sen esas entidades de aforro nadas á marxe do sistema bancario usual no capitalismo". A carta coas respostas do que foi gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, ás preguntas dalgúns grupos parlamentarios "confírmao". “Dende o ano 2004, e especialmente dende o 2007, di Ordóñez, o organismo regulador advertira á Xunta da situación real das caixas e dos perigos da súa expansión”, expón a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, “e ninguén fixo caso”. "O Goberno galego tiña capacidade de control e competencias para xestionar a gobernación das caixas. Ficou paralizado", denuncia.

Ningunha das auditorías ou informes encargados pola Xunta de Núñez, e pagados con cartos públicos, avalou a fusión. Pero, segundo Fernández Ordóñez, a fusión de Caixa Galicia e Caixanova foi un empeño persoal do presidente Núñez Feijóo. “Estaba advertido polo propio Banco de España do que acontecía nas caixas, sobre todo en Caixa Galicia, da súa exposición ao ladrillo, e porén, Feijóo empeñouse na fusión. Queremos saber por que”, insiste Yolanda Díaz.

"Non se trata só de que o señor Núñez apostase pola fusión sen atender a razóns confesábeis. A propia Xunta contaba entre as súas competencias coa de limitar ou non as retribucións de directivos –esta potestade pasou despois ao Banco de España- e non moveu un dedo. E había catro informes do Banco de España que alertaban da delicada situación de Caixa Galicia", retruca AGE, que se pregunta “por que se a Xunta coñecía todo isto" insistiu na fusión,.

"Por que a Xunta insistiu na fusión se coñecía todo o que lle advertira Ordóñez?", pregúntase Yolanda Díaz

Ademais, o voceiro socialista, Abel Losada, dixo que as respostas do que fora gobernador do Banco de España no momento da fusión “reforzan a visión que tiñamos dende o grupo socialista”, que é que “foi Feijóo quen forzou a fusión que supuxo o fracaso do sistema financeiro de Galicia e que fixo desaparecer as caixas galegas”. Sinalou que “demostra que non é posible enganar a todo o mundo todo o tempo”.

Losada acusou o presidente da Xunta de “mentir sobre a situación das caixas e sobre a fusión” na súa comparecencia na Comisión de Investigación xa que, de acordo co que fora máximo responsable do Banco de España, este tivo que ir “a remolque dos acontecementos” marcados dende a Xunta de Galicia.

O PSdeG cre que o PP "apurouse en enviar o cuestionario a Fernández Ordóñez para salvarlle a cara a Feijóo"

O parlamentario socialista engadiu que esta resposta demostra que o PP non quería que comparecera o gobernador do Banco de España con Aznar, Caruana, “para non obrigalo a defender o PP con mentiras”. A tamén membro da Comisión de Investigación por parte do PSdeG, Carmen Gallego, dixo tamén este martes en declaracións no Parlamento que o PP “apurouse en enviar un cuestionario a Fernández Ordóñez impedindo que comparecese en setembro para salvarlle a cara a Feijóo”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.