CC.OO. e UGT centran na crise ecónomica e nos recortes a súa mensaxe do 25 de xullo

Manifestación de CC.OO. e UGT en Vigo Dominio Público Praza Pública

CC.OO. e UGT presentan unha declaración conxunta con motivo do Día Nacional de Galicia céntrase na crise ecónomica e nos recortes e denuncia que a Xunta "permanece impasible diante do desmantelamento de sectores estratéxicos da economía galega". Tamén alerta "do avance imparable da pobreza en Galicia" e do "ataque e desmantelamento dos servizos públicos".

Denuncia que a Xunta "permanece impasible diante do desmantelamento de sectores estratéxicos da economía galega"

O manifesto ábrese destacando que a crise "condiciona un ano máis o Día da Patria Galega" e que "o Goberno de España, en mans do PP, porfía en demostrarnos que é incapaz de darlles resposta axeitada ás dificultades económicas polas que atravesamos. Para interpretar este lamentable papel, contan coa inestimable colaboración, como actores secundarios, dos dirixentes da Xunta de Galicia". Denuncia que a Xunta "permanece impasible diante do desmantelamento de sectores estratéxicos da economía galega" pois "a industria, que debera ser o motor da recuperación económica, ten o nivel de emprego baixo mínimos. Neste ámbito, un sector fundamental como é o naval, está inmerso nunha crise severa que o sitúa á beira da desaparición" e "o agro galego continúa ameazado coa pesada lousa dos baixos prezos que reciben polos seus produtos, por debaixo dos custes de produción".

Tamén alertan "do avance imparable da pobreza en Galicia" e engaden que "cunha afiliación á Seguridade Social inferior ao millón de persoas, unha taxa de paro desbocada, as pensións conxeladas e os salarios do sector público recortados e conxelados tamén, empeoraron as condicións de vida da maioría das familias deste país".

Culpan da situación ao Goberno central e ao Goberno da Xunta "débil cos fortes, pero forte cos débiles"

Conclúen que "no noso país hai unha minoría que nos está a roubar á maioría mediante prácticas fraudulentas que burlan a lei, obscenas fortunas que non tributan o que deberían, impedindo deste xeito que haxa maiores recursos públicos para realizar políticas sociais e investimentos produtivos". E culpan da situación ao Goberno central e ao Goberno da Xunta "débil cos fortes, pero forte cos débiles". Os sindicatos esixenlles "que aparquen a súa ideoloxía e cumpran coa responsabilidade que lles outorgou a cidadanía: promover políticas para saírmos da crise". "Ademais da reforma fiscal, necesaria para garantir recursos públicos mediante unha recadación máis proporcionada e mellor repartida, co fin de paliar as cargas que supoñen as políticas de redución do déficit entre os sectores máis débiles da poboación, cómpre unha reforma do sistema financeiro", din.

Manifestación de CC.OO. e UGT en Vigo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.