0 Gardados para despois

Coñece os teus dereitos se decides secundar a folga xeral

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A folga xeral do vindeiro xoves non é a primeira, nin moito menos. No entanto, son moitos os traballadores que seguen a ter dúbidas sobre as repercusións que terá sobre a súa nómina ou a súa cotización o feito de que secunden o paro. Coa axuda de Xaime López Golpe, membro da Executiva e ex secretario de Acción Sindical e Política Sectorial de CCOO, intentamos resolver estas e moitas máis dúbidas antes de que chegue o 29 de marzo.

No momento que un traballador decide sumarse á folga, o seu contrato de traballo queda suspendido, de tal xeito que perde un día de salario ou, o que é o mesmo, a empresa interrompe a súa obriga de pagarlle o soldo. No caso de que o traballador se atope en período de proba, este tamén quedará en suspenso. Ademais, e tal e como explica López Golpe, ao desconto dese día de salario engádeselle “o da parte proporcional das pagas extras, se as tivese, o da parte proporcional de calquera tipo de complemento, así como o da parte proporcional dos días libres que lle correspondan nesa semana”. Os descontos non afectarán, porén, ás vacacións, nin na súa duración nin na súa retribución.

No caso de sumarse á folga, o contrato do traballador queda suspendido e descóntaselle un día de salario e a parte proporcional dos complementos e das pagas extras

En canto á cotización á Seguridade Social, e xa que o paro afecta a toda a xornada laboral, nin o traballador nin a empresa teñen a obriga de cotizar. Esta situación excepcional é a que se denomina alta especial, momento no que, como explica López Golpe, “queda asimilado á alta aínda que ese día che dean de baixa”. “Non repercutirá no futuro da persoa de cara ás prestacións da Seguridade Social e seguirá tendo dereito á prestación sanitaria”, explica.

Debe avisar un traballador á empresa de que vai secundar a folga? Non hai obriga ningunha de facelo. “Pódese facer se se quere, pero ao ser un paro xeral e a nivel estatal, o aviso dáse por feito; o que teñen que facer as empresas e as administracións, no caso de que sexa o caso, é fixar os servizos mínimos”, explica López Golpe. A propia lei protexe os empregados no caso de que sexan presionados para que desvelen a súa intención e os traballadores poden incluso decidir sumarse á folga unha vez entren no seu posto de traballo.

O traballador non ten obriga ningunha de avisar á empresa de que acudirá á folga

Ademais, e no caso de que o traballador estea de baixa, a situación non cambia. A persoa seguirá estando de baixa e “non se lle descontará o día porque quen lle ten que pagar neste caso é a Seguridade Social e non a empresa”. No caso, hipotético, de que o traballador sufra un accidente durante a xornada de folga, “e ao estar en período de asimilación á alta, tería a prestación sanitaria asegurada ese día, pero empezaría a cobrar a prestación económica no momento en que a folga remate”.

Sobre os servizos mínimos, estes márcanse nas actividades que se consideran básicas e esenciais para a sociedade, tales como o transporte público, a seguridade, a sanidade ou o subministro eléctrico. López Golpe aclara que o obxectivo dunha folga “é parar a produción”, polo que lembra que os servizos mínimos deben determinarse para casos excepcionais e, en todo caso, “para o mantemento de empresas cuxa parálise total poida impedir o reinicio da actividade ao día seguinte”. “Os servizos mínimos que se marcan son abusivos porque o sentido real dunha folga xeral non é outra que paralizar a actividade”, destaca.

Xa por último, López Golpe lembra que “o dereito á folga é un dereito constitucional que, neste caso, prima sobre o dereito ao traballo porque é un dereito fundamental”. Aínda que pode resultar obvio, a empresa non pode impoñer ningún tipo de sanción aos traballadores por secundar o paro, que non pode ser causa de despido. No caso de que a compañía despedise un traballador por secundar o paro, este sería cualificado como nulo. Do mesmo xeito, a tarefa dos piquetes debe limitarse a informar e persuadir, pero non a impedir a incorporación ao seu posto de traballo de calquera persoa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.