0 Gardados para despois

"Irei traballar de loito o 29-M"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Os tres sindicatos galegos levan semanas recibindo queixas, denuncias e reclamacións dunha morea de traballadores que acusan as empresas de presionalos para que non secunden a folga do vindeiro xoves 29. Logo de ameazas de despido ou non renovación de contrato, as centrais acumulan chamadas e correos, moitos deles anónimos, pedindo consello ou, simplemente, desafogándose ante os seus representantes.

“Claro que recibimos queixas e denuncias, como en case todas as folgas, pero é difícil cuantificalas por varias razóns: porque chegan a cada federación ou representante e porque moitos dos que as fan non queren que se faga público ningún dato ante o temor ás represalias”, explican desde CCOO. En UGT, a situación é exactamente a mesma: “Non hai folga na que non recibamos chamadas e mensaxes dese tipo, iso sempre pasa”. A CIG, pola súa banda, xa denunciou que tan só na comarca de Compostela, unha morea de traballadores están sendo ameazados en caso de secundaren o paro, algo que consideran “inadmisible”. E non son poucos os casos.

“Os traballadores non queren dar os nomes e nin tan sequera sinalar á empresa porque en moitos casos son xente comprometida e advertida polas empresas, que tomarían represalias inmediatamente”

Só na área de Santiago, a central nacionalista fala de queixas chegadas “dunhas vinte empresas grandes, de entre 50 e 100 traballadores, e doutras moitas máis pequenas”. No entanto, poucas destas reclamacións chegan a se converter en denuncias ante a Xustiza. “Os traballadores non queren dar os nomes e nin tan sequera sinalar á empresa porque en moitos casos son xente comprometida e advertida polas empresas, que tomarían represalias inmediatamente”, explica Renato Núñez, secretario de Organización de CIG-Compostela, que aclara que as denuncias adoitan chegar unha vez rematada a folga e no caso de que existan esas represalias. O mesmo argumento esgrimen en CCOO e UGT para xustificar a ausencia de denuncias por vía xudicial.

“Xa temos asistido a moitas asembleas de traballadores onde a maioría da xente está a prol da folga xeral, pero onde tamén o medo impera; chégannos a pedir que acudan os piquetes á empresa para poder secundar o paro”

“Xa temos asistido a moitas asembleas de traballadores onde a maioría da xente está a prol da folga xeral, pero onde tamén o medo impera; chégannos a pedir que acudan os piquetes á empresa para poder secundar o paro”, insiste Núñez, que sabe que o éxito dunha folga en moitas compañías depende do apoio máis ou menos masivo que teña. “Se son poucos e os de sempre os que paran, a empresa vai directamente por eles”, resume, tras explicar o caso dunha firma onde a elevada cualificación dos operarios pode acabar sendo unha baza a favor do paro. “Se todos van á folga, a empresa non vai poder cumprir a súa ameaza porque non lle sería fácil atopar traballadores tan cualificados e experimentados como os que ten”, explica.

Nesta era de novas tecnoloxías, o correo electrónico é unha das vías polas que as centrais sindicais reciben este tipo de queixas, moitas delas anónimas ou con solicitude incluída de non facer público o nome do denunciante nin da empresa. Praza tivo acceso a un deses correos que podería explicar a situación de moitos traballadores."Este é só un exemplo dos moitos que recibimos", din desde o sindicato. 

“Téñenme que renovar en breve e a cousa é tan sinxela como que se vou á folga non me renovan o contrato”

“Por máis que o intentei, e desde que acabei a carreira, nunca conseguín traballar un ano enteiro no mesmo posto de traballo nin do meu”, explica unha muller que supera os 30 anos e que está empregada desde novembro “cunhas condicións económicas escasas”, pero nun labor que lle gusta porque “ten posibilidades de futuro”. “Téñenme que renovar en breve e a cousa é tan sinxela como que se vou á folga non me renovan o contrato”, explica tras as ameazas da compañía.

"O meu corazón irá convosco e o meu corpo agochará a cabeza e acudirá puntualmente ao posto de traballo"

“Claro que estou en contra da reforma laboral, pero hai ben anos que me quitaron o dereito a protestar, logo de tanto tempo como levo tentando levantar a miña vida, loitando por un futuro de meu, que non dependa das doazóns económicas dos meus proxenitores e non implique vivir debaixo dunha ponte ou emigrar”, conta, ademais de explicar que tiña a posibilidade de denunciar a situación, pero que debido a diversos condicionantes, “todo se acabaría sabendo”. “Moi ao meu pesar, déixovos sós nesta singradura; o meu corazón irá convosco e o meu corpo agochará a cabeza e acudirá puntualmente ao posto de traballo, traballo que non será moi produtivo porque estarei de loito”, remata.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Listaxe de empresas que ameazan os traballadores

Ante as ameazas sufridas polos traballadores ante a vindeira folga xeral do xoves 29, son varias as iniciativas que pretenden denunciar as coaccións realizadas polas empresas. A máis importante é a web 29Msinmiedo, onde calquera persoa, de maneira anónima e confidencial, pode achegar datos sobre as compañías que están a intentar impedir o dereito dos traballadores a secundar o paro.

Así, a través dun sinxelo formulario, calquera interesado pode escribir os datos da compañía e a súa localización, ademais de engadir calquera detalle sobre o tipo de ameazas recibidas. Na páxina web aparecen os nomes de case 2.000 empresas de todo o Estado, moitas delas nas catro provincias galegas.  

Empresas e comercios que si apoian o paro

Non todo son queixas sobre as ameazas recibidas nalgunhas empresas por parte de traballadores dispostos a secundar a folga xeral do 29-M. Nin moito menos. Unha iniciativa que acaba de xurdir en internet ofrece a través do blog Yo hago huelga el 29M a posibilidade de que aqueles comercios e empresas que decidan apoiar o paro do vindeiro xoves se poidan apuntar nunha listaxe. O obxectivo, segundo a propia páxina, é "responsabilizarse e saber que as nosas actitudes afectan e poden cambiar as cousas, fomentando un consumo responsable". "Con esta ferramenta tratamos de facilitar á xente información para decidir onde e como consume despois da folga e saber así tamén que empresas priorizaron a defensa dos dereitos laborais", reivindica.