Feijóo anuncia un plan de emprego para o mesmo día da folga

Feijóo, nunha sesión de control no Parlamento © Xoán Crespo

Feijóo anuncia un novo plan de emprego para o mesmo día da folga xeral. A Xunta aprobará no Consello deste 29-M un novo proxecto, o Plan 500, dotado con 30 millóns de euros e que pretende beneficiar a 44.000 desempregados e desempregadas galegas, tal e como anunciou o presidente Núñez Feijóo, que aclarou tamén que a iniciativa prevé priorizar aos concellos con máis de 500 veciños en paro (o 30%) e promover a "cooperación e unión" dos municipios restantes para acceder aos fondos. A oposición ve neste anuncio outro "titular flamíxero para chamar a atención" xusto a un día da folga e o líder dos socialistas, Pachi Vázquez, recordoulle que a súa iniciativa supón "680 euros ao ano e 55 euros ao mes" por beneficiario.

O plan de emprego prioriza os concellos con máis de 500 veciños desempregados

O presidente da Xunta fixo este anuncio noutro pleno quente e xusto un día antes da folga xeral logo das duras críticas da voceira nacionalista, Ana Pontón, que censurou a política económica da Xunta e a súa "incapacidade" para deter a taxa de desemprego en Galicia. O secretario xeral dos socialista, Pachi Vázquez, instouno a abandonar "a súa política de resignación e fatalista" e pediulle que se sumase un plan dotado con 150 millóns de euros que pretende xerar 25.000 contratos para mozos. "Se ten vostede un plan, presénteo", retrucou Feijóo, quen se reafirmou en que Galicia está "mellor" que o conxunto de España.

O xefe do Executivo galego insistiu en botar a culpa do elevado paro en Galicia ao “escenario deixado” polo Executivo de Zapatero e ás políticas “apoiadas e compartidas polo PSdeG e o BNG”. De cara ao paro xeral convocado polos sindicatos, o xefe do Executivo amosa “todo o respecto” para os cidadáns que o apoien, pero matiza que os socialistas “non merecen ese respecto”. “O PSOE non representa os traballadores porque debaixo desas pancartas haberá unhas siglas que significan 5 millóns de parados e o maior déficit de Europa, esa é a maior burla ao PSOE desde a súa fundación”, dixo. 

Feijóo: "Os cidadáns que apoian a folga merecen respecto, pero o PSOE non o merece"

Ademais, tamén volveu cargar contra o BNG polo seu apoio aos socialistas. “Non me volva culpabilizar do desemprego existente en Galicia logo da pésima xestión laboral e lexislación laboral dos socialistas que vostedes apoiaron nos últimos oito anos, responsabilíceme se quere a partir de agora”, díxolle Feijóo a Ana Pontón.

Feijóo, durante unha intervención no Parlamento © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.