O Goberno do Brasil adía a licitación do tren de alta velocidade entre Río e São Paulo

O ministro dos Transportes do Brasil explica o adiamento © EPL

O Goberno brasileiro vén de anunciar un novo adiamento "de polo menos un ano" da licitación da primeira liña de tren de alta velocidade do país, que unirá Río de Janeiro e São Paulo, e na que están interesados consorcios de España, Francia e Alemaña.

O presidente do órgano do que depende a poxa, a Empresa de Planejamento e Logistica (responsable do proxecto do AVE), Bernardo Figueiredo, afirmou que a decisión de pospor a poxa tomouse despois de conversar cos países interesados.

Representantes de Talgo e Indra transmitíronlle ao ministro de Transportes brasileiro, César Borges, e ao propio Figueiredo, as dificultades para cumprir os prazos inicialmente previstos para a presentación das ofertas ás que se enfrontaba o consorcio español, do que tamén parte Renfe, nunha reunión de urxencia mantida na pasada semana. O negocio que se disputa en Brasil ascende a 13.000 millóns de euros.

O Goberno brasileiro non aceptará ofertas de empresas que sufrisen un accidente nos últimos cinco anos e Renfe parapétase en que os Alvia non son alta velocidade

O accidente ferroviario de Santiago afectou tamén á presentación da oferta española para facerse coa 'AVE brasileiro'. O sinistro dun Alvia fabricado por Bombardier e Talgo levou a Fomento e o sector ferroviario a centrarse na xestión da traxedia e a análise do ocorrido. O impacto do descarrilamento forzou tamén a Renfe a ceder o protagonismo no consorcio a Talgo e Indra. Aínda que o prego de licitacións indica que non se aceptarán ofertas de empresas que sufrisen un accidente no últimos cinco anos, Renfe se parapeta en que os Alvia non son alta velocidade.

O ministro dos Transportes do Brasil explica o adiamento © EPL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.