Almunia revela que o Goberno central decidiu non declarar "sistémica" a Novagalicia

Almunia, con Feijóo en Bruxelas © Comisión Europea

O comisario europeo da Competencia e vicepresidente da Comisión, Joaquín Almunia, vén sendo protagonista negativo da actualidade galega dende hai meses, en boa medida por méritos propios. A súa decisión sobre o tax lease do sector naval ou o seu papel na fusión das caixas convertérono nunha caste de demo familiar, algo que causou unha indisimulada satisfacción no seo da Xunta. Dalgún xeito, Almunia substituía a José Luis Rodríguez Zapatero na lista de arquiinimigos de Galicia formulada por Alberto Núñez Feijóo, algo ao que o socialista contribuíu tamén ao negarse a comparecer na comisión parlamentaria que investiga o sucedido coas antigas caixas. Porén, as respostas escritas do comisario están a revelar que os malos da película das caixas non están só en Bruxelas.

A diferenza entre Bankia e NCG foi decidida polo Goberno central, o Banco de España e o FROB

Almunia vén de remitirlle ao lexislativo galego a resposta ao segundo cuestionario que lle formulou, no que os deputados e deputadas lle preguntan se "o carácter sistémico co que se cualificou a determinadas entidades financeiras" foi "definido polas autoridades españolas". Traducido: dependeu do Goberno central que Bankia fose rescatada e non vaia ser vendida pero que Novagalicia Banco fose precipitada a unha poxa? "Efectivamente", responde Almunia. "As autoridades españolas, incluíndo o Ministerio de Economía e Competitividade, o Banco de España e o FROB estableceron cales das entidades baixo reestruturación e con necesidades adicionais de fondos públicos debía ser considerada sistémica".

Bruxelas non limitou a arbitraxe das preferentes

Unha vez sabido que, cando menos segundo Almunia, o gabinete de Mariano Rajoy fixo ouvidos xordos ao que se reclamaba dende Galicia -tamén dende a propia Xunta- para as súas finadas caixas, o cuestionario detense tamén nun dos ámbitos que tamén dependían, cando menos en parte, do departamento comunitario de Competencia: as preferentes. "Fixou a Comisión Europea algún límite máximo das persoas que podían someterse" á arbitraxe?, preguntouse dende Galicia. A resposta, ao contrario do que se dixo ou suxeriu dende o gabinete popular, é negativa.

A CE só advertiu de que a arbitraxe debía aplicarse tras un estudo "caso por caso"

"A Comisión Europea non estableceu límites específicos sobre o número de investidores en instrumentos financeiros (...) que eventualmente puidesen ter acceso aos procedementos de arbitraxe establecidos polas autoridades españolas, coa fin de dirimir os posibles casos de comercialización fraudulenta destes instrumentos". Así, explica, dende Bruxelas o único que se estableceu foi que a arbitraxe non debía ser unha caste de café para todos. Debíase "instrumentar mediante unha profunda análise caso por caso", pero sen límite de prazas e tamén sen impedimento ningún para que, se así o establecía un laudo arbitral ou unha sentenza xudicial, as persoas estafadas puidesen recuperar os seus cartos, sempre e cando estes non saísen dos fondos do rescate bancario.

Almunia, con Feijóo en Bruxelas © Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.