0 Gardados para despois

Históricas manifestacións contra a reforma laboral

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Os sindicatos falan de mobilizacións "históricas", con centos de milleiros de galegos e galegas nas rúas. As estimacións sumadas das centrais convocantes falan de 200 mil persoas en Vigo, 100 mil na Coruña, 40 mil en Compostela, 40 mil en Ferrol, 25 mil en Pontevedra, 15 mil en Ourense, 15 mil en Lugo ou 8 mil en Vilagarcía. Cifras que as policías locais de cada cidade rebaixan, pero que seguen sendo elevadas e por exemplo en Vigo o Concello ofrece unha cifra total de 105 mil manifestantes, e na Coruña o cómputo oficial é de 60 mil persoas. 

Máis aló da guerra de cifras, a participación rebordou as expectativas e foi moi superior á rexistrada nas mobilizacións laborais da última década. Non en van, dende primeira hora da mañá a referencia deixou de ser a folga xeral de 2010 e as centrais sindicais comezaron a poñer a vista na de 2002, contra o decretazo de José María Aznar. Nas rúas e prazas houbo ambiente de festa e de primavera das persoas. Por poñer un exemplo, nas manifestacións que tiveron lugar o 29 de setembro de 2010, nunha folga convocada por todos os sindicatos, como esta, a asistencia ás marchas foi importantes, pero moito máis reducida. Daquela, os sindicatos falaban de 125 mil manifestantes en Vigo, por exemplo, ou de 50 mil na Coruña, cifras rebaixadas á metada polos respectivos concellos.

(ESTAMOS TRABALLANDO NA AMPLIACIÓN DESTA NOVA. EN BREVE TEREDES CRÓNICAS DAS MANIFESTACIÓNS, MÁIS FOTOS E POLA NOITE, VIDEOS)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Máis de 100.000 persoas claman contra a reforma polas rúas viguesas

Vigo acolleu os actos centrais, tanto da CIG coma de CCOO e UGT, e contou coa intervención dos secretarios xerais de todos os sindicatos, Suso Seixo (CIG) por unha banda, e José Antonio Gómez (UGT Galicia) e Xosé Manuel Sánchez Aguión (S.N. de CCOO de Galicia) polo outro que fixeron referencia ao carácter "histórico" destas mobilizacións. CCOO e UGT salientaron que "o éxito da folga non é mérito dos sindicatos convocantes, senón dos traballadores e das traballadoras"; as dúas centrais afirmaron que "o traballo sindical realizado a través dunha ampla campaña informativa e o traballo empresa a empresa, dá un resultado que se reflicte no seguimento xeral da folga e nas principais empresas galegas que se atopan nestes momentos en situación de paro".

Ademais das dúas manifestacións principais, unha terceira marcha, convocada por CUT, CGT e CNT, percorreu as rúas de Vigo, tamén cunha numerosa participación: dez mil persoas segundo os organizadores e catro mil segundo a policía local"

Manifestación da CIG en Vigo

A CIG maniféstase por Vigo, na súa mobilización central da xornada de folga contra a reforma laboral

CC BY-SA CIG

Resposta sen precedentes na Coruña

Decenas de milleiros de persoas encheron as rúas do centro da Coruña nunhas mobilizacións cualificadas xa de “históricas” polos sindicatos convocantes. Unha ollada aos números facilitados pola Policía Local dá idea do éxito das protestas, ao situar o número total de manifestantes en preto de 55.000 (39.200 na manifestación de CCOO e UGT e 14.200 na da CIG), unhas cifras que as centrais elevan a 90.000 (60.000 e 30.000 respectivamente).

Aínda que cunha incidencia menor no pequeno comercio e na hostalería, sobre todo na zona centro,  o paro foi acusado nos polígonos da cidade ou no peirao e o ambiente de mobilización estendeuse por boa parte da cidade durante toda a mañá. A praza de Vigo, punto de saída da manifestación da CIG, e a da Palloza, lugar elixido por CCOO e UGT, enchéronse ben cedo e tiveron que ceder espazo aos manifestantes que continuaban chegando cando as cabeceiras xa marchaban cara aos Cantóns. Sindicalistas de toda a vida, traballadores, xubilados e xente nova, moita xente nova. A masiva presenza de mozos foi un dos detalles máis destacados dunhas mobilizacións nas que ás pancartas habituais dos sindicatos uníronselle tamén unha morea de carteis artesanais ao modelo do 15-M. Neles, críticas á reforma laboral, ao Partido Popular ou aos banqueiros.

"A maior manifestación histórica do sindicalismo nacionalista na Coruña"

As mesmas consignas, pero berradas, repetíronse durante as marchas, que aproveitaron o paso polas principais sedes das entidades bancarias para descargar a súa indignación en forma de asubíos. No momento no que comezaban os discursos, milleiros de persoas intentaban aínda achegarse ás cabeceiras da manifestación para escoitar algo. Paulo Carril, secretario comarcal da CIG, non dubidou en cualificar a marcha como “a maior manifestación histórica do sindicalismo nacionalista na Coruña”, mentres que os líderes locais de UGT e CCOO agradeceron a masiva presenza e chamaron a superar calquera tipo de división no bando dos “decentes”, ao que pertencería toda a clase traballadora, e que contrapoñe aos "desgraciados". CUT e CGT e mais a CNT tamén se manifestaron polas rúas da cidade durante a mañá.

O centro da capital anégase cunhas protestas "memorables"

Na capital de Galicia dende primeiras horas se percibiu un ambiente de mobilización moi superior ao de anteriores convocatorias. Non en van, a actividade dos principais centros industriais da cidade, o polígono do Tambre e o do Milladoiro, estiveron, en palabras de membros dos piquetes informativos, "baixo mínimos" dende primeiras horas da xornada. Algo semellante aconteceu noutro dos principais termómetros da cidade durante unha xornada de folga, a universidade, cos dous campus sen apenas actividade académica e tamén sen incidentes, exceptuando puntuais episodios de tensión na Facultade de Dereito.

"Queremos traballar e non emigrar" ou "os cartos dos banqueiros, ao salario dos obreiros" foron das consignas máis repetidas

Sobre esta base, media hora antes de que comezase a primeira das manifestacións, a de CCOO e UGT, a Alameda compostelá xa presentaba un aspecto sensiblemente diferente á da anterior folga na que participaron ambas centrais, en 2010. Fronte aos abondosos espazos baleiros daquela convocatoria o punto de inicio da mobilización foi anegado por unha verdadeira marea humana na que, como despois acontecería tamén na convocatoria da CIG, destacaba a presenza de múltiples grupos de mocidade, moitos deles amosando pancartas elaboradas artesanalmente nas que era posible ler, por exemplo, listaxes de políticos que ocupan postos en empresas privadas ou un contundente "a reforma laboral é unha merda pinchada nun pau".

Cando CCOO e UGT ateigaban xa varias rúas do Ensanche de Compostela arrincaba a marcha da CIG, fortemente vixiada por axentes antidisturbios malia á total ausencia de incidentes. Os membros desa unidade policial flanqueaban os primeiros metros dunha marcha que, pola súa concorrencia, se estendeu durante case dúas horas ata chegar á Praza da Quintana. "Queremos traballar e non emigrar" ou "os cartos dos banqueiros, ao salario dos obreiros" foron algunhas das consignas que os axentes anotaban mentres moitos dos presentes amosaban a súa satisfacción pola boa resposta lograda. "Foi memorable", aseguraba o secretario comarcal da central nacionalista, Anxo Noceda, quen ve na manifestación o reflexo dunha folga que supón un "éxito" e que, di, amosa ás claras que contra a reforma laboral "non serven panos quentes".

A asistencia ás protestas deixa "curtas" as previsións

Nas dúas grandes cidades do interior galego os tres principais sindicatos tamén celebraron concorridas manifestacións ao longo da xornada. En Ourense a afluencia de persoas tanto á mobilización convocada por CCOO e UGT como á da CIG deu lugar a que ambas marchas se celebrasen por separado pero a apenas uns metros de distancia. Dende as tres centrais sindicais coincidiuse en sinalar a xornada de folga como "un éxito" que, explica o secretario da CIG, Etelvino Blanco, xa comezou durante a mañá, cando "piquetes informativos das tres centrais" percorreron os polígonos industrais, promovendo un paro que foi "exemplar nas formas" e "realmente impresionante" no seu seguimento, afirma.

A parálise total do servizo de recollida de lixo ou o peche do principal centro comercial da cidade e, en xeral, os abondosos peches na capital da provincia levaron os sindicatos a considerar que mesmo "quedaran curtos" na "valoración" previa dunha xornada na que apenas se produciron incidentes, á marxe dalgúns enfrontamentos entre piquetes e propietarios de negocios a primeiras horas da mañá.

Tamén foron de pequena entidade os incidentes en Lugo, onde só destacaron algúns momentos de tensión no polígono industrial do Ceao, durante a mañá, e o boicot a pechaduras de varias entidades bancarias no centro da cidade. Con só catro liñas de autobús e o 12% das brigadas de limpeza operativas celebráronse dúas manifestacións que os convocantes recoñecen como as "máis numerosas" dos últimos anos. A CIG, dende o Parque da Milagrosa, e Comisións e UGT, dende a Ronda da Muralla xuntaron, segundo cálculos sindicais, unhas 10.000 persoas.

PSdeG e BNG chaman o Goberno central a "tomar nota" da mensaxe das rúas

As manifestacións centrais dos sindicatos en Vigo foron as elixidas polos líderes de PSdeG e BNG para explicitar o apoio á das dúas forzas da oposición parlamentaria galega á folga xeral. Parte da dirección do Bloque, co seu portavoz nacional á cabeza, uniuse á manifestación da CIG para rexeitar a reforma que "atenta contra os dereitos dos traballadores e traballadoras" e fronte a que as protestas, di, supuxeron un "éxito" que é "manifestación dun profundo descontento social coas políticas do PP".

En opinión do líder nacionalista se os conservadores "non escoitan a manifestación de profundo descontento social" que representa a folga "cavará o seu desprestixio a unha velocidade nunca vista". Neste sentido, Vázquez esixe que o PP "tome nota" e proceda á "retirada" do proxecto de reforma laboral. "Para o BNG é elemental en democracia que o Goberno tome nota", subliña.

Pola súa banda, dende a manifestación de Comisións Obreiras e UGT, o secretario xeral do PSdeG manifestou o seu "orgullo" por poder participar, como "un máis", na mobilización na que "centos de milleiros" de persoas "defenden os dereitos que tanto tempo nos levou conseguir". Fano, di, "dicindo non a unha reforma laboral que só é unha máquina de destruír emprego e dereitos sociais". "O futuro pasa pola reactivación económica, por blindar os servizos públicos" e non por que os traballadores "paguen unha crise que non provocaron", conclúe.

Dende a manifestación de CCOO e UGT en Vigo o secretario xeral do PSdeG maniféstase "orgulloso" de participar nunha folga para defender os dereitos adquiridos "durante trinta anos"

CC BY-SA Praza Pública