0 Gardados para despois

Os sindicatos eloxian o "apoio masivo" dos galegos á folga xeral

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


“Éxito rotundo e indubidable”, “resposta contundente e clara”... Horas despois xa das masivas manifestacións que percorreron as cidades galegas, os secretarios xerais dos principais sindicatos do país manteñen a súa satisfacción inicial. Os líderes de CCOO, UGT, CIG e CUT destacan o “apoio masivo” que a clase traballadora galega deu á folga xeral e fan fincapé na alta mobilización que tivo lugar en Galicia, cun nivel superior ao da maioría de territorios do Estado.

"Hai tempo que non se lembran manifestacións como estas en Galicia"

“A folga foi un éxito total e indubidable; hai tempo que non se lembran manifestacións como estas en Galicia”, relataba José Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO-Galicia, que cre que os traballadores galegos deron ao Goberno “un primeiro aviso claro e nítido de que se segue o mesmo camiño vai atopar de fronte á maioría social do país”. Nesa advertencia “inicial” coincidiron todos os sindicatos, como a CIG, que en boca do seu secretario xeral, Suso Seixo, aclara que a central “continuará coa mobilización social e dando a batalla día a día”. E daraa porque, como el cre, o Goberno central “non vai retirar a reforma laboral”. “Se tivese un mínimo de sensibilización social, faríao, pero desgraciadamente supoñemos que o PP aplicará a súa maioría absoluta para aprobala”, lembra. Ricardo Castro, da CUT, é da mesma opinión e considera que a folga xeral debe servir para “iniciar un camiño”. “Ten que ser o primeiro paso de cara a máis mobilizacións porque estou seguro de que cun só aviso o Goberno non mudará nada; unha mobilización non basta, teremos que seguir golpeando ata que cedan”, reclama.

"Isto só é un primeiro aviso porque seguiremos dando a batalla e mobilizándonos"

José Antonio Gómez, líder de UGT-Galicia, xa advertira ao comezo das manifestacions que “a vía da conflitividade continúa aberta”. “Non pararemos ata tombar a reforma laboral”, asegurara tras louvar tamén a “resposta contundente” dada polos traballadores galegos, tanto no seguimento da folga como nas rúas. 

Ademais, todos os sindicatos coinciden en que desta vez os traballadores “entenderon perfectamente o que supoñen estes cambios lexislativos e non están dispostos a tragalos”. “A xente terminou entendendo, logo de moito esforzo, que estamos ante un intento claro do Goberno e da patronal de desmontar o dereito ao traballo e o marco de relacións laborais existente para darlle todas as vantaxes e o poder aos empresarios, que poderían actuar de forma unilateral”, di Suso Seixo, que insiste en que a única posibilidade para crear emprego é “cambiar as políticas económicas para reactivar a economía e o emprego”. “Utilízase a reforma para rebaixar salarios e establecer  un modelo infame e terceiromundista para os traballadores, que quedarán nunha situación precaria e desprotexida”, engade Sánchez Aguión.

CIG e CUT cren que a elevada mobilización en Galicia débese "ao papel que xoga o sindicalismo nacionalista"

Por último, tamén todos os representantes sindicais destacan o elevado nivel de mobilización e seguimento da folga xeral que se deu en Galicia en comparación con outras comunidades autónomas, aínda que CIG e CUT atribúenlle o mérito “ao papel que xoga o sindicalismo nacionalista” no país. “É curioso que a participación máis alta se dese no noso país e en Euskadi”, lembra Seixo, que cre que “a actitude máis combativa e activa” das centrais nacionalistas ten moito que ver coa elevada mobilización en Galicia. Así o considera tamén Ricardo Castro, da CUT,  que recorda que “un sindicato alternativo” e nacionalista como o que el representa reuniu preto de 10.000 persoas na manifestación celebrada en Vigo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.