0 Gardados para despois

Novagalicia Banco entra en perdas e ser poxada xa é a súa primeira opción

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Novagalicia Banco está máis cerca de pasar á historia. Cando menos, como unha entidade financeira autónoma e galega. Despois de que, o pasado febreiro, o ministro de Economía, Luis de Guindos, anunciase que a súa intención pasaba por sacar á venda "o antes posible" as entidades financeiras nacionalizadas -caso de NCG Banco- a mala saúde interna do banco no que culminou o proceso iniciado coa fusión das antigas Caixa Galicia e Caixanova vén poñer a guinda ao pastel do afogamento da empresa. A través dun comunicado enviado de madrugada á Comisión Nacional do Mercado de Valores tras a celebración do seu consello de administración a entidade admitía que viña de entrar en perdas por primeira vez, un buraco de de 168,7 millóns de euros que 69,5 son do propio banco -non do resto do grupo-.

Ademais de tornar aínda máis escuro o plan de "seguir en solitario", aseverado dende a dirección de NCG Banco poucos días antes de coñecerse estes resultados, as perdas terán un efecto inmediato para os clientes, nomeadamente para os titulares das participacións preferentes. Mentres arrecian as protestas dos afectados por este produto financeiro e a imaxe da entidade se deteriora notablemente pola cuestión o desequilibro entre ingresos e gastos provoca que Novagalicia non vaia pagar os xuros nin destas participacións nin das "obrigas subordinadas perpetuas".

As perdas de 168,7 millóns teñen un efecto inmediato nos clientes das preferentes, que non cobrarán os seus xuros

Non obstante, dende o consello de administración presidido por José María Castellano asegúrase que este bloqueo nos pagamentos é "conxuntural" e só durará ata que culmine o proceso para cumprir cos requisitos marcados no Real Decreto Lei de Saneamento do Sector Financeiro. Para cumprir esas normas NCG Banco pon sobre a mesa dúas posibilidades que tampouco deixan lugar a moitas esperanzas, tendo en conta ademais que a primeira delas é ser poxada, isto é, seguir o mesmo destino que entidades como a antiga Caja de Ahorros del Mediterráneo ou a catalá Unnim, adxudicada polo Banco de España ao BBVA por un euro. Quen estará a agardar pola poxa? Como xa ten informado Praza Pública, ademais do propio BBVA, farano La Caixa e Santander, isto é, a gran banca española.

A segunda opción formulada dende NCG Banco é a entrada de investidores privados que se fagan cun mínimo do 20% da entidade e vaian asumindo as participacións que actualmente ten o Estado, a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). En ambos casos, poxa ou entrada de investidores, a proposta do banco contempla tamén a aplicación dun Esquema de Protección de Activos, isto é, que o Estado asuma cando menos unha parte das perdas da entidade financeira. Será con esta perspectiva de perdas e imaxe deteriorada poucas semanas despois de lanzar a súa marca comercial para fóra de Galicia, EVO Bank, coa que Novagalicia agarde o veredito do Banco de España, que ten ata o 24 de abril para decidir.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.