"Non estamos afeitos a traballar en equipo, pero a nosa forza vai vir de aí, de que nos conectemos"

Desirée Vidal, coordinadora do evento Dominio Público Estruming Days

O futuro (tamén) é rural. Pero para que a riqueza do rural galego e os seus produtos multipliquen o seu valor é necesario que se aproveiten todas as ferramentas tecnolóxicas e de deseño al noso alcance, cómpre tamén reducir a fenda que decote se abre entre campo e cidade, de costas un do outro, e cómpre a posta en conexión de ideas, proxectos e vontades que, sen sabelo, xa traballan na mesma lonxitude de onda. Este venres celébrase en Pontevedra a primeira sesión do Estruming Days, un espazo de networking, intercambio e formación para profesionais que busca poñer en valor as potencialidades e produtos do rural a través do deseño, a tecnoloxía e o I+D. Está dirixido a persoas que "aproveiten, dinamicen e/ou traballen o rural galego cunha mirada actual e global", segundo os seus organizadores, e contará con dúas sesións máis en outubro e novembro. 

"Sabemos que hai profesionais innovadores, creativos e arriscados en Galicia e queremos visibilizar e difundir o seu traballo entre outros profesionais con inquedanzas e ganas de coñecer e medrar", din os seus responsables, que animan a participar a "empresarios e emprendedores, entidades sociais e asociacións, empresas en activo e proxectos en incubación". "Hai que combinar o propio e o común, respectando a identidade e aproveitando os recursos”, dinos Desirée Vidal, coordinadora do evento, que destaca o valor do encontro en si mesmo, da posta en común de experiencias semellantes: "nisto aprendemos moito do Lacon Network. Está todo moi disperso, non estamos afeitos a traballar en equipo e colaborar. Pero a nosa forza vai vir de aí, de que nos conectemos e traballemos xuntos. Iso dá autonomía e dálle riqueza aos proxectos". Destaca ademais que é "sorprendente" atopar moitos proxectos e pequenas empresas que apenas son coñecidas en Galicia, mesmo por persoas do mesmo sector, pero que teñen unha actividade moi importante no extranxeiro: "cómpre facer comunidade, conectar esa xente”, conclúe

"Está todo moi disperso, non estamos afeitos a traballar en equipo e colaborar. Pero a nosa forza vai vir de aí, de que nos conectemos e traballemos xuntos. Iso dá autonomía e dálle riqueza aos proxectos"

A fenda entre o rural e o urbano existe, é innegable, e ás veces é inmensa, a pesar de que en Galicia o rural invade a cidade por todas as vías posibles, dende a orixe dos seus propios habitantes até os produtos que consumimos ou a paisaxe que se adiviña no horizonte. Dende a cidade ignórase a aldea, e dende a aldea ás veces custa acoller dinámicas, ferramentas e innovacións que conectan co mundo e axudan ao desenvolvemento a partir do propio. "Son moitas décadas de abandono do rural, de dinámicas negativas, de falta de información en moitos aspectos", di Desirée Vidal, pero a clave é a información e o traballo conxunto: "ten que ver con como a cada un lle chega esa concienciación. Se unha persoa non entende por que é importante reciclar, non o vai facer". De igual xeito, ás veces as etiquetas de produto ecolóxico ou produción de proximidade só son efectivas para os xa convencidos, aínda que moitos outros consumidores sexan conscientes das vantaxes que van ligadas a eses conceptos. Cómpre, pois, un traballo máis efectivo á hora de "vender" esta actividade.

"Son moitas décadas de abandono do rural, de dinámicas negativas, de falta de información en moitos aspectos"

A idea destes Estruming Days partiu de José Bravo, presidente da mancomunidade de montes do Salgueiral, en Pontevedra. "Unha persoa de cidade, que foi vivir á zona rural, e fíxose cargo da comunidade de montes porque ninguén dos antigos comuneiros quería facerse cargo desas responsabilidades. E foi o que se puxo en contacto coa nosa empresa. A partir deste contacto comezamos a traballar en temas de patrimonio cultural e natural, e sobre a identidade. Viamos que moitos destes elementos, ou ben non eran coñecidos, ou ben non eran valorados", explica Desirée Vidal. "Non buscamos innovar por innovar. Buscamos renovar os modelos de negocio. Neste tema é fundamental aplicarlle i+d, deseño e tecnoloxía", subliña.

As sesións dos Estruming Days combinan a presentación de novos proxectos con relatorios e sesións de expertos ou de iniciativas máis consolidadas. Woodglass (unha marca de gafas de sol feitas a man "que combina deseño e natureza"), Cenlitrosmetrocadrado (estudio de deseño e comunicación "cunha identidade de marcado carácter atlántico"), Saborplace (unha comunidade virtual para a adquisición de alimentos de alta calidade directamente do productor ó consumidor), Elogia, Orballo innovacións forestais (empresa de economía social que nace no rural coruñés co obxectivo de recuperar os bosques atlánticos) e Adegas Fermenta son as empresas convidadas. 

"Non buscamos innovar por innovar. Buscamos renovar os modelos de negocio. Neste tema é fundamental aplicarlle i+d, deseño e tecnoloxía"

Tamén haberá premios: o premio INCUBA para proxectos en incubación e o premio MEDRA para empresas ou proxectos de dinamización en activo. Os premiados gozarán dun programa de asesoramento persoal Executive Coaching impartido por Raquel Pedrouso. O obxectivo é darlles maior visibilidade e apoio ás boas prácticas, recoñecendo aqueles participantes "que estean a traballar dun xeito creativo, coherente e innovador no rural ou co rural, incorporando nos seus proxectos e modelos de negocio criterios de responsabilidade social, sostenibilidade ambiental, economía social ou valorización da identidade cultural". 

Que sairá desta colleita? Verase no seu momento. En calquera caso, é o estrume o que fai crecer as cousas.

Desirée Vidal, coordinadora do evento Dominio Público Estruming Days

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.