Cartos para o AVE si, e para o demais?

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

Un investimento centrado case exclusivamente no AVE, "ficticio" e "non real", sobre obras que "non son a prioridade" e que prolongarán a crise e a desigualdade social en Galicia e no Estado. Así se pode resumir a reacción da oposición galega ao proxecto de lei dos Presupostos Xerais do Estado (PGE), presentado o pasado luns polo Goberno, que volve destinar máis da metade dos cartos para o país á Alta Velocidade.

A oposición insiste en que o Goberno "infla de forma ficticia" a partida para o AVE, que logo non se executa

No entanto, iso, segundo o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, permitirá "o cumprimento dos prazos" de infraestruturas pendentes, como a conexión do AVE á Meseta. Ademais, destaca o aumento de case o 70% nos investimentos para obras hidráulicas e para as depuradoras e o saneamento en Vigo, Ourense ou Ferrol, así como "o esforzo moi positivo" que, segundo a Xunta, se dá en estradas e, máis concretamente, na autovía Santiago-Lugo.

Nada que ver co expresado cos partidos da oposición, que centran precisamente as súas críticas na case exclusividade que o AVE recibe en canto a un investimento no que, ademais, non acreditan. Así, o BNG entende que os fondos consignados nos PGE para Galicia "son virtuais" e aseguran que o Goberno "repite o truco de anos anteriores" ao "inflar de forma ficticia" a partida para a Alta Velocidade e que supón máis da metade do que recibe a autonomía.

"É prioritario investir a maioría das partidas no AVE?", pregúntase AGE, que contrasta estes cartos cos "recortes sociais"

De feito, e segundo Xavier Vence, voceiro nacional do Bloque, dos orzamentos vixentes para este ano só se executaron o 60%. "A lei non ten nada que ver co que se executa", lembrou Rosana Pérez, deputada no Congreso. Ademais, censuran que a unión por alta velocidade entre Lugo e Ourense está "absolutamente paralizada" malia que había contías xa asignadas.

AGE vai máis aló e advirte de que "discrepa coas prioridades" que o Goberno ten para Galicia. "É prioritario investir a maioría das partidas no AVE? Alternativa Galega de Esquerda cre que non", asegurou Yolanda Díaz, vicevoceira do grupo parlamentario, que contrasta estes investimentos cos "recortes sociais" e que cre que as contas para 2014 "non serven para avanzar na modernización de Galicia". Ademais, repara no elevado peso que Fomento outorga ás infraestruturas viarias como as autovías. "Somos o país que máis temos, pero non somos capaces de cohesionar o territorio", insistiu tras lamentar a falta de conectividade dos portos a través da rede ferroviaria.

No caso do PSdeG, a crítica céntrase en que "non hai obra pública máis aló do previsto para o AVE", un investimento que "logo non se vai executar, polo que é irreal". Así o cre Miguel Cortizo, deputado socialista no Congreso, que censura as "inxustizas sociais" que provocan os recortes das pensións ou en educación, que cre que debía ser o prioritario, pero que repara tamén que non se inclúan nos PGE partidas para a depuradora de Silvouta en Santiago ou para a ampliación da AP-9 e a conexión con Lavacolla.

A depuración das rías, o dique flotante ou a ampliación da AP-9 son esquecidas polo Executivo nos orzamentos

Son só algún dos investimentos que a oposición bota en falta. Así, no proxecto de lei dos Orzamentos non hai fondos para a depuración das rías galegas, agás unha partida "máis ou menos importante" para a de Vigo. A da Coruña, a máis danada, e a de Ferrol, están "practicamente anuladas", segundo denuncia o BNG, que destaca tamén o escaso apoio dos sectores produtivos galegos e a "desaparición" da partida destinada a construír o dique flotante na ría ferrolá e que dá outro golpe ao naval.

Máis aló da crítica ás partidas detalladas, toda a oposición coincide en censurar unhas contas que "prolongan a crise e o encacamento", como di o BNG, que cre que están feitos "para beneficiar a banca, as compañías eléctricas e as grandes construtoras" a costa "dos asalariados e dos pensionistas". "Son os Presupostos do empobrecemento e da desesperación", dixo Vence, que xa anunciou que o grupo nacionalista presentará unha emenda á totalidade das contas no Congreso.

Mentres, o PPdeG destaca que o Estado protexe con recurso públicos a viabilidades dos grandes proxectos e insiste en que, fronte ás estradas, "o prioritario" para o Goberno "son as persoas", polo que "un de cada dous euros" dos PGE van destinados a manter as prestacións de desemprego e as pensións.

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG © BNG
Yolanda Díaz © Esquerda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.