"Os orzamentos do Goberno son o recoñecemento do seu fracaso"

Montoro, Currás e outros altos cargos, na presentación dos Orzamentos do Estado © Ministerio de Facenda

O Goberno de Mariano Rajoy presentou esta semana o seu proxecto de orzamentos para o vindeiro ano, o terceiro da lexislatura, que o propio executivo cualificou como as contas "da recuperación", ao prever que España sairá da situación de recesión para pasar a crecer unhas décimas. Porén, as mesmas contas gobernamentais recoñecen que apenas se creará emprego e que a taxa de paro se manterá en máximos históricos. Os orzamentos son continuístas e o aumento do gasto, en case un 3,7%, xustifícase en gran medida pola marcha da nómina das pensións, que crece máis dun 5,4% debido ao elevado número de pensionistas que están a ingresar no sistema. Séguese recortando en investimento produtivo, como en infraestruturas cunha caída do 8,6%, ou en I+D+i, que no apartado civil só ten unha escasa mellora do 1,3%. Tamén cae a formación para o emprego un 14%.

Séguese recortando en investimento produtivo, como en infraestruturas cunha caída do 8,6%, ou en I+D+i, que no apartado civil só ten unha escasa mellora do 1,3%. Tamén cae a formación para o emprego un 14%

En materia social, o Executivo conxelará as pensións, ás que polo momento prevé unha revalorización do 0,25% cando a evolución dos prezos estará por encima do 1%, e unha conxelación dos soldos dos funcionarios. O Goberno prevé melloras en case todos os impostos, como IRPF, IVE ou Sociedades, cando tamén contempla que se siga destruíndo emprego ou que a demanda nacional caia un 0,4%. Ademais, prevé que as cotizacións sociais dos ocupados caian un 3,9%, o que fai aínda máis difícil de crer as súas estimacións de mellora de consumo privado ou de recadación de IRPF. Ademais, o Goberno confía en que outro tipo de ingresos melloren e fagan subir as arcas do Tesouro, como os ingresos por lotarías ou a devolución de créditos concedidos en anos anteriores. Outra das vías de ingresos que canaliza liquidez ao presupueso é tirar do peto das pensións da que se sacarán algo máis de 11.000 millóns de euros.

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia destacou este venres que as contas do Goberno "contribúen a desmantelar o sistema de servizos sociais"

De igual xeito, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia destacou este venres que as contas do Goberno "contribúen a desmantelar o sistema de servizos sociais", e cualificou de “indigno e de falta de respecto”, que ás familias que máis o precisan se lle reduza un 36% a partida destinada a servizos sociais e á promoción social, de 2.848 a 1.809 millóns de euros. Os orzamentos mostran que o Goberno tampouco prevé que entren novos dependentes no sistema, xa que mantén os 1.087 millóns destinados ao nivel mínimo, a suma da cantidade que o Estado paga ás autonomías por cada dependente. “Tendo en conta que 201.729 persoas con dereito a unha axuda non a están recibindo, resulta incomprensible que se manteña a mesma cantidade”, afirma Diana Parada Alvedro, presidenta en funcións. “Isto leva ao drama de que moitas persoas morran antes de recibir unha axuda”, conclúe.

 

Os orzamentos da recuperación?

Manuel Lago salienta que "hai moita diferenza entre saír da recesión e saír da crise. A economía española sairá da recesión para entrar no estancamento económico, que é o que significa crecer por debaixo do 1%"

Os brotes verdes salientados polo Goberno céntranse na espectativa de que o PIB creza unhas décimas en 2014. Porén, o economista Manuel Lago salienta que "hai moita diferenza entre saír da recesión e saír da crise. A economía española sairá da recesión para entrar no estancamento económico, que é o que significa crecer por debaixo do 1%". Para Lago, "o probable é que a economía española abandone as taxas negativas dos anos 2012 e 2013, pero non será grazas á política económica do PP, senón polo ciclo económico da economía europea, o que non deixa de ser a esencia dos ciclos capitalistas: despois dunha fase de recesión sempre vén unha fase de expansión. Pero que o PIB creza dúas, tres, catro décimas non significa saír da crise. Sairemos da crise cando se recupere o PIB que tiñamos antes da recesión, cando se recupere todo o emprego que perdemos, os catro millóns de empregos que perdemos".

O economista denuncia que "o Goberno está empregando unha trampa semántica coa que queren que sexa equivalente saír da recesión con saír da crise" e comenta que "todo é moi fráxil, calquera suceso (Siria, o Congreso norteamericano, Berlusconi...) pode reverter a tendencia positiva". Para Manuel Lago, "o máis negativo é que ningún dos elementos de fondo que nos meteron neste lío: a crise financeira, a desigualdade de rendas, a caída dos salarios reais, a desindustrialización..., nada de todo isto está resolto".

"O máis negativo é que ningún dos elementos de fondo que nos meteron neste lío: a crise financeira, a desigualdade de rendas, a caída dos salarios reais, a desindustrialización..., nada de todo isto está resolto"

"Como podes presentar uns orzamentos como os da recuperación cun crecemento que non crea emprego, coa ratificación dunha taxa de paro por riba do 25% e unha débeda pública próxima ao 100%? Xa só iso reflicte que a recuperación non está comezando". O tamén economista Marcelino Fernández Mallo tampouco acredita nas mensaxes que falan de "recuperación" e subliña que "é normal", porque "eles non apoian a recuperación". Para Fernández Mallo, "a base conceptual do orzamento é seguir reducindo as rendas dos cidadáns, e polo tanto seguir reducindo a demanda interna, e ademais seguir reducindo a achega do Estado ao PIB, a través do recorte do investimento público. Parece que o fían todo ao mercado exterior, pero se nós descompoñemos o PIB, as súas partidas básicas sempre foron o consumo interior e o investimento". Conclúe que "a recuperación chegará cando cheguemos a unha situación insostible, cando xa non haxa máis capacidade de rebaixar o consumo, e cando non haxa máis capacidade de prescindir de mano de obra por parte das empresas. É dicir, chegará da man da propia sociedade e da propia economía, pero sen ningunha achega do Estado".

Para Fernández Mallo, "a base conceptual do orzamento é seguir reducindo as rendas dos cidadáns, e polo tanto seguir reducindo a demanda interna, e ademais seguir reducindo a achega do Estado ao PIB, a través do recorte do investimento público"

Manuel Lago conclúe que "os orzamentos do Goberno son en si mesmos o recoñecemento do seu fracaso" e lembra que cando Rajoy chegou ao poder en novembro de 2011 "a economía española estaba neste mesmo crecemento débil, e a política que puxeron en marcha nos dous últimos anos levounos de cabeza á recesión económica. O seu terceiro orzamento asume que van pechar tres cuartas partes da lexislatura cunha perda de millón e medio de empregos". "Son uns orzamentos mediocres, acomodaticios, non se advirte ningunha estratexia de relanzamento económico", resume.

 

E Galicia?

Fernández Mallo salienta que "a asignación de fondos é ineficiente" pois "volvemos incidir na construción do AVE como pedra angular da política de investimentos do Goberno central en Galicia

En canto a Galicia, Fernández Mallo salienta que "no que respecta á dotación de fondos territorializables non saímos mal parados, aínda que a cuestión non é o orzamento, senón a execución dese orzamento, e nestes últimos anos vimos como non se executaron os fondos previstos". Dos máis de 1.300 millóns que o Estado investirá en Galicia, 1.273 procederán do Ministerio de Fomento, que volve centrar o gasto no AVE, que absorbe arredor do 60% destes cartos, uns 770 millóns. o entanto, e en contraste, as partidas para o estudo da implantación dun tren de proximidade e para as liñas de Portugal, Lugo e Ferrol quedan practicamente en nada.

Neste senso, Fernández Mallo salienta que "a asignación de fondos é ineficiente" pois "volvemos incidir na construción do AVE como pedra angular da política de investimentos do Goberno central en Galicia, cando o AVE non deixa de ser unha ferramenta de comunicación de cidadáns entre Galicia e Madrid". O economista conclúe que "o que se necesitaría agora serían fondos para impulsar o investimento produtivo. Non hai investimento público e tampouco impulso ao investimento privado".

 

Emprego e ingresos

"Se eles din que a economía non vai crecer e que si se vai crear emprego, é que asumen que a produtividade vai descender, e que o que se vai crear é emprego absolutamente precario, a xornada parcial, emprego con baixos salarios, emprego non competitivo"

O desemprego, cunha taxa que se manterá durante varios anos por riba do 25%, e a falta de ingresos son os grandes problemas da economía española, e aos que estes orzamentos non responden. Dende o Goberno leva tempo apuntándose que, fronte á análise tradicional, que fala de que para que en España se cree emprego cómpre que a economía creza por riba do 2% anual, agora (en virtude da reforma laboral) pódese crear emprego con crecementos inferiores ao 1%. "É unha barbaridade", di Manuel Lago, que explica que "o maior recoñecemento do fracaso e da pobreza de ideas do Goberno e dos economistas que o apoian é dicir que coa reforma laboral xa non é necesario crecer un 2% para crear emprego. A relación entre a produción total, o PIB, e o número de traballadores é a produtividade. Se eles din que a economía non vai crecer e que si se vai crear emprego, é que asumen que a produtividade vai descender, e que o que se vai crear é emprego absolutamente precario, a xornada parcial, emprego con baixos salarios, emprego non competitivo". "É unha aberración. É un reparto da miseria", conclúe.

"España recada dez puntos sobre o PIB menos que Italia. Faltan 100.000 millóns de euros, que modificarían completamente o escenario do que falamos"

Manuel Lago debulla as contas e explica que en canto aos gastos, "o que fai é cumprir coas obrigas: pagar os intereses da débeda, segue pagando as pensións e o salarios dos traballadores públicos, pero non hai investimentos público real, máis aló de ir cumprindo compromisos anteriores, coma no caso do AVE. Non hai elementos novos". Porén, para o economista o gran problema segue estando na falta de ingresos: "Rajoy mantén os mesmos tipos impositivos, que están na parte alta dos que se rexistran en Europa, subiu o IVE, e mesmo así non medra a recadación, seguimos dez puntos por debaixo da media europea, non medran os ingresos". Lago afirma que aínda que as taxas impositivas en España están na media europea ou mesmo por riba "cando aplicas estes tipos recadas dez puntos sobre o PIB menos que en Italia. Faltan 100.000 millóns de euros, que modificarían completamente o escenario do que falamos". "Non se trata de crear novos impostos ou de subilos", destaca o economista de CC.OO., "senón de que hai unha parte importante da economía, que non son os asalariados (que eles si que pagan os seus impostos), que non tributa. É unha política completamente regresiva".

Montoro, Currás e outros altos cargos, na presentación dos Orzamentos do Estado © Ministerio de Facenda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.