0 Gardados para despois

O primeiro mes da reforma laboral deixa 2.120 parados máis en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O paro non dá tregua en Galicia. O número de desempregados rexistrados nas oficinas de emprego alcanzou en marzo as 276.795 persoas, 2.120 máis que no pasado mes de febreiro, o que supón un incremento do 0,77%, unha cifra semellante á media do incremento no conxunto do Estado, que foi do 0,82% ata superar os 4,75 millóns de parados.

En termos interanuais, o país conta con case 28.000 desempregados máis que no mes de marzo do ano pasado, o que equivale a unha suba do 11,05%, polo que Galicia sitúase como a quinta comunidade con máis paro rexistrado en España e cunha evolución interanual peor que a media estatal, que queda no 9,63%. Xa que logo, o primeiro mes coa nova reforma laboral en vigor remata con 2.120 desempregados máis no país ata alcanzar os 276.795 demandantes, segundo datos do Ministerio de Empleo.

A evolución interanual do paro en Galicia é peor que a media estatal

Por provincias, o número de desempregados incrementouse un 1,5% en Ourense (+459 persoas), un 0,9% en Pontevedra (+982), un 0,56% en Lugo (+155) e un 0,49% na Coruña (+524). En canto ao conxunto do Estado, o paro aumenta en todas as comunidades autónomas agás Baleares (-2-27%), Navarra (-0,75%) e Cataluña (-0,58%). As subas máis importantes danse en Andalucía, Aragón ou Canarias, á marxe de Ceuta e Melilla, onde o aumento supera o 2%. 

Pero, alén das cifras oficiais, en Galicia hai preto de 300.000 persoas en situación de desemprego e anotadas nos servizos de colocación. En concreto, e como mínimo, 293.776 se se inclúen os parados que o ministerio non computa ao estar realizando determinados cursos de formación.  Ademais, por sectores o desemprego creceu no país en todos eles agás na construcción. Destaca especialmente o aumento no sector servizos, onde o número de parados incrementouse en 1.413 persoas, máis da metade do conxunto de novos desempregados galegos. 

Máis da metade dos novos parados en Galicia pertencen ao sector servizos

En toda España, o número de parados situouse ao finalizar marzo en máis de 4,75 millóns de persoas, tras subir no mes en 38.769 desempregados, cun aumento porcentual do 0,82% respecto de febreiro. En concreto, o volume total de parados alcanzou a peche do pasado mes a cifra de 4.750.867 desempregados, o seu nivel máis alto en toda a serie histórica comparable, que arrinca en 1996. En termos interanuais, o paro aumentou en febreiro en 417.198 persoas, un 9,6% máis.

Os efectos da reforma laboral son evidentes. Nove de cada dez novos empregos no Estado son temporais. Dos 1,026 millóns de empregos creados no pasado mes de marzo, o primeiro mes completo de aplicación da nova norma, 919.865 son temporais. En Galicia, dos 45.472 novos contratos, 40.645 son temporais, case o 90%. En cifras, dos 4.827 contratos indefinidos asinados, 2.027 son de conversión e tan só 5 son contratos de fomento da contratación indefinida, unha das grandes apostas na anterior lexislatura para aumentar o emprego fixo.

Nove de cada dez novos contratos en Galicia e no Estado son temporais

Ademais, en canto á Seguridade Social Galicia rexistrou un descenso medio de 510 afiliados, un 0,05% de caída respecto ao mes anterior, polo que se mantén por baixo do millón de cotizantes, ao situarse en 945.760 en total, de acordo cos datos difundidos este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. 

En comparación con hai un ano, o número de afiliados no país caeu un 3,93%, ao perderse 38.739 cotizantes nos últimos doce meses.En toda España, con todo, a Seguridade Social rexistrou en marzo un incremento medio de 5.419 afiliados (+0,03%) respecto de febreiro, co que o total de ocupados situouse ao finalizar o mes en case 17 millóns.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.