A patronal das autoestradas de peaxe pide que se comece a cobrar nas autovías

Unha peaxe da AP9 Dominio Público Adrián Estévez

As autoestradas de pago rexistraron nos primeiros meses de 2013 un descenso dun 7,7% nos seus usuarios, un descenso encabezado pola AP9 (un 13,35% menos) e que se suma á tendencia negativa dos últimos anos, levando as vías de pago aos seus peores datos dende os anos noventa. De igual xeito, nos últimos meses asistimos a unha sucesión de declaracións de concursos de acreedores para varias das empresas explotadoras de vías de peaxe en España, nomeadamente as construídas nos arredores de Madrid: as catro radiais (R-2, R-3, R-4 e R-5), e as que unen a capital do Estado con Barajas e con Toledo.

Neste marco a Asociación de Concesionarias de Autopistas de Peaje (Aseta), a patronal do sector, demandoulle este luns ao Goberno que aborde a ao seu xuízo "inevitable" implantación do cobro de peaxes polo uso das autovías actualmente gratuitas, como xa fixo, por exemplo, Portuga len varias delas. O presidente da asociación, José Luis Feito, sinala que a medida podería xerar entre 2.000 e 10.000 millóns de euros anuais, que sairían do peto dos usuarios. Feito, que tamén é presidente da Comisión de Economía da CEOE, considera que "é o momento de que o Goberno afronte esta medida" e chegou a afirmar que "só o anuncio da decisión" levaría a "unha relaxación da prima de risco".

As catro vías radiais que rodean Madrid declaráronse insolventes e acumulan débedas superiores aos seis mil millóns de euros, que poderían ser pagadas cos cartos de todos os cidadáns

É inevitable relacionar esta suxestión coa situación de quebra pola que atravesan varias das empresas concesionarias. As catro vías radiais que rodean Madrid declaráronse insolventes e acumulan débedas superiores aos seis mil millóns de euros, que poderían ser pagadas cos cartos de todos os cidadáns. Estas autoestradas, ao igual que as que conectan Madrid con Toledo e con Barajas, entraron en funcionamento na segunda lexislatura de José María Aznar no Goberno e foron presentadas como un exemplo da colaboración público-privada en materia de infraestruturas. A cambio da concesión, as empresas beneficiarias comprometéronse a construír a custe cero un novo anel para a capital: a M50. Estas vías foron ruinosas dende o primeiro día e o Goberno de Zapatero achegoulles axudas valoradas en 480 millóns, que só prolongaron a agonía do proxecto.

 

O caso galego

Galicia xa conta cunha porcentaxe de autopistas de pago en relación ás autovías gratuítas moito maior que no conxunto de Estado

No artigo 34 da Lei de Estradas aprobada o pasado mes de xuño recóllese que "a utilización" do "dominio público viario, incluidas as súas travesías" será "gratuita para as persoas usuarias agás que se estableza unha taxa polo seu uso". Isto foi denunciado polos partidos da oposición como unha fórmula que abría a posibilidade de que se cobrase nas actuais autovías gratuítas, e tanto AGE coma BNG o cualificaron de "novo saqueo ao pobo" e de "forte prexuízo para a cidadanía e para sectores empresariais como o do transporte".

Galicia xa conta cunha porcentaxe de autopistas de pago en relación ás autovías gratuítas moito maior que no conxunto de Estado. O 43% da rede de alta capacidade de Galicia é de pago, fronte ao 25% a nivel estatal (3.000 quilómetros de pago fronte aos preto de 12.400 de autovías). A implantación do que xa se denomina “peaxe branda” nas autovías prexudicaría de maneira clara a Galicia, non só pola relevancia que teñen na vertebración do país, senón polo carácter periférico da comunidade autónoma. Así o destacaba hai un ano en Praza Carlos Nárdiz, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia, “Somos unha rexión periférica dentro dun Estado periférico”, afirmaba, tras destacar que “a competitividade económica ten tamén moito que ver cunha dotación de infraestruturas axeitadas”.

Os beneficios de Audasa en 2012 descenderon un 40%, pero aínda así foron superiores aos 30 millóns de euros, acumulando máis de 210 millóns en beneficios dende o comezo da crise económica

Audasa, a concesionaria da AP9, mantén millonarios beneficios a pesar do descenso continuado no número de usuarios, un 12,5% ao longo de 2012 e un 13,35% no primeiro trimestre de 2013. Dende 2007 pasou de 27.030 usuarios diarios a 18.858. Os seus beneficios en 2012 descenderon un 40%, pero aínda así foron superiores aos 30 millóns de euros, acumulando máis de 210 millóns en beneficios dende o comezo da crise económica. Iso non lle impediu recortar o seu cadro de persoal en 12 traballadores o pasado ano. De igual xeito, as súas tarifas seguiron crecendo e, hoxe, viaxar de Ferrol a Tui pola AP9 custa 19,80 euros para os turismos e entre 34 e 43 euros para os camións.

Unha peaxe da AP9 Dominio Público Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.