0 Gardados para despois

Novagalicia Banco: o aforro sacrificado dos galegos

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


A historia é contada a miúdo polos vencedores. Os que perden botan man do dereito de réplica ou do silenzo administrativo. A da caixa única galega, que debe enfrontarse agora ao último gran obstáculo da súa curta historia, relátase desde as vísceras. Son os traballadores os que están a replicar a versión oficial de que aínda é posible sobrevivir como empresa independente e galega. "Aquí non hai esperanza nin ganas de vender motos", apunta un empregado de oficina. "Que lle dis a un cliente que che pregunta que vai pasar co banco onde ten os seus cartos?".

Horas despois de coñecer a intención do Executivo central, que pasa por poñer á venda as catro entidades nacionalizadas polo Estado, o ruxe ruxe esperta pantamas do pasado. Uns din que hai culpas na Xunta. Outros que a fusión foi a peor das decisións. Hai quen incluso bota man da chamada loita localista entre Vigo e A Coruña. "Había unha entidade que estaba moi mal", di un empregado da oficina central de Vigo. O certo, cos datos na man, é que Caixa Galicia e Caixanova operaron case como bancos durante moitos meses antes de unirse en Novacaixagalicia.

Un resumo da integración

A hemeroteca compromete parte desa historia que aínda queda por escribir. En outono de 2009, Caixa Galicia, dirixida por José Luis Méndez López, dixo publicamente que estaba interesada en fusionarse con Caixanova, presidida por Julio Fernández Gayoso. En Vigo, por contra, non había ningunha intención de apostar pola caixa única. Gayoso chegou a negociar unha fusión fría (ou SIP) con Caja Murcia ou Cajastur. Este paso implicaba a bancarización da caixa do sur e, de paso, obrigaba a Caixa Galicia a buscar unha alternativa viable para facer fronte ao futuro.

A Xunta de Galicia, e Alberto Núñez Feijóo persoalmente, levou a cabo todas as iniciativas posibles para forzar (ou convencer) a Caixanova de que o mellor era unha integración intrarrexional. Gayoso presentou un informe de mil páxinas que elevaba a 5.000 os millóns que ía requerir a operación. Feijóo solicitou outro, previo pago de un millón de euros a KPMG, para demostrar todo o contrario. Polo medio unha lei de caixas, impulsada polo BNG, chegou a comprometer a continuidade do propio Gayoso. Idas, declaracións, acusacions, denuncias, reunións... Ata que o Banco de España, que mirara cara outro lado mentres a exposición ao risco inmobiliario medraba ano tras ano, entrou en acción. Fusión si. Con "galeguidade, paridade e solvencia". Sen Méndez pero si con Gayoso. Cun consello de administración, remunerado mediante dietas, multiplicado por dous. Cun préstamo de 1.162 millóns de euros do FROB.

A integración

En maio de 2010, José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy reuníronse en Moncloa para consensuar a primeira gran reforma financeira. Perseguíase a redución exponencial do número de caixas que operaban en todo o Estado. Para logralo entraba o FROB a través de cotas participativas sen dereito a voto nas entidades. O préstamo había que devolvelo en cinco anos ao 7,75% de tipo de xuro. Este abónase cada trimestre a costa dos beneficios. O Fondo Bancario sufragou SIPs (caixas unidas e bancarizadas) ou fusións. Sindicatos como a CIG ou UGT clamaron sempre contra a intención privatizadora deste primeiro paso de metamorfose do sector financeiro español.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Máis saneada; menos solvente

O 1 de decembro de 2010 botou andar Novacaixagalicia. Julio Gayoso, Mauro Varela, José Luis Pego e Javier García de Paredes eran os catro directivos máis destacados da empresa. A entidade, con máis de 75.000 millóns de euros en activos, aseguraba estar en disposición de gañar máis de cen millóns anualmente a curto-medio prazo. Pero un mes despois, e tras unha recomendación do G-20, a exministra Elena Salgado comunicou que NCG debía acreditar unha solvencia do 10%. A caixa apenas chegaba ao 5%.

Por que o nivel de capital de máxima calidade (core capital) era tan reducido? Porque para a fusión Novacaixagalicia destinou gran parte dos fondos do FROB para sanear o seu balance botando man, precisamente, dese capital principal. O resultado foi unha caixa máis saneada, pero tamén menos solvente. O Banco de España recomendou, segundo apuntaron fontes da dirección de NCG, a realizar esa purga no balance con cargo a fondos propios.

NCG precisaba 2.622 millóns de euros para chegar ao 10% de solvencia. Primeiro gran problema. A única solución posible era a privatización, dando entrada a capital.

Onde están os inversores?

José María Castellano, exnúmero dous de Inditex e presidente de ONO, chegou a Novacaixagalicia para privatizala e conseguir ata 500 millóns de capital privado procedente de empresarios galegos e fondos de inversión estranxeiros. De xeito "temporal", o FROB entrou no capital da empresa con 2.465 millóns. O resultado? A práctica nacionalización de Novagalicia Banco. A día de hoxe o capital conseguido apenas supera os 70 millóns. Ata este xoves, NGB contaba con ter de prazo ata setembro para lograr convencer aos investidores de entrar no accionariado. Mais non será así.

Resultados III trimestre de NGB
Partida Setembro 2011 Setembro 2010 % variación interanual
Marxe de intereses 530.210 720.504 -26,4
Marxe bruto 941.223 1.253.453 -24,9
   custo explotación 716.998 826.335 -13,2
   custo persoal 459.548 481.193 -4,5
Marxe neto 224.225 427.208 -47,5
Resultado antes de impostos 48.096 97.041 -50,4
Resultado 36.431 64.782 -43,48

 

A asunción de responsabilidades

Actualmente Fiscalía Anticorrupción está a investigar as indemnizacións que recibiron exdirectivos de Novacaixagalicia antes de abandonar a entidade. Saída que se produciu previa nacionalización e tras coñecer que o FROB aplicaba a NCG unha valoración cun desconto do 90%. Os expertos financeiros aludían aos "severos problemas de balance" da entidade para xustificar a decisión do FROB.

Ata o de agora, nin o Goberno nin o Banco de España iniciaron un proceso de investigación para coñecer se houbo erros na xestión de Caixa Galicia, Caixanova ou Novacaixagalicia. O Parlamento de Galicia, grazas aos votos do PP, tumbou unha proposta do BNG para constituír unha comisión de investigación.