O Estado prioriza o déficit e afonda no recorte social

Montoro, cos Presupostos, con Fernández Currás á súa dereita © Ministerio de Hacienda

"Con estas contas, a recesión prolongarase máis aló de 2012 e converterase en algo máis grave; son os Orzamentos que abren un período de depresión". Con estas duras palabras define Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada, o que supoñen os Presupostos Xerais do Estado (PGE) presentados polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no Congreso dos Deputados.

"Son uns Orzamentos que implican un recorte brutal do gasto público, que van conlevar unha profundización da recesión anunciada e que contribúen a que esta sexa maior que a prevista", insiste Vence. Porque as contas que hoxe viron a luz priorizan o cumprimento do déficit e sacrifican a recuperación e o emprego. Sen máis. O obxectivo para que o Estado pase do 8,5% ao 5,3% de déficit público come todo o resto. Incluídas as medidas para a reactivación económica e, de maneira moi acusada, o gasto social. Un só dato: a cantidade que terá que pagar o Estado polos intereses da débeda é superior ao total de recorte que se prevé nos Orzamentos.

España pagará 28.876 millóns en intereses da súa débeda pública en 2012, un 5,3% máis do que se pagou o ano pasado, o que supón o 13,4% do total de gasto contemplado. O recorte previsto nestes PGE, tal e como anunciou o Goberno o pasado venres, é de 27.000 millóns. Para cadrar as contas, o Executivo do PP mete a tesoira en todas as partidas menos nas pensións, pero de xeito máis acusado no gasto social, que se recorta un 4,3% ata deixalo en pouco máis dos 175.000 millóns. "Os ministerios que sofren máis recortes son os máis importantes desde o punto de vista do gasto en investimento; o impacto económico destas medidas será moi duro", advirte Vence.  

O cinto apértase e moito en tres partidas básicas como Educación, Cultura e Sanidade, cunha trabada do 21,9%, o 15,1% e o 6,8% respectivamente. E nun Estado con record en cifras de desemprego e coas previsións de aumentar en máis de medio millón o número de parados,o fomento do emprego tamén sofre a tesoira ao caer algo máis dun 21%, mentres que o gasto en desemprego baixa tamén un 5,5%. Os servizos sociais e a promoción social descenden case o 16%.

O recorte afecta especialmente a Educación, Cultura e Sanidade, sobre todo ao investimento en I+D

O Goberno prioriza o déficit e o cumprimento cos mandatos de Europa e dos mercados, incluso recortando en moito o gasto en innovación, o que supón rexeitar un cambio no modelo económico que moito tivo que ver na situación actual de España. Difícil pensar nun crecemento máis sostible baseado no valor engadido cando o gasto en I+D civil se reduce nun 25%, mentres que  nas transferencias de capital neste ámbito a tesoirada chega ao 34%, o triplo do de 2011. En investigación militar, a caída está preto do 25%. Aí é onde os expertos son especialmente críticos. Xavier Vence non logra entender como "xusto agora que se fala de apoiar a actividade emprendedora, recórtase de alí de onde podería vir os recursos e os fondos para fomentar esta innovación". 

Pero é evidente que non é o fomento do emprego o que buscan estes orzamentos. Tampouco a curto prazo. O investimento en infraestruturas da Administración e todos os seus entes sofre unha caída do 22%, logo de que en 2011 xa sufrira un recorte do 30%. A opción de reactivar a economía nos vindeiros meses queda afogada nas tesoiras aplicadas por un Goberno que deixou ben claro na rolda de prensa que "o primeiro é o déficit, o segundo é o déficit e o terceiro é o déficit". "En Fomento os recortes son grandes, en Industria tamén... E estas son as partidas que máis deberían influír na creación de postos de traballo", engade o catedrático, que non acepta ese argumento de que non hai alternativas e que o Executivo repite constantemente para xustificar as tesoiradas. "Claro que as hai". 

"A cuestión está en que se prioriza", asegura. "Do lado dos ingresos hai unha marxe importante de actuación; o Executivo limítase a facer uns pequenos cambios parciais no imposto de sociedades, pero non é que aumenten os impostos, senón que reducen algunhas das tragadeiras que lles tiñan introducido ás grandes empresas", insiste Vence, que lembra que hai grandes compañías que tributan na actualidade unha porcentaxe ridícula dos seus beneficios. "Vimos dunha situación que era un escándalo e agora tócana un chisco e descúbrese o trato de favor que recibían as grandes firmas", engade, tras destacar que o Executivo "tampouco optou por arranxar a situación de privilexio da que gozan os fondos de investimento ou as sicav". "E non falemos xa dos impostos ás grandes fortunas, que nin se propón", manifesta o economista, que advirte tamén que o Goberno acabará "recadando menos do previsto ante a caída da actividade económica".

En canto á Casa Real, o seu orzamento tan só baixa un 2% e queda en algo máis dos 8 millóns de euros, mentres o recorte medio nos ministerios é de case o 17%. Tampouco Defensa sofre demasiado a crise ao reducir as contas nun 8%. "Debería ser o departamento que tivera máis recortes porque hai onde facelos; por exemplo, deixando de acompañar a política imperialista que mantén o Exército en Afganistán ou no Líbano; non sei que pintan alí coa situación económica que sufrimos", engade e remata: "É significativa que nin Defensa nin Interior sufran grandes tesoiradas". Ademais, a partida de Cooperación ao Desenvolvemento para 2012 descende nun 65,4%, un gasto moi reducido dentro dun Ministerio, o de Asuntos Exteriores, que xa advertira que serían uns orzamentos "de guerra". 

"A situación é negra, pero non pola crise en si, senón polas políticas económicas que se aplican"

Para elevar algo máis os ingresos, o Goberno xa aclarou o pasado venres que, ademais das pequenas modificacións no imposto de sociedades, prevé que agromen uns 25.000 millóns de diñeiro negro para recadar 2.500, xa que estes cartos ocultos estarán penalizados cun gravame dun 10%, o que implica tamén evitar calquera tipo de sanción. Unha pequena achega nunha situación económica que Xavier Vence ve "negra", pero "non polo feito de que a crise provoque todo isto". "O panorama pinta mal porque as políticas que se veñen implementando son políticas que nos levan nesa dirección; prímanse os intereses dun sector económico moi pequeno pero que pesa moito", remata, antes de pedir "que a xenten entenda que o que está ocorrendo non é inevitable". "A crise non é así porque si, o que é así son as políticas que se aplican ante ela". 

Cristóbal Montoro, co proxecto de Presupostos, con Marta Fernández Currás á súa dereita © Ministerio de Hacienda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.