0 Gardados para despois

Os parados de longa duración triplícanse con Feijóo na Xunta

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Galicia segue a liderar as estatísticas do paro e ocupa os primeiros postos da fatídica clasificación do desemprego no Estado. Co último dato, o número de desempregados oficiais chega a case os 270.000, unha cifra que en realidade roldaría os 300.000 se se engaden as persoas na procura de traballo non incluídas nas listas. Ademais, e desde a chegada á Xunta de Núñez Feijóo, da que se van cumprir en breve tres anos, o número de parados de longa duración multiplicouse case por tres, mentres segue a aumentar o desemprego xuvenil e continúa a caer o poder adquisitivo dos traballadores e a renda dispoñible nos fogares. A emigración volve ser a alternativa nun país no que varios expertos economistas constatan unha evidente "falta de planificación e de política económica" por parte do Goberno autonómico. E non hai trazas de que a cousa cambie. 

Coa última suba do 0,77% con respecto ao mes de febreiro, en termos interanuais o país conta con case 28.000 desempregados máis que no mes de marzo do ano pasado, o que equivale a unha suba do 11,05%, polo que Galicia sitúase como a quinta comunidade con máis paro rexistrado en España e cunha evolución interanual peor que a media estatal, que queda no 9,63%. Un dato se cadra máis duro se temos en conta que é o primeiro que se tira tras a aplicación da reforma laboral. 

Aquela promesa de Feijóo na campaña electoral de 2009 de acabar co paro "en 45 días" tórnase agora en ridícula se non fose pola gravidade da situación. Non só non se reduciu o desemprego, senón que en Galicia aumenta xa por riba da media estatal e con previsións nada optimistas. Máis aínda, unha ollada aos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) amosan como os parados de longa duración case se triplicaron desde a volta do PP á Xunta en abril de hai tres anos. 

No segundo trimestre de 2009, había uns 23.000 parados de longa duración; agora son xa 62.000

Así, se o número de parados de longa duración con máis de dous anos no desemprego ascendía a 22.900 persoas no segundo trimestre de 2009, a finais de 2011 esta cifra ascendía xa aos 61.600. En canto aos desempregados con entre un e dous anos no paro, a variación vai desde os 22.700 aos 59.500 de decembro do ano pasado, data do último dato rexistrado polo IGE. Nada se lembra do Executivo galego no intento por rematar con esta situación de desemprego que de temporal non ten nada. Nin moito menos."Falla todo, pero falla sobre todo a planificación por parte da Xunta, á marxe da gravidade da crise económica", asegura o economista Enrique Negueruela, técnico especialista no mercado laboral, que advirte tamén da falta de investimento no fomento do emprego. "O primeiro que fixo Feijóo foi prescindir de 100 millóns destinados a este ámbito", lembra. "Galicia non ten unha política económica definida, non ten plan, sobre todo a nivel industrial", insiste outro economista, David Peón, profesor na Universidade da Coruña.

 

Tempo en paro en Galicia (en milleiros de persoas)
Ano Trimestre  Menos de 6meses De 6meses a 1ano De 1 a 2 anos Máis de 2 anos
2009 T2 75.7 33.5 22.7 22.9
2009 T3 62.7 36.5 26.7 23.4
2009 T4 64.8 35.2 35 24.7
2010 T1 74 43.4 46.2 28.5
2010 T2 69.3 45.3 44.7 32.1
2010 T3 58.3 40 45.9 40.1
2010 T4 68.4 39.7 48.2 39.3
2011 T1 77.9 39.7 52.7 45
2011 T2 66.2 40.3 52.3 48.6
2011 T3 69.4 35.8 55.3 52
2011 T4 78.2 32.7 59.5 61.6

 

A diagnose dos expertos son duras e contundentes. "En Galicia non se fixo ningún plan para reconverter a todos os parados do sector da construción, que son moitos, nin ningún plan específico para os do textil", engade Negueruela, que cre que "falta planificación de abaixo a arriba porque o pouco que se fai é de arriba a abaixo". E pon algún exemplo máis. "Sempre crin moito nos pactos territoriais porque hai que estudar e centrarse nos mercados de traballo locais; un plan de emprego global para toda Galicia é un conto; os plans teñen que estar pegados ao terreo e aos seus sectores produtivos", di. 

Para David Peón, o erro está en "non defiinir por que sectores se vai apostar no país". "O fracaso do plano eólico ou no naval son algunhas dos motivos que explican este paro de longa duración, á marxe da fonda crise que sufrimos", advirte, tras lembrar que "en Galicia leva meses medrando máis o desemprego que no conxunto do Estado", uns datos dos que culpa, sen rodeos, "á falta de política económica e industrial" dos gobernos do PP. "Se me preguntas cal é a política económica da Xunta, e incluso do Executivo central, pois non che sabería dicir nada agás o obxectivo de cumprir co déficit", resume. 

"O erro está en non definir os sectores polos que se vai apostar no país"

O erro, segundo os expertos, non só existiu no pasado e no presente, senón que teima en continuar no futuro. "Non é só que non se vexan cambios, senón que xa se cargaron os mecanismos de planificación; o problema é que se teñen máis en conta as cores políticas e os favorciños aos amigos que a efectividade do que fas", explica Negueruela, que se centra nos cursos de formación que, para David Peón, "tamén serven para agochar os datos reais do paro". "As políticas activas fanse en función do que ofrecen os políticos e non en función das necesidades reais", coinciden. 

En Galicia, por centrarnos nun sector, nos últimos dous anos perdeuse o 10% de afiliados ao sector agrícola-gandeiro. "Resulta surrealista pensar que en plena crise non se fixese plan ningún para que volveran ao sector agrario todos os mozos que marcharon á construción", insiste Negueruela, que afonda na contradición de que sigan existindo cursos de formación "de albanelería, xusto agora que non hai traballo nin parece que o haberá nese sector". "Existen cursos de confección de traxes de bautismo para quince persoas; a realidade é así de triste e semella que nos toman por parvos", engade. 

A situación é mala, moi mala, en especial para os mozos. Os últimos datos do Eurostat sitúa nun 50,6% o desemprego entre os menores de 25 anos en España, unha cifra record no conxunto da UE e dificilmente aturable. En Galicia, segundo a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, a taxa do desemprego xuvenil chega a case o 38%, un dato que considera "non positivo" pero do que chega a presumir ao colocar a comunidade como a cuarta con menos mozos parados. A oposición fala dun número máis alto aínda. 

Á marxe da guerra de cifras, o último dato do Goberno central fala de 23.345 menores de 25 anos en situación de desemprego en Galicia, case o 10% do total de parados. Se botamos unha ollada ao IGE, no país hai 145.000 persoas de entre 16 e 34 anos sen traballo ou buscándoo activamente desde que finalizaron os seus estudos. Unha xeración perdida e desconcertada. 

"O paro xuvenil é un calexón sen saída porque os gobernos non usan a cabeza", quéixase Negueruela, que cre que "deberían incentivarse os contratos de relevo ou substitución para suplir aos xubilados". "No entanto, a reforma laboral non fai nada neste aspecto e céntrase en contratos de formación e bolseiros, cando o que se ten que facer é axilizar a entrada dos rapaces no mercado laboral", aclara. "Desde logo, non é un problema de educación porque os mozos están sobradamente preparados na maioría dos casos; o problema é que non se fomenta nada o emprendemento nin se apoia aos cativos desde a Administración", insiste Peón.

O catedrático de Economía Aplicada, Xavier Vence, cre que os Orzamentos presentados polo Goberno central non fan máis que empeorar a situación e non logra entender como "xusto agora que se fala de apoiar a actividade emprendedora, recórtase de alí de onde podería vir os recursos e os fondos para fomentar esta innovación". O gasto en I+D civil redúcese nun 25%, mentres que  nas transferencias de capital a tesoirada chega ao 34%. "A situación é negra, pero non só pola crise en si, senón polas políticas que se aplican", resume Vence, unha sentenza na que coinciden Peón e Negueruela. "Coas medidas anunciadas, quédanos un ano moi malo e algún máis en fonda crise", resumen. 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Cando ser mileurista é un soño

Á crise, o desemprego e as dificultades económicas engádeselle tamén a progresiva perda de poder adquisitivo dos traballadores en España durante os últimos meses. Segundo un informe da Axencia Tributaria, practicamente o 60% dos asalariados cobra menos de mil euros netos. Ou cando ser mileurista é un soño. 

En concreto, case seis de cada dez asalariados do Estado percibe menos de 1.282 euros brutos ao mes, unha cifra que se prevé que aumente nos vindeiros meses como consecuencia dunha reforma laboral que pretende tamén a diminución progresiva dos salarios. O aumento do endebedamento como consecuencia da crise empeorou aínda máis a situación dos traballadores, ata o feito de que un informe do Eurostat aclaraba xa que máis do 25% dos españois atopábase en risco de exclusión social ou pobreza. O dato fala da situación en 2010, pero prevese que as cifras sexan aínda maiores cando se estude o pasado exercicio 2011. 

Máis familias con menos recursos

Coa crise, o conseguinte adebedamento das familias e o aumento imparable do desemprego, a situación das familias no Estado é cada vez peor. A taxa de aforro dos fogares e institucións sen fins de lucro caeu 2,3 puntos en 2011 e situouse no 11,6% da súa renda dispoñible, segundo datos do INE. Esta taxa é a máis baixa desde 2007, logo de alcanzar en 2009 o máximo histórico (preto do 19% da súa renda dispoñible).

Así, o valor total de aforro dos fogares españois situouse en 81.900 millóns de euros en 2011 e a súa capacidade de financiamento alcanzou os 24.946 millóns de euros, o 2,3% do PIB.

Pero ademais, e en canto á renda dispoñible nos fogares, o dato medio estatal alcanza os 15.488 euros por habitante, unha cantidade superada só por catro autonomías: Euskadi (20.416 e un 31,8% superior á media), Navarra (19.503), Madrid (18.643) e Cataluña (17.661). Estremadura (con 11.841 euros por habitante) e Andalucía (con 12.644) son as que presentas os rexistros máis baixos, unhas cifras nas que tamén se sitúa Galicia segundo os últimos datos rexistrados polo INE, do ano 2009.