0 Gardados para despois

"Queren unha sanidade para os ricos e outra para o resto da sociedade"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


“Hai que mellorar no funcionamento, a Sanidade ten que ser xestionada correctamente”. Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, falaba así logo de enumerar unha serie de medidas que as administracións deberían tomar para racionalizar o gasto sanitario” sen eliminar dereito ningún á xente”. No mesmo día, o Goberno, a través dunha cativa nota de prensa, anunciaba un recorte de 10.000 millóns de euros en educación e sanidade que incluirá “cambios, privatizacións, unha maior racionalización, eliminación de duplicidades e eficiencia na xestión dos grandes servizos públicos”. Sen moita máis aclaración.

De seguro, as medidas do Executivo pouco terán que ver coa proposta da Plataforma, pero se cadra algo máis coa proposición que o ministro de Economía, Luis de Guindos, fixera nunha emisora de radio só unhas horas antes. Apuntou que as rendas máis altas poderían pagar prestacións sanitarias, pediu “abrir o debate sobre a progresividade do pago” nos servizos públicos e incluso achegaba unha cifra, os 100.000 euros ao ano, como límite de soldo para ofrecer unha sanidade gratuíta. O PP, consciente do balbordo mediático e social das declaracións, saíu rápido ao paso para cualificar de “reflexión persoal” as palabras de De Guindos, insistir en que traballa por unha sanidade "sostible, universal e gratuíta" e aclarar que a progresividade en función da renda só se estuda “para os medicamentos”.

Fose como for, colectivos como a Plataforma SOS Sanidade Públicae a oposición en Galicia entenderon as palabras de De Guindos como “un globo sonda”. “Están preparando a opinión pública para introducir o copago e rematar coa universalidade da asistencia sanitaria; saben que renunciar a certas cousas ten custos importantes ante a xente e se, a base de repetilo, a sociedade o vai vendo como normal, será máis fácil aplicalo”, asegura Manuel Martín.  “O PP está a marcar o terreo de por onde vai a súa intención nos recortes, o ministro deixou caer esta idea porque é o que partido pensa, non só a súa opinión persoal”, asegura Miguel Ángel Fernández, parlamentario do PSdeG e experto en temas sanitarios, unha idea que comparte Ana Luísa Bouza, voceira de Sanidade no BNG. Até Miguel Santalices, portavoz do PPdeG no mesmo ámbito, quere pensar que o ministro “quería expresar que aínda hai cousas dentro do noso sistema sanitario que se poden por enriba da mesa”. “En Galicia estamos no bo camiño para garantir o piar fundamental do noso sistema, que non é outro que a blindaxe da súa universalidade”, aclara.

"Están preparando a opinión pública para acabar coa sanidade universal"

Non é tan ben pensada a oposición, que considera que o PP pretende “crear un sistema sanitario tendente á privatización”. “O que agora deslizan os populares é dunha falta de seriedade absoluta, ademais de conducirnos cara a dous tipos de sanidade: unha para as persoas ricas e outras para as que non poidan acceder a ela”, di Miguel Ángel Fernández. “Non é máis que dar un paso adiante en crear unha sanidade para ricos, con seguros privados e desgravacións fiscais, e outra non para pobres, senón para a maioría da sociedade, que é o 60% da xente que gaña menos de mil euros”, engade Manuel Martín, voceiro da Plataforma, que cre que a idea do Goberno central “acabaría por rachar o concepto de equidade”.

A nacionalista Ana Luísa Bouza, pola súa banda, aclara que “xa existen fórmulas para que paguen máis os que máis teñen a través dos impostos”. “Se o PP non é quen de subirlle os impostos aos máis ricos e incluso agora incorpora unha amnistía fiscal, é insultante e pouco crible que busque establecer o copago”, denuncia, tras asegurar que “a mellor garantía da sostibilidade do sistema sanitario é a súa universalidade”. “En canto as rendas máis altas teñan que pagar, deixarán de usar os servizos, pedirán desgravacións fiscais e empeoraranse as condicións, tal e como pasou no Reino Unido; deberiamos aprender dos erros que se cometeron noutros lados”, engade, tras advertir que a dereita xa propuxo que “as rendas altas presenten un seguro complementario que lles dea acceso a unha carteira de servizos distintos”, o que, na práctica, “consiste en excluír moita xente de determinados servizos”.

"O PP non é quen de subirlle os impostos aos máis ricos e agora busca establecer o copago"

Tanto a voceira do BNG como o portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, advirten que a proposta de De Guindos “suporía unha descapitalización da sanidade pública, xa que aqueles que máis achegan ao sistema deixarían de cotizar”. E advirten, tamén, dos futuros recortes que se prevén co novo anuncio do Executivo de Rajoy nun Estado “cun gasto sanitario á cola da UE”. “Que recorten nun país cunha sanidade tan eficiente non só non ten sentido, senón que non vai ser aceptado pola opinión pública”, recorda Manuel Martín, que alerta xa de futuras mobilizacións ante unhas políticas “que teñen un forte rexeitamento na sociedade”. “A xente non o vai tolerar e nós, como agrupación e plataforma, tampouco o consentiremos; intentaremos paralo e mobilizarémonos”, di.

Para a oposición e os colectivos a prol da sanidade pública, as palabras de De Guindos son “unha ocorrencia, algo ineficaz e unha barbaridade desde o punto de vista técnico”. Manuel Martín, que coñece como poucos o sistema sanitario español, enumera unha serie de medidas que se poderían tomar sen rachar cos principios que rexen a sanidade estatal desde hai anos: “mellorar no gasto farmacéutico coa prescrición de xenéricos e coa adecuación correcta das medicinas, reducir a hospitalización necesaria, aumentar o número de camas de enfermos crónicos e reducinr as de agudos, promover a atención primaria, que pode atender moitas das doenzas que se transfiren aos hospitais...”. En definitiva, “mellorar en eficiencia, pero sen empeorar nin a calidade nin as prestacións”. “Hai marxe de mellora, pero debemos xestionar ben e evitar a influencia nefasta de laboratorios e da industria tecnolóxica, o que nos leva a asumir gastos innecesarios”, recorda o voceiro dunha agrupación que en nota de prensa cualificou a fórmula do ministro como "a de Lehman Brothes porque cambiaría o modelo sanitario cara ao norteamericano”.

Ademais, desde BNG e PSdeG téñeno claro. Ana Luísa Bouza insiste en que “a única forma de garantir a sanidade é que se recaden máis impostos e que as prestacións sigan sendo gratuítas e con criterios médicos, non económicos”. Para Miguel Ángel Fernández, “queda moita marxe por mellorar na xestión”, pero aposta tamén por que se o que se precisa é “recadar máis, haberá que pensar no que faga falla, pero a través dos impostos, que é como se financia o sistema”.

Pola súa banda, Miguel Santalices, do PPdeG, cre que o sistema de saúde “ten un déficit moi importante que pon en perigo a cohesión do sistema”, aínda que considera que Galicia xa fixo boa parte dos deberes. “O catálogo priorizado de medicamentos, que fora recorrido polo Goberno socialista, permitiunos aforrar 105 millóns de euros”, lembra, ademais de fixar os obxectivos das novas actuacións, que poderían estar “na prestación farmacéutica dos hospitais” ou mesmo “vincular a achega do usuario na prestación farmacéutica aos seus niveis de renda”. Preguntado de novo pola proposta de De Guindos, o voceiro popular asegura que se sente “con máis autoridade” para falar do ámbito galego e insiste en que “sempre é difícil interpretar o que quere dicir unha persoa”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Un recorte enorme nun comunicado cativo

Co obxectivo de calmar a inquedanza dos mercados, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, preparou un novo paquete de reformas en educación e sanidade coas que se prevé un aforro de 10.000 millóns de euros. Así o explica nunha pequena nota de prensa e sen máis aclaracións o Executivo, que explica tamén que houbo reunións con diversos ministros para "definir o Programa Nacional de Reformas" e "determinar as reformas encamiñadas a lograr unha maior racionalización, eliminación de duplicidades e eficiencia na xestión dos grandes servizos públicos que se porán en marcha este mes".

O comunicado fala de próximas privatizacións e cita expresamente cambios en sanidade e en educación para aclarar que "o aforro previsto superará os 10.000 millóns de euros". Esta cifra suporía case o 10% do gasto sanitario total, pero é o que se precisa, segundo a Moncloa, para cumprir coas esixencias da Unión Europea. Segundo varias fontes, o Goberno explicou que o recorte terá carácter anual e sumarase ao axuste de 27.300 millóns que xa recollen os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para o 2012.

O PSOE xa cualificou o anuncio de "intolerable" e solicitou a comparecencia de Mariano Rajoy no Congreso o xoves ante os continuos "mentidos e desmentidos" dun Executivo que, segundo os socialistas, "perde a credibilidade a chorros" e anuncia un recorte que "non pode soportar" o actual modelo.