Coca-Cola pon a súa planta galega no punto de mira e ameaza co seu peche

Planta de Begano na Coruña CC-BY-SA Nemigo

A multinacional pon Begano no seu punto de mira. Coca-Cola Iberian Partners, que agrupa once embotelladoras da firma en Portugal, España e Andorra, anunciou a principios desta semana un plan de axuste que incluía o despido de 1.200 traballadores dos 5.000 que ten na península, así como o peche de catro das súas plantas envasadoras. Nada máis souberon os traballadores, que este mércores se ergueron coñecendo o nome das catro factorías que a empresa ten previsto pechar nos vindeiros meses: a de Asturias, unha das dúas que ten en Andalucía, a de Palma de Mallorca e tamén a de Galicia.

Segundo adiantou Cinco Días, a planta coruñesa de Begano -de 53 anos de historia- sería unha das sacrificadas por Iberian Partners, compañía que, como lembran os sindicatos, factura 3.000 millóns de euros ao ano. A emblemática factoría galega, con delegacións noutras cidades do país, estaría albiscando o seu final malia a competitividade da que sempre presumiu a empresa e a raizame desta fábrica na cidade e en toda Galicia. Uns 360 postos de traballo están en xogo tras unha ameaza da que nada saben aínda os representantes dos operarios.

Begano, con 360 operarios, sería unha das plantas sacrificadas nun plan de axuste que prevé 1.200 despidos en todo o Estado

"Non sabemos nada máis do que a compañía xa anunciou; coñecemos o axuste de persoal previsto e as intencións de pechar catro plantas, pero ninguén nos comunicou que Begano fose unha das sacrificadas", explica a Praza Félix García Sande, presidente do comité de empresa, que recoñece o "temor" polos postos de emprego que se ven ameazados e polas 1.200 familias en perigo en todo o Estado. O representante dos traballadores lamenta terse enterado pola prensa dun suposto peche que, polo momento e á espera de que a empresa lles dea máis información, non quere crer. Iberian Partners, pola contra, di que a decisión sobre as factorías afectadas aínda non está tomada.

CCOO, sindicato maioritario en Iberian Partners e na factoría galega, xa manifestou o seu rexeitamento á reestruturación prevista e advertiu da presentación dun ERE que permitiría o despido colectivo de 1.200 empregados, que impediría deixar fóra deste a xuste a planta ningunha e que se basearía nos termos da dura reforma laboral. Na planta coruñesa -onde traballa o 80% do cadro de persoal de Begano- a preocupación é máis que lóxica.

O comité de empresa nada sabe das supostas intencións de pechar a planta da Coruña

No comunicado que emitira o luns, Coca-Cola Iberian Partners advertía xa da integración das sete envasadoras que prevé deixar abertas na península coa intención de evitar "duplicidades e ineficiencias que acabarían por danar o futuro do proxecto". A centralización da loxística da multinacional levaríaa a pechar dúas das súas plantas do norte (a de Siero, en Asturias, e a da Coruña), coa intención, ademais, de que o mercado galego sexa atendido desde Madrid, aínda que mantería algunha delegación territorial.

Begano (Bebidas Gaseosas do Noroeste, SA) foi fundada en 1960 e fabrica, vende e distribúe en Galicia e outras partes do norte do Estado desde hai máis de 50 anos os produtos baixo a marca de Coca-Cola, como o propio e famoso refresco, pero tamén Fanta, Sprite, Aquarius ou Nestea, entre outros. O ano pasado, a embotelladora catalá Cobega facíase con máis do 60% do accionariado, nunha operación que se vinculara xa á integración prevista de todas as plantas envasadoras da península. Agora, a multinacional ameaza co peche a unha planta cunha forte importancia no imaxinario colectivo da cidade e da comarca, onde colabora con varios proxectos sociais e educativos e onde dá traballo a máis de 300 persoas. Todo, mentres preparaba o traslado da fábrica ao Concello de Oza-Cesuras, onde xa adquirira uns terreos.

Planta de Begano na Coruña CC-BY-SA Nemigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.