A polémica poxa de Novagalicia e a alfombra vermella para os bancos españois

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

"Estou absolutamente convencido de que Novagalicia se adxudicará de forma obxectiva á mellor oferta". Así de contundente se manifesta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que cre que, de non ser así, atopariamonos ante "unha conflitividade" nunha poxa que afronta a súa recta final logo da presentación das ofertas pola entidade galega. Santander, BBVA, CaixaBank e o venezolano Banesco, xunto aos fondos Guggenheim, WL  Ross, J.C. Flowers e Anchorage, son as opcións dun proceso que numerosos expertos e coñecedores do sector censuran por ser un modelo que busca beneficiar á gran banca fronte a estes fondos internacionais. E iso é tamén o que parece temerse desde San Caetano.

Dáse por feito que o Estado ten todo atadao para favorecer os grandes bancos estatais e diluír nun deles Novagalicia

Incluso se dá por feito que o Estado e o Banco de España teñen todo atado para diluír NCG nunha entidade estatal fronte á opción preferida no Goberno galego e no propio banco, a de traspasala a un fondo internacional para manter unha certa galeguidade. As acusacións van máis aló, xa que coñecedores do modelo da poxa explican que é máis que probable que as firmas de capital risco que disque lle fan ás beiras a Novagalicia tan só fosen empregadas para subir o prezo polo que se acabará vendendo a un dos grandes bancos españois. E non son poucos as que xa dan por gañadora a La Caixa.

A acusación de falta de neutralidade de poxa no FROB é xeneralizada, xa que as condicións impostas beneficiarían claramente aos bancos españois, á espera de coñecerse con detalle as regras da poxa e a só tres días de que remate o prazo de presentación de ofertas definitivas. Nin o venezolano Banesco nin os fondos internacionais terían opcións cun modelo que está a provocar divisións no propio PP. Feijóo e os seus non agochan o seu malestar coa opacidade dun proceso que cren que está a ser manipulado.

O proceso de poxa da entidade galega provoca divisións no PP

Porque o FROB tan só aclarou a medias as regras dunha poxa que se resolverá o luns. Tal e como publican varios medios, o comprador de Novagalicia Banco obtería ata 2.800 millóns de euros en créditos fiscais, tal e como se vén de informar aos aspirantes. Era algo fundamental e, no caso da entidade galega, finalmente a cifra máxima aproveitable polo comprador chegaría a estes 2.800 millóns, un 62% dos 4.500 cos que contaba a firma antes da reforma.

Pero hai máis escenarios dos que advertiu o FROB e serán os interesados os que xulguen cunha cantidade maior ou menor de activos fiscais a asumir, segundo a oferta que poidan facer. E aquí reside un dos principais atrancos para, por exemplo, un fondo como Guggenheim, o preferido por Novagalicia e a Xunta. Porque dáse por seguro que, malia o recorte, os grandes bancos e con grandes beneficios que aspiran a facerse coa entidade galega poden gozar do dereito a descontarse eses 2.800 millóns en impostos sobre beneficios futuros. Pero esa opción é moito máis complexa para fondos que só terían o negocio de NCG. Pero, como tería en conta o FROB que un prezo non estará compensado co beneficio que achegan os activos fiscais?

O comprador de NCG obterá ata 2.800 millóns como máximo en créditos fiscais

Segundo asegura Cinco Días, a intención do FROB é vender automaticamente Novagalicia se un dos postores presenta unha oferta claramente mellor ás do resto. En detalle, se supera nun 50% á segunda mellour ou se incrementa en 200 millóns de euros á seguinte. O obxectivo: ingresar uns 1.500 millóns de euros por unha entidade que recibiu máis de 9.000 millóns de fondos públicos e 800 millóns máis do Fondo de Garantía de Depósitos, ademais de traspasar a súa carga tóxica ao Sareb.

Pero será tamén o FROB quen terá que equilibrar os ingresos efectivos de cada un dos aspirantes e os activos fiscais que solicita, xa que son dereitos a pagar menos impostos e, polo tanto, outro impacto nas arcas públicas.

Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.