0 Gardados para despois

Viaxar da Coruña á Vigo pola AP9 custará case 30 céntimos máis en 2014

Redacción | @prazapublica

Máis gastos, máis custos e máis dificultades. O novo ano iniciarase cun golpe que comeza xa a converterse en tradición. O Goberno central decidiu subir as peaxes das autoestradas que dependen da Administración Xeral do Estado, o que afecta no caso de Galicia á AP9, entre Ferrol e Tui, e a AP53, entre Compostela e Lalín. Será un incremento do 1,85% que suporá, por exemplo, que o traxecto entre A Coruña e Vigo pase dos 15,05 euros aos 15,32, que se converterán en 15,30 ou 15,35 segundo o redondeo que aplique Audasa.

As peaxes subirán un 1,85%, un incremento inferior ao do ano pasado, pero moito maior ca inflación

En plena crise, tras unha importante perda de usuarios (a AP9 perdeu máis de 600.000 usuarios en 2012), logo da automatización do cobro e malia os seus elevados beneficios, a concesionaria destas dúas autoestradas volve aplicar unha suba ás peaxes, que é inferior á do 2,4% que se aplicara en 2013, pero que é superior á inflación, que se sitúa nun 0,2% interanual segundo os datos ao peche do mes de novembro. O incremento xorde dun pacto entre as empresas do sector e o Executivo que data de 2002 e que supón unha revisión automática anual dos prezos que non se basea unicamente no IPC, senón tamén na evolución do tráfico, entre outras variables.

O anuncio desta nova suba no prezo chega un ano despois do anterior incremento, que provocou en Galicia unha protesta contra a "inocentada" das peaxes no país logo de antigas mobilizacións. E nin tan sequera esta suba garante que non se produzan outras ao longo do ano, tal e como ocorreu en 2012. Coñécese, ademais, a poucos días de que se aplique tamén o céntimo sanitario.

O traxecto Compostela-A Coruña custará 6,30 euros; viaxar da Coruña á Vigo suporá 15,30 ou 15,35

Desde o vindeiro 1 de xaneiro, viaxar de Ferrol á Coruña custará oito céntimos máis (de 4,35 euros a 4,43) e da Coruña a Santiago, once máis (de 6,20 a 6,31 euros). Trasladarse de Compostela a Vigo suporá para os usuarios pagar 9 euros de peaxe (15 céntimos máis que até o de agora), mentres que percorrer o tramo entre Vigo e A Coruña suporá gastar case 30 céntimos máis. Ademais, a suba tamén afectará á AP53, que une Compostela e Lalín, e cuxa tarifa de peaxe se incrementará en dez céntimos, pasando a custar 5,90 euros.

Malia as continuas críticas que chegan desde a oposición, nada se fai desde o Goberno central nin galego para deter os continuos incrementos dunhas autoestradas cuxa concesión da AP9 foi ampliada co Executivo de Aznar ata 2048 para posteriormente vendela.

A suba nos peaxes chega en plena crise e con varias concesionarias en concurso e a piques de quebrar no conxunto do Estado. Fomento xa prepara a creación dunha sociedade pública, participada ao 20% polas empresas titulares das vías, e rescatar así varias das compañías con problemas. Nos dez primeiros meses deste ano, as autoestradas españolas tiveron 16.300 usuarios menos que en 2012.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.