O acordo con Pemex: algunha boa nova entre incumprimentos masivos

Feijóo, Caballero e Carlos Roa, ante Barreras © Xunta

Dous floteis, catorce remolcadores, dous quimiqueiros e a segura construción da frota menor da petroleira mexicana por parte de estaleiros galegos. Esas foron as promesas da Xunta e do seu presidente para Galicia desde que hai ano e medio Feijóo anunciara un acordo estratéxico con Pemex. Máis de corenta buques que facían respirar o naval e que amolecían a dura crise dun sector en caída libre.

Feijóo prometera a construción de máis de corenta buques en Galicia entre remolcadores, floteis, quimiqueiros e frota menor

E 18 meses despois, Pemex fíxose co control de Barreras, posúe o 51% e vén de anunciar que construirá no estaleiro vigués cinco barcos (un atuneiro, tres buques tanque e un abastecedor) por un importe de máis de 300 millóns. Unha excelente noticia para os traballadores e o sector da ría de Vigo, que tamén ten garantida a construción dun dos dous floteis prometidos, incluso aínda que PMI non gañe o concurso cuxa decisión se desvelará a final de ano. Non obstante, tal e como aclarou o número dous da petroleira na súa visita a Galicia, Navantia e Ferrol  non teñen asegurado o buque hotel.

Tan só se PMI obtén o primeiro lugar no concurso se construirían os dous floteis no país, cos que Feijóo anunciara 3.000 postos de traballo en dous anos e  un investimento de 300 millóns. No caso de que quede en segundo lugar, tan só se fabricaría un e os traballos realizaríanse na ría de Vigo. Por iso, os traballadores de Navantia volveron saír este mércores á rúa, fartos de promesas incumpridas nas que se inclúen o dique flotante , o centro de reparacións, os gaseiros (un deles, segundo o ministro Montoro, tamén estaría asegurado para Ferrol) ou os xa esquecidos quimiqueiros.

O flotel só se construirá en Navantia se PMI gaña o concurso e non é seguro, tal e como prometera a Xunta

Porque naquel primeiro acto solemne que anunciou hai ano e medio un “acordo estratéxico” entre o Goberno galego e Pemex, incluíuse tamén a construción de dous quimiqueiros que Feijóo deu por seguros. Desde un primeiro momento, o comité de empresa de Navantia alertou da imposibilidade de levar a cabo ese proxecto ante a competencia de estaleiros asiáticos. “A Xunta sempre soubo que non serían para Navantia”, dicía o representante dos traballadores nun anunciou que foi premonitorio.

Pouco despois, Feijóo recoñecía que a imposibilidade de construír os quimiqueiros provocou que se substituísen eses dous buques polos dous floteis, aínda pendentes e sen nada garantido. Pero antes, tamén se garantira a construción de catorce barcos remolcadores, sete deles integramente en Galicia e outros tantos en colaboración con estaleiros mexicanos. Supoñían 310 millóns de dólares -uns 247 millóns de euros-, "máis de 2,6 millóns de horas de traballo" e 2.500 empregos "entre directos e indirectos, na industria auxiliar". Pero nada se sabe deles tampouco, como tampouco nada se sabe da intención de converter o porto exterior da Coruña nunha base loxística da petroleira estatal, logo de que presentase unha solicitude de concesión. "É unha operación cruzada con YPF Arxentina, Pemex e Repsol", anunciou este mércores o presidente da Autoridade Portuaria en Radio Coruña-Cadena Ser.

Valiña e Freire non construirán a frota menor, os quimiqueiros 'voaron' a Asia e dos remolcadores  nada se sabe

A última mala nova para o sector naval veu acompañada dunha boa. Mentres Pemex anunciaba en Vigo a construción de cinco barcos na ría de Vigo e da posibilidade doutros tres no futuro, o número dous da compañía estatal advertía en Madrid que non serán estaleiros galegos os que renovarán a frota menor da petroleira. Valiña e Freire, en colaboración con firmas mexicanas, optaban á construción de 25 embarcacións, das que finalmente 22 serán fabricadas no país azteca. Unicamente tres se levarán a cabo en Galicia e, agás sorpresas, faranse en Barreras.

Pero Feijóo presume do conseguido. Pouco comparado co  que prometera. "Agradézolle moito que valore o éxito do sector naval e que cambie inmediatamente de postura coa valoración que fixo o seu portavoz de industria o mesmo día que se asinaban os contratos", díxolle este mércores ao voceiro socialista, Méndez Romeu, no Parlamento. "Agradézolle, aínda que non pida desculpas, que repoña o a honra da Xunta en relación cos contratos de Pemex. Se conseguimos carga de traballo en Navantia faga o o mesmo", recomendoulle.

Feijóo, xunto a directivos de Barreras e Pemex e autoridades © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.