A suba dun 11% no prezo da luz acende a indignación

Campaña de Nosa Enerxía e Amigos da Terra © Nosa Enerxía

O recibo da luz subirá un 11% de media, en xaneiro, por mor do resultado da poxa de electricidade, que se pechou este xoves cunha alza do 26,5%, e o anuncio do Goberno de subir a parte fixa do recibo nun 1,3%. Porén, a automática indignación espertada por ese enorme incremento, provocou unha reacción de rexeitamento mesmo no interior do propio Executivo, reproducindo anteriores enfrontamentos entre os titulares de Industria, José Manuel Soria, e de Facenda, Cristóbal Montoro.

Soria cualificou de "inaceptable" o resultado da poxa e sinalou que "espera e desexa" que o aumento no recibo da luz sexa freado

Soria solicitou formalmente a apertura dunha investigación á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia para analizar a poxa eléctrica deste xoves. O supervisor ten un prazo de 24 horas para investigar se o proceso foi limpo: se chegase á conclusión de que non o foi, podería chegar a anular a poxa e, por tanto, a subida do recibo prevista para xaneiro. Así o sinalou nunha comparecencia ante os medios no Congreso o ministro de Industria, José Manuel Soria, que cualificou de "inaceptable" o resultado da poxa e sinalou que "espera e desexa" que o aumento no recibo da luz sexa freado.  Soria engadiu que se a subida non é invalidada, "o Goberno analizará o contido do informe de Competencia" para estudar modificacións no mecanismo da poxa para que sexa "máis transparente e máis competitivo e non haxa ningún tipo de manipulación".

 

Críticas á lei

Un estudo de Facua sinala que coa próxima subida da luz o recibo da electricidade sumaría un incremento de máis dun 70% dende abril de 2007

Un estudo de Facua sinala que coa próxima subida da luz o recibo da electricidade sumaría un incremento de máis dun 70% dende abril de 2007. A propia Facua cualifica de “inadmisible” e de “auténtica brutalidade” a suba prevista do 11% e reclamoulle ao Goberno que impulse unha “reforma real do sector”. Outras entidades en defensa dos consumidores tamén salientaron este xoves publicamente a súa indignación pola suba. Por exemplo, a Confederación de Consumidores e Usuarios (CECU) esixiu nun comunicado “a fin da poxa para a formación do prezo da tarifa regulada” e denunciou que “a suba volve deixar ás claras que o déficit público e os intereses privados están por riba do benestar dos cidadáns para o Goberno actual”. De igual xeito, a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) reclamoulle ao Goberno que free a continuada suba de tarifas: “Un servizo tan básico como a electricidade non pode estar a expensas dun mecanismo de fixación de prezos de natureza especulativa e que está baixo sospeita”

Precisamente este xoves foi aprobada a Lei do Sector Eléctrico, grazas á maioría absoluta do Partido Popular. As emendas rexistradas no último momento polo PP no Senado recoñeceron un déficit de 3.600 millóns no servizo da luz por parte das grandes eléctricas, unha decisión que supón que o Estado asumirá unha hipoteca con estas empresas para os próximos 15 anos coa obriga de devolverlles este importe. O que aínda non se sabe é como se fará, pero terá aval do Estado.

Por primeira vez, todo aquel que teña unha placa eléctrica na súa casa e estea enchufado á rede para acceder á subministración en caso de necesidade, deberá pagar unha peaxe

Por culpa desta lei, a partir do 1 de xaneiro, por primeira vez, todo aquel que teña unha placa eléctrica na súa casa e estea enchufado á rede para acceder á subministración en caso de necesidade, deberá pagar unha peaxe, un imposto, un importe. É dicir, terá que pagar polo autoconsumo do sol e do vento. Os prexuízos para as enerxías renovables non rematan aquí. A lei elimina as primas ás renovables e muda as regras do xogo e as vías de ingreso das empresas produtoras. Ademais de retroactividade, xérase inseguridade, pois os criterios de "rendabilidade razoable" nos que se basea a norma examinaranse cada tres ou seis anos. O sector teme que moitas empresas non poderán sobrevivir e que será inevitable un banco malo de renovables.

A lei tamén prevé sancións millonarias para as vivendas que teñan unha placa foltovoltaica (aínda que sexa de 300 euros) non homologada e estean enchufadas á rede pero non paguen a peaxe. De feito, a partir do 1 xaneiro os inspectores do Ministerio poderán entrar en fogares e empresas, sen necesidade de autorización xudicial para comprobar as instalacións, particularmente as de autoconsumo.

Outro dos aspectos máis polémicos desta lei ten que ver co rexeitamento do PP, tanto no Congreso coma no Senado, de establecer mecanismos de protección ás familias vulnerables. Os populares opuxéronse a que non se lles poida cortar a luz ás vivendas que non teñen para pagala, a ampliar o bono social e a rebaixarlle o IVE.

 

Alternativas: Cooperativas eléctricas

Buscando primar as enerxías renovables, o consumo responsable e o control democrático da enerxía que empregamos, naceron hai algúns anos as cooperativas de produción e consumo enerxético

Buscando primar as enerxías renovables, o consumo responsable e o control democrático da enerxía que empregamos, naceron hai algúns anos as cooperativas de produción e consumo enerxético, seguindo os exitosos exemplos que podemos observar, por exemplo, en Alemaña, onde existen máis de catro mil cooperativas de enerxía limpa. Así, en distintos lugares de España están a nacer, e a crecer con forza, cooperativas de comercialización e produción eléctrica: a vasca Goiener, a cántabra Enerplus, a andaluza Zencer, a valenciana Nercoop, ou a catalá Som Energia, con dez mil socios en todo o Estado (tamén en Galicia, onde contan cun grupo territorial). Ademais, o pasado 21 de setembro Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega celebrou a súa asemblea constituinte.

Som Energía sentencia que "os cidadáns temos o poder do consumo, ou do non consumo. Non nos imos render"

Búscase "cambiar o modelo enerxético actual e democratizar a enerxía, consumir enerxía verde e tamén apostar pola economía social e verde". Destacan que os socios e socias participantes obterán como contrapartidas "consumir enerxía verde o mesmo prezo ou mais barata co prezo de mercado" e tamén contar con "poder de decisión no eido da enerxía que consumimos". As cooperativas conclúen que a reforma enerxética "apunta directamente aos cidadáns". E neste senso Som Energía, na súa valoración final, sentencia que "os cidadáns temos o poder do consumo, ou do non consumo. Non nos imos render".

Asemblea de Som Energia © Som Energia
Campaña de Nosa Enerxía e Amigos da Terra © Nosa Enerxía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.