Pemex apraza por quinta vez a adxudicación dos floteis que prometeu Feijóo

Feijóo, xunto a directivos de Barreras e Pemex e autoridades © Xunta

Nin por Nadal recibirán os estaleiros galegos a esperada boa nova. Esa era a posibilidade, pero Pemex vén de decidir aprazar a adxudicación dos dous floteis que Feijóo comprometera para Navantia e Barreras no que é xa o quinto adiamento da petroleira  mexicana  nunha decisión que non se coñecerá até o vindeiro mes de xaneiro. Cos traballadores, especialmente os de Ferrol, pendentes dunha decisión prevista para a medianoite, a promesa segue sen cumprirse. Un ano e tres meses despois do anuncio do presidente da Xunta, os buques hotel que disque se ían construír en Galicia, aínda non chegaron. A chapa, que o Goberno galego adiantou que se comezaría a cortar en marzo (de 2013), tampouco se sabe cando chegará.

Os estaleiros terán que agardar por dous floteis que a Xunta dá por feitos malia o atraso de máis dun ano desde o seu anuncio

E o caso é que os dous floteis xa se daban por feitos. O de Barreras porque, tras a adquisición do estaleiro vigués por parte de Pemex, a empresa xa anunciou que, no caso de que non fose adxudicado, acabaríase por construír de todos os xeitos. No caso de Navantia, porque todas as autoridades e os traballadores se agarran á promesa de Feijóo, que asegurou a construción do buque malia que a oferta conxunta con PMI compite con outras moitas de todas as partes do mundo. A oferta galega roldaría os 500 millóns, incluíndo traballos de construción e subministro de servizos. Sexa como for, nada se saberá aínda e a nova que pretendía ser un pequeno respiro para o naval nin tan sequera chegará. Un fin de ano triste de novo.

Desde que o pasado setembro de 2012 Feijóo anunciara un acordo con Pemex para a construción destes dous floteis pasaron xa 15 meses. Ano e medio de escusas para xustificar o continuo aprazamento da adxudicación e da confirmación da construción duns barcos pola que (e é algo que semella non terse nunca en conta) loitan outras ofertas internacionais.

Feijóo xustificou o atraso na chegada dos floteis no 'tax lease', as reformas políticas en México, a falta de avais ou as duras negociacións

A falta de novidades era, hai tan só uns meses, debida á tensión social derivada de varias reformas políticas no país azteca. Antes, no mes de xullo, Feijóo atribuía os atrancos ao tax lease. Uns meses antes, os problemas que sempre xustificaban o atraso no inicio da construción dos floteis eran os avais que Barreras tiña que conseguir. Mesmo o presidente da Xunta se encargara en febreiro de pedirlle á petroleira mexicana máis tempo para que o estaleiro vigués acadese eses avais que lle permitisen asumir o contrato dos buques.

Pouco despois, o presidente da Xunta viaxou a México, volveu prometer a licitación dos barcos -desta vez para xullo- e advertía das bondades do Pacto por México, un plan que contemplaba "40.000 millóns de dólares en investimentos anuais" dos que, afirmaba, Galicia se podería beneficiar en ámbitos diversos. Co paso do tempo, un escándalo electoral sacudía este plan ao fiaba os investimentos Feijóo, que tamén escusou a demora na formación do novo executivo azteca. Á volta, Pemex anunciaba o acordo para facerse co control de Barreras.

Xa que logo, os floteis prometidos en plena precampaña e campaña electoral das últimas autonómicas acumulan xa un ano e medio de atraso. No programa do PPdeG para aqueles comicios admitíase que os buques aínda se estaban "a negociar". Porque as continuas negociacións foron outras das escusas máis recorrentes por parte da Xunta e do partido que goberna para xustificar os numerosos atrancos. Os contratos, malia os requirimentos da oposición e dos sindicatos, seguen sen ser públicos, atendendo á confidencialidade que tería exixido Pemex. E a "ansiedade" que admitía Feijóo en setembro segue medrando entre os traballadores.

"Os que incomprensiblemente brindaban porque non acadariamos traballo para os estaleiros galegos, que garden as botellas para a botadura dos floteis", dicía Feijóo en setembro de 2012

"Os que incomprensiblemente brindaban porque non acadariamos traballo para os estaleiros galegos, que garden as botellas para a botadura dos floteis". Este é o contido do último tweet publicado pola conta aberta na rede social por Núñez Feijóo para a campaña electoral. É do 29 de setembro de 2012. Hai un ano, tres meses e un día.

Instalacións de Pemex © Iberorusa.com
Feijóo, con directivos de Pemex no balcón do Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.