0 Gardados para despois

A máis enerxía eólica, electricidade máis barata

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En 2013, por vez primeira, o vento foi o principal produtor de enerxía eléctrica en España. A enerxía eólica xerou o 21,1% do total, superando a nuclear (20%), o carbón (14,6%), a hidráulica (14%), a coxeneración (12,6%) e os ciclos combinados (9,6%). En total, as fontes renovables achegaron o 42,4% do total da enerxía producida en España, algo histórico. Os últimos datos mensuais, correspondentes a xaneiro, amosan que a importancia da enerxía eólica non deixa de incrementarse, e no conxunto do mes proporcionou por si soa o 29,7%, sumando o conxunto das renovables o 51,7% do total.

En xaneiro a enerxía eólica proporcionou por si soa o 29,7% do total, sumando o conxunto das renovables o 51,7%

E todo iso, a pesar dos constantes obstáculos e trabas impostos polo Goberno de Mariano Rajoy ás renovables, como denuncia a patronal do sector eléctrico e das restantes fontes de enerxía non baseadas en combustibles fósiles. De feito, as principais asociacións do sector renovable, Anpier, APPA, Protermosolar e UNEF, sinalaron este mesmo xoves que os novos sistemas de incentivos aprobados polo Executivo provocarán ao longo de 2014 unha redución de ingresos para as súas empresas de 3.400 millóns.

Ademais, a patronal do sector eólico lembra que existe unha correlación directa entre o incremento do peso da enerxía xerada polo vento e o abaratamento do prezo do mercado diario. O pasado mes, o prezo nas poxas diarias baixou até os 33,97 euros por MWh, o máis baixo rexistrado nun mes de xaneiro dende 2010, "o que demostra" -din- "o impacto á baixa da eólica nos prezos da electricidade". De feito, en xaneiro o prezo do mercado diario foi un 37% inferior ao prezo medio de xaneiro de 2013 (50,50 €/MWh). Ademais, durante 64 horas dos 31 días do pasado mes de xaneiro, o prezo marxinal do mercado diario situouse en 0 €/MWh, segundo datos de OMIE. Nesas 64 horas a produción eólica estivo sempre en máximos.

A redución dos incentivos (a "rendibilidade razoable" revisable cada seis anos), a peaxe ao sol para o autoconsumo e o menor peso na factura da luz do consumo supoñen "a morte das renovables", en palabras destes colectivos

Porén, a redución dos incentivos (a "rendibilidade razoable" revisable cada seis anos), a peaxe ao sol para o autoconsumo e o menor peso na factura da luz do consumo supoñen "a morte das renovables", en palabras destes colectivos. Por este motivo, estas asociacións xa anuncian a adopción de "medidas legais" contra as decisións do goberno popular e o presidente de Unión Española Fotovoltaica, José Donoso, xa sinalou que "España vai pagar moi caro a ruptura da seguridade xurídica", lembrando ademais que "só o 12% do déficit de tarifa tiña que ver coas renovables".

O peso da enerxía eólica multiplicouse por 2,5 entre 2005 (cando representaba apenas o 8%) e 2013 (21%) e segue incrementándose, tirando do conxunto de fontes renovables, que neste tempo pasaron de cifras que roldaban o 20 por cento (e nas que dominaba sobre todo a enerxía hidroeléctrica) até os datos actuais, por riba do corenta por cento. Estas asociacións lembraron este xoves igualmente que o sector "chegou a superar os 137.000 empregos e en 2012 perdera xa máis de 23.000". Tamén sinalaron que no periodo 2005-2012, as renovables reduciron a balanza enerxética española en máis de 15.300 millóns e evitaron emisións contaminantes por valor de 3.100 millóns de euros. Neses anos, as enerxías renovables aforráronlles aos consumidores máis de 32.500 millóns no mercado eléctrico".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.