Galicia segue emigrando

Varias persoas agardan polas súas maletas nun aeroporto CC-BY-SA Daniel Lobo

A crise económica acentúa a emigración. Galicia segue a ser un país de emigrantes e cada vez dun xeito máis evidente. Segundo os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), case 2.000 galegos marcharon da comunidade cara ao estranxeiro neste primeiro trimestre do ano. En total, foron 1.839 as persoas que deixaron a autonomía para buscar un mellor futuro, de acordo coas estimacións da poboación española.

No conxunto do Estado, foron un total de 27.004 os españois que decidiron emigrar nos primeiros tres meses deste 2012. De cada cen deses emigrantes, case sete marcharon desde Galicia, onde tamén abandonaron a comunidade 1.433 estranxeiros, o que provoca un saldo migratorio negativo para o país de 365 persoas, ao abandonar a comunidade un total de 3.272 persoas, fronte ás 2.907 que chegaron.

O número de galegos que emigrou a outras autonomías aumentou nun 12%

En todo 2011 emigraron de Galicia ao estranxeiro 13.323 persoas, que son 3.844 máis das que o fixeron en 2010. Ademais, e en canto aos movementos migratorios dentro do propio Estado, o INE cuantifica en 17.179 os galegos que emigraron a outras autonomías no ano 2011, case 2.000 máis que os 15.323 os galegos que emigraron a outros lugares do Estado só no ano 2010. Os datos supoñen un aumento de caso o 12%, un 11,7%.

Un fenómeno territorializado

Ademais, e se nos fixamos nos datos globais, o fenómeno da emigración  presenta un comportamento fortemente territorializado, afectando de maneira especialmente intensa a toda a rexión noroccidental da Península Ibérica, e moi nomeadamente a Galicia, que lidera –cunha enorme diferenza– tanto en termos absolutos como relativos.

En total, o INE rexistra 1.816.835 cidadáns españois residentes no exterior, dos cales 654.395 naceron en territorio español. Deles, case 1 de cada 4 é galego: 156.980 persoas, que representan o 24% do total estatal. Isto que significa que o noso país vería incrementada nun 16% a súa poboación residente (en termos absolutos, case 450.000 persoas) se o fenómeno emigratorio tivese deixado de estar vixente, como proclaman as autoridades e desmenten os feitos.

Evolución da poboación

Ademais, Galicia perdeu 8.432 habitantes entre o último ano, o que representa o 0,3% da súa poboación, segundo os datos das estimacións da poboación actual publicados este luns polo INE, que recollen a información até o 1 de abril deste ano. Así, a comunidade galega ten actualmente 2.726.506 habitantes, fronte aos 2.734.938 que tiña a 1 de abril do ano pasado. Na comparación con marzo de 2012, a comunidade perdeu 785 habitantes.

Do total de habitantes, 1.313.015 son homes e 1.413.492 son mulleres. Os datos do instituto estatístico reflicten tamén que a poboación que supera os 65 anos na comunidade aumentou un 1,14% entre o 1 de abril de 2011 e o 1 de abril de 2012 e alcanzou un total de 612.347 persoas, que son 6.896 máis que doce meses antes. Durante o primeiro trimestre do ano naceron en Galicia 5.409 bebés, de acordo coa información do INE, que cifra en 7.578 as defuncións, o que deixa un saldo negativo de 2.169.

Así mesmo, a idade media da maternidade está nos 32,21 nas mulleres da provincia da Coruña; sitúase nos 31,79 en Lugo; nos 31,89 en Ourense e en 31,89 en Pontevedra. En canto á taxa de fecundidade, é de 1,11 fillos por cada coruñesa; de 0,99 por cada lucense; de 0,96 por cada ourensá e de 1,14 por cada pontevedresa.

Cidadáns españois residentes no exterior Dominio Público INE
Varias persoas agardan polas súas maletas nun aeroporto CC-BY-SA Daniel Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.