Os sindicatos ven nos recortes no ensino "un ataque frontal" que instaura "o copago"

Conferencia Sectorial de Educación Dominio Público Ministerio de Educación

Máis recortes. O ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, expuxo aos conselleiros de Educación no seo da Conferencia Sectorial extraordinaria elevar até un 20% o cociente de alumnos por aula en Primaria e Secundaria, como unha das medidas para facer fronte ao novo recorte de 3.000 millóns de euros en materia educativa anunciado polo Goberno.

É unha soa das medidas que se prevén aprobar mediante real Decreto-lei o vindeiro venres no Consello de Ministros para facer fronte a uns recortes que teñen que poñerse en marcha “canto antes”. Segundo o ministro, este aumento de alumnos por aula “está vinculada a circunstancias de excepción”, pero incrementarase a excepcionalidade dun rango do 10% nos distintos niveis (25 alumnos en primaria e 30 en secundaria) até o 20%.

Ademais, tamén se prevé aumentar as horas lectivas do profesorado, xa que propón establecer unha xornada semanal do profesorado de como mínimo 25 horas en Infantil e Primaria e 20 horas en Secundaria. Do mesmo xeito, propuxo aprazar a implantación dos módulos de 2.000 horas de Formación Profesional até o curso 2014-2015, así como suspender a obrigatoriedade de ofertar todas as opcións de Bacharelato nos centros e anular a creación de novos complementos retributivos do profesorado. Tampouco se cubrirán con substitucións as baixas menores a dez días lectivos. 

O Goberno prevé aumentar os alumnos por aula, incrementar as horas dos profesores e suspender a obrigatoriedade de ofertar Bacharelato en todos os centros

"Son medidas que, ao noso xuízo, e en xeral o da maioría das comunidades autónomas, non inciden sobre a cobertura e a calidade da educación e non afectan á equidade", subliñou Wert, tras presidir a Conferencia Sectorial. Non opinan o mesmo os sindicatos educativos. Así, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, anuncia que pedirán ao conselleiro de Educación “que rexeite as medidas que se prevén aplicar, porque sería o ataque máis grave ao ensino público desde o franquismo e botar ao paro a milleiros de interinos”, pero advirten que Xesús Vázquez “foi pioneiro nos recortes na educación pública” xa en Galicia. A Federación de Ensino de CCOO-Galicia  tamén lembra que “algunha das medidas impostas xa se está a aplicar en Galicia”, xa que o conselleiro  “pretende ser o alumno máis aplicado que fai os deberes antes de que llos encarguen”. Desde STEG, pola súa banda, piden ao titular de Educación que aclare “se acatará as instrucións de Madrid malia as consecuencias desastrosas que sen dúbida terán para a calidade educativa”.

CIG-Ensino pregúntase “como se pode falar de calidade do ensino nunha aula na que se poderán superar os 36 alumnos, cada un con distintas motivacións e diferentes ritmos de aprendizaxe” e, ao igual que CCOO, advirte “dunha deficiente atención individualizada e nunha practicamente imposible atención á diversidade”. STEG, ademais, advirte que “obrigar ao profesorado a asumir ata un 20% máis de alumnado, xunto cun aumento de horas docentes supón condenar ao fracaso académico a aquela parte das alumnas e alumnos que precisan maior atención”. “Non a recibirán porque, literalmente, non haberá de onde sacar o tempo para o facer”, aseguran.

"É un xeito de introducir o copago na educación pública"

“Dito doutra maneira, é un xeito de introducir o copago na educación pública: quen teña dificultades nalgunha materia e a súa familia poida costearse clases particulares, terá unha oportunidade de as superar; quen non, engrosará as abultadas cifras do fracaso escolar”, insiste o STEG, que censura tamén a redución dos complementos salariais dos profesores e a eliminación das dúas opcións de Bacharelato nos centros escolares, algo que segundo CCOO terá consecuencias máis graves en Galicia polas súas características demográficas e territoriais.

Ademais, a CIG denuncia que as medidas anunciadas polo ministro “supoñen unha invasión absoluta das competencias que a Galiza lle corresponden, un feito queu nos retrotrae ao estado preoatuonómico”.

A nivel estatal, A Federación do Ensino de CCOO xa pediu ao ministro que convoque con urxencia unha reunión da Mesa sectorial de Educación, “para que explique con detalle o alcance destes recortes”, mentres que UGT, xunto con CCOO, advirten de que estes novos recortes educativos suporán “máis emigración entre a xente nova”.

Conferencia Sectorial de Educación Dominio Público Ministerio de Educación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.