A crise aumenta a parcialidade e temporalidade da muller traballadora

Protesta das traballadoras de Freiremar © CIG

A crise expulsou moitos homes do mercado laboral nos últimos anos, o que fixo incrementar a actividade feminina. Malia isto, o emprego masculino segue a estar máis consolidado, cunha taxa de actividade do 60%, fronte ao 49,1% do feminino en Galicia, segundo os últimos datos da EPA do cuarto trimestre de 2013. Se o comparamos con seis anos antes, en 2007 e xusto antes do comezo da recesión, esta taxa de actividade incrementouse 3,5 puntos entre as mulleres, ao tempo que descende na mesma medida entre os homes. No entanto, "as mulleres incorpóranse ao mercado laboral nunhas condicións nada favorábeis". Así o asegura o informe que cada ano a UGT publica sobre a situación laboral das mulleres con motivo do vindeiro Día Internacional da Muller Traballadora do próximo 8 de marzo.

Se analizamos a ocupación, a caída é xeral entre homes e mulleres pola crise. No caso feminino, o descenso foi de 42.600 empregos, mentres que no masculino situouse nos 166.100 traballos perdidos. Aínda así, hai 517.000 homes ocupados en Galicia, fronte ás 470.400 mulleres. Dicir que a crise está remitindo "é difícil de afirmar", tal e como se destaca no informe, de ter en conta que entre 2012 e 2012 perdéronse 25.000 postos de traballo entre os homes e 13.500 entre as mulleres.

O 75,6% do emprego a tempo parcial correspóndelle ás mulleres; unha de cada catro ocupadas traballa a media xornada

É obvio que a crise incide na desigualdade de xéneros e incide na parcialidade no caso das mulleres. En 2013, o 75,6% do emprego a tempo parcial correspondíalle ás mulleres (116.300), mentres que só o 33.600 homes se atopan nesta situación. Ademais, os traballos a media xornada ou menos horas abranguen case o 25% das mulleres ocupadas (24,7%), mentres que no caso dos homes só afecta ao 6,5%, sendo os servizos onde máis se xeneraliza esta situación, xa que o 89,7% das mulleres ocupadas a tempo parcial traballan neste sector.

A desigualdade é evidente. De feito, é a ocupación a tempo parcial a que atenua a caída da ocupación entre as mulleres. A perda de ocupación feminina en 42.600 mulleres resulta dunha caída de 72.000 postos de traballo a tempo completo que se compensa co incremento de 29.500 empregos femininos a tempo parcial.

Tal e como lembra UGT-Galicia, o contrato a tempo parcial "debería ser algo voluntario", pero está comprobado que case o 70% as mulleres que se atopan nesta situación "estano porque non dan atopado un emprego a tempo completo", fronte ao 62,5% dos homes. Ademais, case o 18% das mulleres que elixen este tipo de xornada fano para "o coidado e outras obrigas familiares", 20.700 mulleres fronte a 1.300 homes, un síntoma máis de que "son elas as que seguen condicionando o seu traballo para intentar coinciliar a vida laboral e familiar".

A temporalidade tamén se ceba coas mulleres: o 24% dos seus contratos son temporais

Por outra banda, e ademais da parcialidade, tamén a temporalidade se ceba coas mulleres, xa que o 24% dos contratos delas son temporais, fronte ao 21,5% dos homes. Malia que desde 2007 a evolución neste ámbito é mellor, tamén se comproba que do total de contratos fixos rexistrados en 2013, case o 50% son indefinidos pero a tempo parcial no caso do xénero feminino, fronte ao 19% do xénero masculino.

Tamén é destacable o feito de que, malia que as mulleres que se atopan no mercado laboral teñen un nivel formativo superior ao dos homes, hai un "fortísimo grao de segregación". O 31,7% das mulleres traballan no sector servizos, sendo a ocupación máis numerosa, mentres que no caso dos homes é a industria, a construción ou o emprego cualificado o sector que máis ocupa.

 

Segregación horizontal e vertical

O informe insste que "a principal desigualdade que padecen as mulleres no mercado laboral vén ocasionada pola dobre segregación, a horizontal e a vertical, que por un lado sitúa o traballo feminino nuns sectores determinados, principalmente nos servizos, sectores na actualidade precarizados, e, por outro lado, as mulleres atópanse dun teito de cristal que lles impide a asunción de posicións de máis poder e responsabilidade na esfera profesional".

O traballo feminino céntrase nuns sectores determinados e caracterízase pola dificultade das mulleres para acadar posicións de máis poder ou responsabilidade

Do mesmo xeito, destaca que a EPA do cuarto trimestre de 2013 sitúa a taxa de paro feminino en Galicia no 21,6%, unha porcentaxe que non variou moito desde o comezo da crise, pero "non pola boa evolución, senón pola mala rexistrada entre os homes".  Ademais, e en canto a cifras concretas, son moi destacables as fortes taxas de desemprego entre as rapazas máis novas, acadando o 68,5% no tramo de 16 a 19 anos e o 44,8% no de 20 a 24.

Do total das desempregadas rexistradas en Galicia, 69.300 xa levan máis dun ano no paro e, delas, máis da metade leva dou ou máis anos. A estas hai que engadirlle 11.200 mulleres en busca do seu primeiro emprego, fronte a 9.900 homes. "Ás mulleres dáselles menos oportunidades á hora de acceder por primeira vez ao mercado laboral", destaca o sindicato, que lembra que "a inactividade tamén é superior entre as muleres".

Así, 35.000 mulleres, fronte a tan só 2.800 homes, responden que non buscan emprego polo coidado dos nenos ou de adultos enfermos ou discapacitados. Por ter outras responsabilidade familiares ou persoais, 65.600 mulleres, fronte a 7.400 homes.

En materia de pensións, os datos indican que en Galicia un 48,8% das mulleres perciben unha pensión de xubilación fronte ao 77% no caso dos homes. En 2013, unha muller percibe unha pensión de xubilación de 605 euros ao mes, de media, fronte aos 975,53 euros dos homes. Ademais, hai 21.205 beneficiarias de pensións de xubilación non contributivas, fronte a 5.946 homes. "A reforma do Goberno do PP o que vai facer é agravar aínda máis estas diferenzas", di UGT-Galicia.

"A dificutlade para conciliar a vida laboral e familiar é un dos factores máis importantes da discriminación"

O sindicato insiste en que "un dos factores máis importantes de discriminación para as mulleres no mercado laboral é a dificultade da conciliación da vida laboral e familiar e da corresponsabilidade". "A incorporación da muller ao mercado laboral faise sen resolver o conflito que supón traballar fóra da casa e atender as responsabilidades familiares que tradicionalmente se lles atribúen ás mulleres", destaca, tras reparar na eliminación de servizos públicos dirixidosao coidado e atención aos menores e ás persoas con dependencia, o que "supón un prexuízo para o xénero feminino e para a súa incorporación ao mercado laboral e a conservación do traballo".

O 93,3% das excedencias por coidado de familiares son solicitadas por mulleres

Para UGT-Galicia, fomentar a negociación colectiva, a corresponsabilidade e unha mellor normativa laboral é "algo indispensable" para a consecución da igualdade. "Pero coa reforma laboral e as súas medidas de paralización e dificultamento da negociación colectiva estase a ocasionar un grave retroceso na loita contra a discriminación de xénero no eido laboral", remata, tras lembrar que a cesión da maternidade ao pai tan só representa un 2,21% e que as excedencias por coidado de familiares son solicitadas nun 93,3% dos casos por mulleres.

Mariscadoras en Noia CC-BY-NC-SA jmlage
Mobilización das traballadoras de Cuca CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.