A crise dispara o risco de exclusión social entre as mulleres galegas

Concentración das traballadoras de Cuca ante a factoría © CCOO

Con motivo da celebración o vindeiro sábado do Día Internacional da Muller Traballadora, diversos informes dos sindicatos destacan a “pésima” situación que en materia de emprego están a soportar as mulleres galegas e que se vén acentuando nos últimos anos por mor da crise. No seu estudo, UGT-Galicia destaca o aumento da parcialidade e temporalidade que sofre o xénero feminino. Comisións, pola súa banda, incide en moitos destes aspectos, pero repara tamén no efecto das políticas da austeridade e da reforma laboral que “provocan un intolerable retroceso na igualdade”.

Tal e como destaca o informe de CCOO-Galicia, o pasado 2013 foi “pésimo” para as mulleres, tanto pola perda de emprego como polo “intenso deterioro das condicións laborais das que aínda o manteñen”. O estudo destaca que no país hai 52.300 ocupadas menos que en 2009 e 18.300  menos que un ano antes, ao tempo que hai 11.100 mulleres menos que traballan por conta allea.

"A destrución do emprego bateu con máis forza no sector público que no privado"

Así, destaca tamén que a destrución do emprego “bateu con máis forza no sector público que no privado”. Hai 3.500 asalriadas menos no privado fronte a 7.600 no público. Desde Comisións incídese non feito de que o sector público leve tres anos diminuíndose, pero tamén que se insentificase en 2013 ao descender un 7% o emprego feminino.

Nesta situación, o emprego temporal é o máis prexudicado, tanto no sector público como no privado: hai 4.000 asalariadas menos no público e 4.300 non privado, o que en proporción supón unha caída do 17% e do 6% respectivamente. Pola súa banda, o indefinido cae un 4% no público e sobe un cativo 0,4% no privado.

En canto ás cifras xerais, Galicia conta cunha taxa de paro feminino de 21,9%, con 132.200 desermpregadas, un dato “demoledor” que sería moito máis alto “de non diminuír a poboación activa”. O máis grave, aínda así, é o paro de longa duración entre as mulleres, que afecta a 74.000 (máis da metade do total), das cales tamén máis da metade (46.300) levan xa dous ou máis anos no paro, o que as coloca como “un colectivo moi  numeroso e con risco de caer na exclusión social”.

A metade das paradas galegas sono de longa duración e máis da metade destas levan dous ou máis anos en paro

Do mesmo xeito, é destacable a perda de actividade entre as mulleres logo de que en 2012 se acadase en Galicia a cifra máis elevada de activas, con 614.300. En 2013, a tendencia cambiou e abandonaron o mercado laboral 11.700, o que supón un descenso do 2% provocado pola “falta de expectativas e o aumento da emigración”.

En 2013, só o 5% dos contratos iniciais para mulleres foron indefinidos

Ademais, tal e como se insiste no informe de CCOO-Galicia, a situación das mulleres que aínda manteñen o emprego “tampouco é moi alentadora”. “Cada vez traballan máis a xornada parcial e o peso sobre a ocupación feminina é do 23%”, destaca un estudo que lembra que en 2013 só o 5% da contratación inicial foi indefinida. “Este é un dos indicadores máis evidentes da precariedade no mercado laboral e a evidencia clara do fracaso da reforma laboral imposta polo Goberno do PP”, asegura.

Case unha de cada catro mulleres en Galicia atópanse en risco de pobreza ou exclusión social

En canto aos salarios, en 2011 -último ano con datos- o salario das mulleres supoñía o 77% do salario dos  homes, unha fenda salarial que aumentou de 4.459 euros a 5.090 euros, o que “confirma que a crise está ancheando a desigualdade salarial entre mulleres e homes”. Ademais, a poboación feminina en risco de pobreza ou exclusión social atinxe “case unha de cada catro mulleres en Galicia: en 2012, o 23,8% das mulleres galegas estaban nesa situación”. As máis expostas, remata o informe, son as que teñen entre 16 e 24 anos, cunha taxa do 32,1%. Así, o risco de pobreza ou exclusión social aumentou moito na infancia e adolescencia (menores de 16 anos) ao pasar do 23,2% en 2011 ao 27,4% en 2012.

As traballadoras de Ecomed reclamándolle á empresa o que lles adebeda © CC.OO.
Mariscadoras en Camariñas CC-BY-NC-ND brindavoine2002

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.