A débeda galega sobe un 10% en 2013 e xa é máis do duplo que ao chegar Feijóo

CC-BY-SA Praza Pública

Un chisco menos que seis meses antes, un pouco máis que o ano anterior e máis do duplo que ao comezar a gobernar. O Banco de España vén de publicar os datos oficiais de débeda pública coas que as autonomías pecharon o exercicio económico de 2013, unha análise que ratifica o rumbo ascendente do endebedamento da Xunta tanto en termos absolutos como no indicador preferido polo presidente do Goberno galego, o peso deste endebedamento sobre o produto interior bruto (PIB) do país.

A 31 de decembro de 2013 o erario autonómico galego acumulaba unha débeda de 9.131 millóns de euros, un 10,5% mais que os 8.261 millóns cos que pechou 2012. Esta cantidade volve situar a facenda galega no incremento da débeda tras dous baixadas puntuais, as experimentadas no segundo e no terceiro trimestre do ano, cando os 9.525 millóns de marzo pasaron a 9.324 en xuño e 9.104 en setembro. Así as cousas, Galicia debe agora 870 millóns máis que doce meses antes e 5.177 máis que en 2008, derradeiro ano xestionado integramente polo bipartito, o que supón un incremento do 130% dende o retorno do PP ao poder.

A Xunta debe 9.131 millóns, 870 máis que un ano antes

Os datos do regulador amosan que Galicia non é, nin moito menos, a autonomía máis endebedada do Estado pero tampouco lidera, nin de lonxe, o rexistro de contención da débeda, na liña do que viñeron manifestando os argumentarios oficiais nos últimos anos. Concretamente, a Administración galega é a sexta máis endebedada, lonxe dos postos de cabeza de Catalunya (57.000 millóns), Valencia (31.000), Andalucía (23.000) e Madrid (22.000), pero máis lonxe aínda dos apenas 1.000 millóns de La Rioja, dos 2.000 de Extremadura ou dos 3.000 de Asturias.

Peso sobre o PIB

Autonomías % sobre PIB
Comunitat Valenciana 32,9
Castilla-La Mancha 31,6
Catalunya 29,9
Balears 25,6
Murcia 20,9
Navarra 17,6
Cantabria 17,5
Andalucía 17,3
Aragón 16,6
Galicia 16,6
Extremadura 16,2
Castilla y León 15,2
La Rioja 14,7
Asturias 14
Canarias 13,2
Euskadi 13
Madrid 12

O peso da débeda sobre o PIB tamén era maior a finais de 2013 que un ano antes. O 16,6% que reflicte o Banco de España é 1,7 puntos máis que doce meses antes e case 10 puntos máis que en 2008. Así e todo, este indicador tamén estivo relativamente controlado ao longo do pasado ano, toda vez que ao remate do primeiro trimestre chegou, cun 17,3%, ao máximo da serie histórica.

En seis autonomías a débeda pesa menos na economía que en Galicia

Neste indicador Galicia tampouco é líder en control. Ben ao contrario, hai seis autonomías (Extremadura, Castilla y León, La Rioja, Asturias, Canarias, Euskadi e Madrid) nas que o endebedamento pesa menos sobre o conxunto da economía que en Galicia. Así e todo, ese peso é a metade que na primeira da lista, a Comunitat Valenciana, lastrada por un 32,9%. Nas finanzas do conxunto das administracións públicas do Estadi o panorama é moito máis complexo e a débeda xa chega ao 93,9% do PIB.

Reunión do Consello da Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.