O solo galego para vivenda protexida segue en caída libre

Vivendas en construción © Capeco

Unha lei propia de "tempos pretéritos de intervencionismo e vivendas sindicais" e un "apaño" que ía "subir exponencialmente os prezos da vivenda", influíndo "negativamente" na actividade económica. No ano 2008 a actual presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, dirixíalle estas críticas á lei de medidas urxentes en materia de vivenda e solo que impulsaba as consellerías de Política Territorial e de Vivenda do Goberno bipartito e que tiña entre as súas principais medidas a reserva obrigatoria dun 20% do solo para vivenda protexida en concellos de máis de 20.000 habitantes, o duplo que con Fraga. Seis anos despois a burbulla inmobiliaria contra a que loitaba aquela norma é historia, igual que a propia lei e a reserva de solo que traía consigo.

Aquela lei do bipartito leva derrogada dende 2012, ano no que actual Xunta a botou por terra cunha reforma da lei de ordenación urbanística que, sobre o papel, ía "adecuar a porcentaxe de reserva daqueles concellos en que o plan xeral fixe unha reserva baseada nos datos estimados de demanda". Fronte aos augurios lanzados hai seis anos polos populares, o prezo do metro cadrado da vivenda libre está agora un 22% por baixo, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, mentres que na vivenda protexida este indicador subiu case un 2%. Ao tempo, o que se desplomou foi a porcentaxe de solo reservado para vivendas protexidas, que a Xunta basea no seu Rexistro de Demandantes.

O prezo da vivenda libre subiu un 22% nestes anos e a protexida, un 2%

O Goberno galego vén de facer públicos por segundo ano o solo que deben dedicar os concellos a casas de protección oficial aos que se lles aplica esta obriga e os datos non só están lonxe do 40% que pretendía o bipartito, senón tamén do 20% dos tempos de Fraga. Así, no conxunto do país a porcentaxe media de reserva é do 5,69%, mentres que en 2013 era do 7,11%. Dos 113 concellos obrigados a realizar esta reserva só once están por riba da media e unicamente un, o de Vigo, supera o 20% da lexislación do anterior Goberno do PP.

Ningún concello chega ao 40% que se propuña o bipartito e só Vigo supera o 20% fixado en tempos de Fraga

Atendendo ao rexistro do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) neste 2014 Vigo reservará un 21,94% do seu solo para vivenda protexida. O seguinte concello é Brión, cun 12,91%, seguido por Lugo, co 10,22% e Pontevedra, co 10,9%. A continuación figura Santiago, ao que se lle asigna un 9,53%, Ferrol, co 8,07% e A Coruña, co 8,02%. Tamén están por riba da media Moaña (7,51%), Baiona (6,98%), Allariz (6,27%) e Vilagarcía de Arousa (6,01).

Cunha notable baixada xeral a respecto do ano anterior, esta nova lista péchana os concellos de Arzúa, Camariñas, Muros, Muxía, Vedra e Vimianzo, que fican no 0%. Tamén están por baixo do 1% municipios como A Laracha (0,97%), Teo (0,95%), Ribeira (0,90%), Ortigueira (0,82%) ou Caldas de Reis (0,80).

Vivendas en construción © Capeco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.