0 Gardados para despois

A "desfeita industrial" da crise transforma a estrutura produtiva da economía galega

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


“Galicia sufriu unha auténtica desfeita industrial”. Esa é unha das principais conclusións do informe A crise do emprego, unha análise da EPA en Galicia, presentado por CCOO e elaborado polo economista Manuel Lago. O informe conclúe con numerosos datos que a grave crise económica está provocando no país “un intenso proceso de transformación sectorial da estrutura produtiva” da comunidade, logo de que “levara por diante todo o emprego industrial que se creou en Galicia durante a fase expansiva da economía”.

"Galicia está 'terciarizándose', pero o emprego industrial é o máis difícil de recuperar"

Xa que logo, Galicia, que xa deixou de ser hai tempo un país baseado no sector primario, asiste agora a un enorme impulso ao “proceso de terciarización da súa actividade”, algo habitual e case lóxico noutras zonas de Europa hai ben anos, pero que chega á autonomía con atraso e co grave risco que supón destruír tantos postos de traballos no sector industrial de vez e en plena crise. “É o emprego máis difícil de recuperar, nalgúns casos imposible”, advirte Lago.

Galicia tiña en 1997 o mesmo número de empregados na industria que agora mesmo

Unha ollada ás cifras traslada aos datos a crueza da realidade económica. Nos últimos catro anos perdéronse en Galicia 45.700 empregos industriais, o 21% dos que había en 2007, o que provocou “un retroceso de case trece anos”. En 2010 había o mesmo número de empregos no sector que en 1997. Ou o que é o mesmo: a crise xa levou por diante todo o emprego industrial que se creou en Galicia durante a mellor época económica e en plena expansión.

En termos globais, sen cinxirnos só á industria, máis da metade de todo o emprego creado pola economía galega na fase de crecemento económico máis intensa da historia recente foi destruído en poucos meses. De 1994 a 2007 o número de empregados aumentou en 250.000 persoas; dende o terceiro trimestre de 2008 até o final de 2011, destruíronse xa 141.000 postos de traballo netos.

A crise é, como destaca Manuel Lago no informe, “de construción e industrial”, pero cébase especialmente co último sector. Tomando como referencia 2007, estes dous sectores sofren o 90% da destrución do emprego en Galicia. Por ámbitos, na madeira perdeuse o 47% do volume de traballadores, o téxtil o 26%, o naval o 25% e a automoción o 23%. En definitiva, das dez ramas industriais máis importantes en Galicia, nove sofren unha destrución de emprego moi intensa e só unha, a industria da alimentación, dá mantido o nivel de ocupación.

Destrución de postos de traballo na industria en Galicia (Fonte: Seguridade Social. Decembro de cada ano)
Actividade 2011 2007 Diferenza
 Alimentación e bebidas 26.897 27.527 –630
Metalurxia 20.093 26.691 –6.598
Industria do automóbil 14.520 17.854 –4.234
Téxtil confección 12.595 17.129 –2.243
Outros produtos minerais non
metálicos
9.144 13.936 –4.792
Madeira e cortiza 9.191 13.481 –4.290
Construción naval 6.648 8.891 –2.243
Químicas 6.735 8.399 –1.664
Mobles 4.173 5.866 –1.693
Extracción de minerais 2.864 4.521 –1.657

 

Xa que logo, Galicia ve como mentres en 2005 os servizos achegaban o 59% do emprego en Galicia, a porcentaxe chegou ata o 63% en 2008 e pechou o 2011 en 68%. E non porque o sector servizos xerase emprego, senón pola elevado nivel de despidos que se dou na industria. As causas son evidentes, como resume Manuel Lago, que ve como a industria foi duramente afectada pola deslocalización, pola maduración dalgúns ciclos pero, sobre todo, pola falta de financiamento desde as entidades bancarias, o que “afecta de maneira moito máis grave ao sector”. No entanto, tampouco lle quita culpas “á falta, xa non de plan industrial, senón de ideas na Xunta de Galicia”. “As empresas xa saben que non poden contar coa Administración”, recoñece.

A opinión de Manuel Lago sobre as perspectivas futuras, como a de moitos outros economistas, é clara. “A política de axustes e recortes provocada pola denominada consolidación fiscal implica menos gasto e menos investimento público e o resultado non é máis que a caída da demanda interna e, polo tanto, un menor crecemento e máis problemas de emprego”, asegura, advertindo dun aumento do paro nos vindeiros meses.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

"A Xunta nin ten plan industrial nin ten ideas"

Manuel Lago, economisa autor do informe, critica a falta dun plan industrial claro en Galicia e asegura que a industria do país non espera moito do Goberno. "Non agardan nada da Administración porque saben que non hai nada; non teñen o amparo da Xunta e teñen que defenderse elas soas", asegura. 

Estivo sempre o sector industrial galego mal planificado?

Durante moito tempo non se fixo mal porque en Galicia houbo un certo florecemento industrial non hai moito. O seu máximo nivel de emprego industrial chegou en 2007 e fomos quen de manter a industria alimentaria, de potenciar a construción naval, de que o automóbil fose como un tiro... É a partir do inicio da crise cando se derruba e se acelera un proceso de transformación sectorial da economía galega. 

En que situación nos atopamos agora?

O problema agora é que a crise está destruíndo, ademais do sector primario -que ten unhas razóns non vinculadas só á crise-, tamén o emprego na construción e moitísimo no sector industrial. Como nos servizos non medra, pero tampouco cae, estamos asistindo a unha terciarización pasiva da estrutura produtiva. Non se xera emprego en servizos, senón que se destrúe na industria, o que é preocupante. 

Por que é tan grave a destrución de emprego na industria?

O derrubamento da construción e o estoupido da burbulla inmobiliaria provocaron a destrución de moito emprego, pero na industria houbo unha combinación de varios elementos. Houbo problemas de deslocalización, tamén a maduración de ciclos que acabaron por rematar, pero sobre todo a gravísima perda de financiamento das compañías.Esta crise só se pode entender analizando a seca do crédito, que afecta de feito especial aos bens industriais, que requiren máis financiamento. Os problemas de competencia internacional, de deslocalización e maduración dalgúns procesos como o naval xúntanse cos de financiamento e provocan isto. É moi preocupante, porque o emprego perdido no sector industrial é o que ten máis dificultades de recuperación. É moito máis fácil recuperar traballadores no sector servizos. 

"A Xunta é incapaz; ten desmontados os instrumentos de planificación industrial"

Teñen as administracións cupa nesta "desfeita industrial"?

É evidente que a Xunta non ten plan industrial. Todo o impulso da industria fíxose á marxe dun planeamento, e cando estoupa a crise non hai resposta. Este goberno ten desmontados os instrumentos de planficación industrial, como o Igape ou XesGalicia, que están nunha situación de parálise case absoluta. Son as empresas e os seus traballadores os que se enfrontan a peito descuberto coa crise, sen amparo nin impulso ningún. A Xunta é incapaz. Non só non ten un plan, senón que non ten unha soa idea. O que ten ocorrido co plan eólico é a evidencia. Puidemos ternos convertido na principal potencia mundial de produción enerxética, pero a impericia e o sectarismo do conselleiro e  do presidente fíxonos perder esa oportunidade de desenvolvemento. O sector naval galego de pequenos asteleiros tamén ten un problema co modelo de fianciamento que substitúa ao tax lease e que debe ser negociado por un goberno, pero están abandonados á súa sorte. Non hai amparo público, non hai ideas, non hai nada. Nin tan sequera receptividade cara ás empresas. Dependemos de que as propias empresas ou os clústers sexan quen de ampararse e defenderse entre elas. Se agardan polo Goberno... De feito xa non agardan porque saben que non hai nada.

"Alemaña está a impoñer un modelo ideolóxico que o Goberno de España acata"

Todos os expertos insisten en que os recortes non solucionarán a crise, senón que a empeorarán. Por que seguimos nese camiño?

Incluso o FMI, gardián da ortodoxia neoliberal, o di. Aquí hai varios factores. Un factor é a orientación europea dirixida por Merkel para reconstruír e reorientar a economía do sur de Europa. O que vende Alemaña é que os salarios, as pensións, a sandidade ou o ensino están por riba das posiblidades económicas de España e hai que baixar as súas condicións. Alemaña está actuando para provocar a devaluación interna do noso país. En segundo lugar, hai un goberno que acepta esa lóxica sen poñela en cuestión e dedícase a aplicala nos orzamentos públicos. Todo isto crea un agravamento da recesión, afecta as empresas, cae a demanda e fai que as compañías vendan menos. Ao mesmo tempo, como non se corrixiu o predominio do capital financiero sobre o produtivo e a falta de financiamento de empresas e consumidores, provócase unha reestruturación produtiva. Estamos sometidos a forzas negativas. É un tratamento de electroshock que consiste en escarallarnos para ver se reaccionamos. O problema é que con eses electroshocks a maioría morrían. 

Seguirán os gobernos con eses métodos?

A economíma española e a galega están sometidas a ese electroshock. Temos unha cura de adelgazamento con aceite de rícino para sanear o mal e que o enfermo bote todo o que non lle gusta aos que nolo receitan. Estas curas significan ter salarios máis baixos, máis paro, máis precariedade e peores horarios. Ese é o modelo, un modelo ideolóxico, unha concepción de sociedade que impón Alemaña e que o Goberno de España acata.