0 Gardados para despois

O Banco de España dálle a Novagalicia un empurrón máis cara á poxa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Podería rematar nunha poxa, mesmo por un euro, o axitado episodio que comezou coa fusión das antigas Caixa Galicia e Caixanova? Todo semella indicar que que si. E semella tamén que ese escenario está moi próximo. O pasado marzo o equipo de Novagalicia Banco remitiulle ao Banco de España o seu roteiro para o futuro. Viña de entrar en perdas por primeira vez na súa historia, pero aseguraba ante o regulador que podía saír adiante por dous camiños: pola vía da poxa ou a través da entrada de investidores privados que se fixesen cun mínimo dun 20% da entidade cada un para así ir propiciando a saída dos cartos do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), isto é, os cartos do Estado que actualmente controlal o 90,6% de NCG Banco. Pero á principal autoridade estatal non lle gusta a segunda opción e nin sequera a contempla.

Nunha comunicación remitida aos directivos de NCG Banco o Banco de España non rexeita completamente esta opción, se ben considera que non lle é "posible pronunciarse" sobre ela e engade que o coñecido como Plan Castellano "introduce elementos cuxo encaixe normativo non é evidente no momento actual" e ademas "está condicionada á aprobación previa das autoridades españolas e comunitarias" e "suxeita aos acordos que, no seu caso, adopte o FROB", que é tanto como dicir o Ministerio de Economía. Así as cousas o organismo presidido por Miguel Ángel Fernández Ordóñez deixa nas mans dos gobernos central e comunitario un proceso no que a súa preferencia non se oculta. Non en van, nos últimos días deixou claro que o Esquema de Protección de Activos (EPA) -mecanismo de protección contra perdas- que NCG Banco contempla para os seus dous plans só sería concedido "se hai un proceso competitivo", isto é, unha poxa.

"Non podo darllo a este señor porque si", di Fernández Ordóñez sobre Castellano

É sobre este "proceso competitivo" sobre o que o regulador si que se pronuncia abertamente na comunicación á entidade bancaria, remitida na noite do venres. Aproba sen problemas a venda nunha poxa "da participación do FROB" en NCG Banco, unha "competición" á que concorrerían as grandes entidades bancarias do Estado, como Caixabank ou o Santander. Non obstante, Novagalicia segue a defender o Plan Castellano. É viable e ademais cun custo para os contribuíntes "moi inferior ao doutras alternativas", por que o FROB mantería o 51% da entidade e os investidores privados asumirían o 25% das perdas que se puidesen producir. Nesta liña, anuncian que lle achegarán ao Estado e á UE "toda a documentación que precisen" para que así "dispoñan de todos os elementos de xuízo para escoller a mellor opción de privatización". Mentres, Fernández Ordóñez mantén que non lle concederá "porque si" un EPA "a este señor", en referencia a Castellano. A poxa segue aproximándose.

 

 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.