A CIG propón outra folga xeral e pide apoio ao resto de sindicatos

Manifestación da CIG no día da última folga xeral en Vigo CC-BY CIG

Outra folga xeral. Iso é o que propón a CIG, que acordou promover unha nova convocatoria de paro para a primeira quincena de xuño. Suso Seixo, secretario xeral da central nacionalista, anunciouno e xustificouno por estar "nun momento determinante" ante as "inxustas políticas" que impón o PP e logo dos recortes en educación ou ensino, que se unen á "imposición da reforma laboral". 

A CIG xa advertiu que pedirá o apoio do resto de sindicatos e que se porá en contacto "coas organizacións sindicais vascas e con CCOO e UGT, fundamentalmente", para promover unha nova convocatoria na que, din, “é fundamental que esteamos todos” e garantir así "un seguimento tan masivo ou maior ao que se deu o 29 de marzo". O éxito desa folga xeral en Galicia, que liderou o seguimento no conxunto do Estado, especialmente en canto á asistencia ás manifestacións, anima agora a central nacionalista a un novo paro que ve máis que xustificado. A masiva afluencia de persoas ás concentracións nas grandes cidades (especialmente en Vigo e na Coruña) e o éxito do paro nalgunhas grandes empresas e na indutria fora para todos os sindicatos "unha resposta contundente e clara" non só ás políticas do Goberno de Mariano Rajoy, senón tamén ás que "leva anos practicando Feijóo desde a Xunta". 

"É fundamental que esteamos todos", din desde a CIG, que pide unión sindical para unha nova folga xeral

Para Suso Seixo, a folga xeral é "necesaria" para responder "contundentemente" ás políticas do Goberno central. "Rajoy está incumprindo algunhas das súas promesas electorais", advirte o secretario xeral da CIG, que incluso medita a posibilidade de "pedir a dimisión do Goberno e a convocatoria de novas eleccións". "O neoliberalismo está facendo pagar as consecuencias da crise a quen non ten culpa e obrigando a aplicar políticas económicas que van empeorar a situación", engade Seixo, que se pregunta por que o Banco Central Europeo non merca directamente débeda aos estados. "Debemos seguir o exemplo de Islandia", aclara, tras pedir aos gobernos "o impago" da débeda contraída por ser "ilexítima e resultado da especulación". 

 

A CUT apoia a folga xeral; CCOO e UGT agardan acontecementos

En canto á postura de CCOO e UGT tras o ofrecemento da CIG para se unir na convocatoria de folga xeral, desde os dous sindicatos prefiren agardar aos contactos que manterán entre as diferentes centrais, así como entre os órganos de dirección de cada unha das formacións. Este martes, os dous sindicatos estatais presentarán en rolda de prensa en Santiago as mobilizacións previstas para a vindeira fin de semana e para o Primeiro de Maio, polo que se prevé que respondan á proposta da CIG. Fontes de Comisións e de UGT non descartan unirse á convocatoria de paro, pero entenden que é unha decisión que deben tomar os órganos de dirección. 

A CUT apoia "sen dúbida ningunha" a convocatoria doutra folga xeral

Pola súa banda, a central nacionalista CUT xa anuncia que "apoia sen dúbida ningunha a proposta de folga xeral por parte da CIG". "Dixemos xa tras o 29-M que aquel paro era só o inicio dun longo camiño de mobilizacións", aclara Ricardo Castro, secretario xeral, que cre que os traballadores "apoiarían outra folga xeral" como xa o fixeron "masivamente" hai un mes. "Está demostrado que se hai paraugas sindical, a xente rebélase contra as agresións aos traballadores", engade, tras recordar que tras as masivas manifestacións e o éxito do pasado 29 de marzo, "o Goberno do PP contestou con recortes en sanidade e educación". "Contra a violencia do sistema só nos queda mobilizarnos", finaliza. 

Ademais, e antes desa probable folga xeral, a CIG presentou tamén as mobilizacións para o Primeiro de Maio baixo os lemas Por emprego digno, non á reforma laboral do PP e En defensa do ensino e da sanidade públicos. Co primeiro lema, din, rexeitan unha norma "que persegue unha redución dos salarios entre o 20% e o 25% e qeu non supón creación de emprego". Co segundo, denuncian "a política de recortes en servizos públicos básicos e cos ataques ao ensino e á sanidade públicos"

Suso Seixo, hoxe ao anunciar a convocatoria de folga xeral © CIG
Manifestación da CIG no día da última folga xeral en Vigo CC-BY CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.