"Estase aproveitando a reforma laboral para eliminar das empresas os traballadores con maior antigüidade"

Maica Bouza, secretaria de emprego do sindicato © CC.OO.

O 29 de marzo de 2012 unha folga xeral, convocada por todos os sindicatos, protestou de forma masiva contra a reforma laboral do goberno de Mariano Rajoy. Alertábase de que as medidas de flexibilización do despedimento e de precarización dos contrato contidas na reforma non serían efectivas para loitar contra o desemprego e, ademais, provocarían máis temporalidade e peores condición laborais. Dous anos despois da aprobación da reforma, en Galicia traballan 74 mil persoas menos (un 7% do total) e, como denuncia o informe presentado este mércores por CC.OO., Dous anos de reforma laboral: menos emprego, máis paro, máis pobreza, os contratos son cada vez máis precarios.

"A reforma laboral que se nos vendeu como un instrumento para crear emprego, resulta que dous anos despois non só non hai máis emprego, senón que o emprego que se crea é de peor calidade", sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego do sindicato, que cualifica de "fracaso" e de "pésimo balance" a aplicación da reforma. Bouza denuncia que "os gobernos español e galego non están tomando medidas para enfrontar esta realidade, non se está impulsando a creación de emprego estable, e non se lles dá unha solución ás persoas que están sufrindo situacións de pobreza e exclusión social".

A distribución do emprego a tempo parcial por sexos é moi desigual: o 23% da poboación ocupada feminina fronte ao 7% da masculina

Desde o primeiro trimestre de 2012 hai 13.600 persoas máis ocupadas en xornada parcial e 87.800 menos a tempo completo. A taxa de ocupación a tempo parcial é especialmente elevada na xuventude, sobre todo no tramo de 16 a 19 anos, pois chega ao 58,6%. A distribución do emprego a tempo parcial por sexos é moi desigual: o 23% da poboación ocupada feminina fronte ao 7% da masculina. Desde o primeiro trimestre de 2012, o emprego a tempo parcial aumentou en ambos os sexos pero, sobre todo, nas mulleres. Desde aquela, hai 11.300 mulleres máis traballando a xornada parcial por 2.300 homes máis.

Bouza denuncia neste senso que "aumentan os empregos a tempo parcial, e un tempo parcial que non é unha opción voluntaria: hai un 64% de persoas que traballan a tempo parcial porque non atopan un emprego a tempo completo, en contra do que di o Goberno. Estase substituíndo emprego a tempo completo por emprego a tempo parcial". "O que pretendían era flexibilizar o mercado laboral, e conseguírono" -engade- "Estase aproveitando a reforma laboral para eliminar das empresas os traballadores con maior antigüidade. O 77% dos empregos indefinidos que se perderon eran de traballadores que levaban máis de tres anos na empresa. Búscase abaratar os custes laborais desfacéndose da xente que ten máis experiencia".

"O 77% dos empregos indefinidos que se perderon eran de traballadores que levaban máis de tres anos na empresa. Búscase abaratar os custes laborais desfacéndose da xente que ten máis experiencia"

CC.OO. denuncia que "a reforma laboral facilitou moito os despedimentos, tanto individuais como colectivos. E as empresas, amais de non renovaren os contratos temporais, agora optan cada vez máis por despedir persoal fixo". A perda de emprego asalariado indefinido afecta aos traballadores e traballadoras que levan seis meses ou máis na empresa pero, sobre todo, aos que levan entre tres anos e menos de seis anos; neste colectivo, o descenso é do 19% no período analizado.

De igual xeito, o sindicato alerta de que a pesar de que a reforma laboral tiña como un dos seus obxectivos formais combater a inestabilidade laboral "os datos do mercado laboral desmenten de forma rotunda este discurso porque segue dominando a contratación temporal". De feito, do total de contratos asinados ata maio de 2014, os indefinidos só representan o 9,05%, porcentaxe similar á de hai dous anos que alcanzaba o 8,72%. Así mesmo, a cifra de contratos de emprendedores (unha das medidas estrela da reforma) é moi modesta: no mes de maio de 2014 (último dato coñecido) só se rexistraron 391 sobre un total de 3.272 indefinidos ordinarios.

Entre os motivos que alegan as persoas inactivas para non buscar emprego, destaca o aumento das que contestan que "cren que non o van atopar", pois sobe un 13,4% en relación co primeiro trimestre de 2012

 

"Desánimo"

A poboación activa redúcese en 43 mil persoas, que abandonan o mercado de traballo na maior parte dos casos por desánimo, porque non atopan emprego despois de buscalo durante moito tempo. Entre os motivos que alegan as persoas inactivas para non buscar emprego, destaca o aumento das que contestan que "cren que non o van atopar", pois sobe un 13,4% en relación co primeiro trimestre de 2012.

Destaca tamén a debacle do emprego público: perdéronse 19 mil empregos no sector público, porcentualmente máis do que se perdeu no sector privado. Maica Bouza subliña que dende a aprobación da reforma laboral se perderon máis do 17% dos empregos totais que había no sector público, e a maior parte na Xunta. "Polo tanto, esta situación é produto tanto da reforma laboral coma dos recortes decididos polo Goberno galego en sanidade, educación ou protección social", di.

A provincia máis afectada pola perda de emprego é Ourense, que perdeu en dous anos o 11% dos seus empregos, máis que A Coruña (que perdeu o 8,8%). Por cidades, Ferrol sae do mapa; dende 2012 perdeu o 31% dos empregos. A poboación ocupada no concello de Pontevedra tamén retrocede por riba da media galega: 7,3% fronte ao 7,0%.

Por cidades, Ferrol sae do mapa; dende 2012 perdeu o 31% dos empregos

 

Paro de longa duración

En comparación co primeiro trimestre de 2012, o desemprego de longa duración (un ano ou máis) aumentou en 42.800 persoas ata sumar 172.400, que supoñen o 58% da poboación desempregada. O colectivo máis numeroso é, precisamente, o que leva dous ou máis anos no desemprego: 109.000 no primeiro trimestre de 2014, un 54% máis ca no mesmo período de 2012.

"Por primeira vez na historia de Galicia, hai máis persoas cobrando subsidios que prestacións por desemprego debido á prolongación do período que se permanece no paro"

A taxa de cobertura do sistema de protección por desemprego estaba no 56,05% o pasado mes de maio (fronte ao 64,40% no mes de maio de 2012). Daquela, en Galicia xa hai máis de 100.000 persoas desempregadas con experiencia laboral que non cobran prestacións por desemprego. "Por primeira vez na historia de Galicia, hai máis persoas cobrando subsidios que prestacións por desemprego, debido á prolongación do período que se permanece no paro", denuncia Bouza. Ademais, xa hai 101.500 fogares en que todos os seus membros están desempregados, unha cifra que non deixou de medrar porque son 15.500 máis que no primeiro trimestre de 2012, e uns 34.300 fogares que non perciben ningún tipo de ingresos.

"Galicia atópase en situación de emerxencia social", polo que Comisións lle esixe á Xunta un cambio nas súas políticas

Para CC OO, os datos son "demoledores", pois amosan un país con menos emprego, máis paro e menor protección social. "A fotografía é desoladora", engade Bouza. "Galicia atópase en situación de emerxencia social", din, polo que Comisións lle esixe á Xunta un cambio nas súas políticas: "esixímoslle que aposte con decisión polo crecemento e que abandone os axustes e recortes. O eixe central desas políticas debe ser o emprego, especialmente o dos colectivos máis castigados pola crise, e a protección social das persoas desempregadas".

Maica Bouza, secretaria de emprego do sindicato © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.