"Só un clamor social evitará o desmantelamento do Estado de Benestar, aínda hai tempo"

Manifestación contra a reforma laboral en Madrid CC-BY UGT

Economistas Frente a la Crisis é unha iniciativa impulsada por un grupo de economistas preocupados "pola interpretación predominante da natureza da crise, o seu diagnóstico e os principios que están informando da súa xestión". Este xoves 26, o colectivo, que agrupa a uns 30 expertos, constitúese en asociación "para institucionalizarse e funcionar dunha maneira máis axeitada" e trasladar á sociedade "unha versión do que está a ocorrer diferente á que nos intentan impoñer como única". Alfonso Prieto é un dos membros dun colectivo cuxos últimos manifestos son lecturas de cabeceira de milleiros de persoas preocupados polo rumbo da situación económica.  

Por que se conforman en asociación?

É unha cuestión práctica para o funcionamento do colectivo. Chegamos a un punto no que temos conseguido unha enorme difusión dos nosos manifestos e unha importante afluencia ás nosas conferencias e para funcionar mellor queríamos institucionalizar o grupo para funcionar dunha maneira axeitada.

Que pretende Economistas frente a la crisis?

O que queremos, como grupo de economistas, levar á sociedade o debate sobre o que está a ocorrer en España e en Europa, xa que o que lle ocorre ao Estado circunscríbese nas políticas económicas europeas. Pretendemos trasladar o debate económico poñendo o pensamento económico que estudamos e practicamos ao longo da nosa vida ao servizo dos cidadáns. Queremos que teñen unha versión distinta da que se intenta impoñer, xa non como dominante, senón como única. Desexamos que a xente se exprese libremente a través do noso colectivo e convidar tamén a profesionais doutras disciplinas ao noso colectivo.

"Os gobernos intentan impoñer unha versión da crise xa non dominante, senón única"

Está a sociedade acreditando nese discurso económico dominante?

A sociedade o que está é asistindo inerme a estas medidas baseadas nunha única interpretación e a un diagnóstico equivocado da economía española e europea. Deixar en mans das persoas que impoñen a austeridade como única saída á crise é, como di Paul Krugman, un suicidio para España e para Europa, pero é un suicidio moito antes para España que para Europa. Hai outras saídas á crise que non teñen por que provocar o desmantelamento do Estado de Benestar aproveitándose da situación. Os que impoñen estas ideas dinnos: “temos que facelo porque non hai outra opción”. Non é verdade. Hai outras saídas.

Que saídas alternativas son esas? Hai esperanzas de que se cambie de rumbo?

É moi importante o que se está a dilucidar nas eleccións francesas. O posible gañador dos comicios fala dunha saída que é a mesma da que nós falamos. Fala de conseguir financiamento e flexibilización neste proceso de redución do déficit. Ninguén nega que hai que reducir o déficit, pero a pregunta é por que hai que reducilo en tan pouco tempo. Por que hai que chegar ao 3% en 2013 e non en 2015? A quen beneficia?

"Ninguén nega que haxa que reducir o déficit, pero por que hai que chegar ao 3% en 2013 e non en 2015?"

E a quen beneficia?

Fálase dos mercados, pero os mercados teñen nomes e apelidos e algúns son moi coñecidos e están moi achegados a nós.

Temen que esta interpretación ou diagnóstico dominante nos gobernos poida acabar nunha crise de valores na sociedade?

Desde logo que pode acabar provocando isto. As persoas que pensan o que nós pensamos, a xente que está en posicións progresistas ou de esquerdas defenden o modelo social europeo como un dos cumios da cultura mundial. Por que poñer isto en solfa agora? Pois porque hai intereses e grupos que sacan moito máis beneficio cunha sanidade e unha educación privada que cunhas públicas. Os impostos non chegan porque nos sistemas fiscais actuais pagan máis os que menos teñen, as clases medias e os asalariados. As grandes fortunas e empresas acaban pagando menos, esa é a historia.

É unha esaxeración dicir que se pode estar a acabar cun Estado de Benestar que custou tantos anos conseguir?

Non é esaxeración ningunha. Eu só introduciría un matiz. Estase intentando acabar co estado de benestar, os gobernos están intentando iso.

Estamos a tempo de evitalo?

Estamos a tempo sempre que haxa un clamor social, sempre que a xente se manifeste de forma totalmente contraria a estas medidas. Ou é que os pensionistas son os culpables? Foron eles os que provocaron a crise de Lehman Brothers? Todo isto é un sarcasmo.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.