0 Gardados para despois

O vento galego non é galego

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O vento galego non é galego. Ou iso é o que se desprende da análise pormenorizada do último informe elaborado pola economista Rosa María Regueiro. Non só non é galego, senón que o seu enorme potencial apenas deixa beneficios no país, xa que se dilúen entre as grandes compañías enerxéticas estatais e unha chea de fondos de investimento con participación nos grupos españois. The Bank of New York Melon Corporation, Three Gorges, GDF Suez, BlackRock Found ou Tokyo Electric Power, este último dono da central xaponesa de Fukushima, son algúns dos principais propietarios da enerxía eólica.

O dono da central de Fukushima é un dos grupos con maior influencia no sector eólico galego

En realidade, o 70% das empresas que explotan os parques eólicos galegos son de fóra de Galicia e case todo o negocio queda en mans de catro grupos que á súa vez están interrelacionados. Catro grandes grupos como Entrecanales, ACS-Iberdrola, Enel e Gas Natural-Fenosa que acaban por compartir investidores e accionariado a través da participación de enormes fondos de investimento chegados de China, Xapón ou os Estados Unidos.

 

Empresas matrices dos principais parques eólicos autorizados en Galicia entre 1995 e 2010
EMPRESAS Totais
potencia
(kW)
%
Total
Entrecanales / Tokyo Electric Power 1.165.160 21%
ACS / Iberdrola 891.770 16%
EnelSpa + EnelUniónFenosa + Endesa 547.215 10%
Norvento S.L. 396.060 7,1%
Gas Natural Unión Fenosa + Vestas 378.750 6,8%
Gecal S.A. 210.000 3,8%
EDP + Desa Promoción 199.100 3,6%
Airosa Vento S.L. 177.000 3,2%
FCC Enerxía (Olivento) 162.610 2,9%
NovaCaixaGalicia 131.000 2,3%
Cantiles XXI S.L. 128.000 2,29%

 

Unha ollada aos tres grandes grupos propietarios dos parques eólicos autorizados en Galicia desde 1995 até 2010 deixa clara esta globalización do vento galego, que nace nas serras do país pero acaba sendo controlado desde a primeira potencia económica mundial ou desde a emerxente China. Así, entre os conglomerados Entrecanales, ACS-Iberdrola e o resultante de Enel e Endesa, que uniron os seus negocios de renovables,  controlan o 47% da potencia instalada.  Pero ademais, tanto Entrecanales como o grupo formado por Enel e Endesa e a anterior alianza da eléctrica italiana con Fenosa manteñen ou mantiñan relación a través da participación da empresa EnelSpa, así como pola súa vinculación accionarial con Entrecanales e co grupo Tokyo Electric Power.

Entrecanales, ACS-Iberdrola e Enel-Endesa controlan o 47% da potencia instalada en Galicia

“Estes grandes grupos chegaron de primeiros ao negocio eólico galego e foron facendo alianzas”, explica a economista Rosa María Regueiro, que advirte da vinculación de todos eles a través do accionariado chegado de axentes foráneos “con proxección multinacional e cunha actividade moito máis aló da enerxética”. Como outro exemplo máis, advirte da compra nos últimos meses de máis do 20% do capital da principal enerxética lusa, Energías de Portugal (EDP) por parte da empresa chinesa Three Gorges, que xa puxo os seus ollos e investimentos nos grandes grupos españois. 

“Hai procesos de concentración empresarial; se seguimos o fío, veremos que os capitais que unen estas empresas veñen de fondos de investimento comúns; Three Gorges aterrou en Portugal, pero tamén está comprando en Francia e Alemaña”, di Rosa María Regueiro, a autora d'A propiedade do vento galego (Laiovento). O problema, explica a profesora, é que son estes enormes grupos estranxeiros os que “acaban por decidir a política a seguir segundo o que precisen, xa que eles invisten tamén en hidroeléctricas, en enerxía nuclear ou nas propias construtoras que fan os parques eólicos”, aclara. “E lévanse a maior parte dos beneficios, claro está; é unha práctica empresarial habitual, derivada da globalización, pero distinta”, explica.

"Acaban por decidir a política enerxética a seguir segundo o que precisen"

Distinta e nada positiva para Galicia, xa que as súas actuacións son “intensivas de capital e non para crear emprego”. “Actúan de maneira diferente porque non están aquí e os intereses por xerar riqueza ou emprego son moito menores; as empresas con capital galego están aquí, os seus beneficios reportan na terra e teñen un trato máis directo e responsable coa sociedade”, recorda.

Ao final, tan só o 30% da potencia instalada está en mans galegas, algo que en opinión de Regueiro é unha eiva que vén de lonxe. “Cando comezou todo o proceso, en 1995, as empresas descubriron o potencial eólico de Galicia e viñeron para aquí; case todas as que chegaron eran do grupo Endesa e a Xunta responde aos plantexamentos feitos por esas promotoras, en lugar de crear un marco normativo xeral que regulase o sector buscando un maior beneficio para a comunidade”, lembra a economista, que advirte que o problema era común “a nivel autonómico e estatal”. “Agora, aqueles grupos que chegaron de primeiros teñen máis fortaleza, máis presenza e máis capacidade técnica”, advirte, ademais de estar controlados por fondos de investimento cuxa preocupación non son precisamente as enerxías renovables.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.