O CES censura os recortes sociais mentres se aumentan recursos para pagar a débeda

Presentación do informe do CES © CES

O Consello Económico e Social (CES) presentou este mércores a súa memoria 2013, centrada na complicada situación económica no país e as consecuencias que a crise está a ter na cidadanía. O organismo, que avalía o impacto dos anteproxectos de lei así como o contexto socioeconómico, asegura que o pasado ano foi "un punto de inflexión" na economía galega e ve indicios de recuperación, pero non dubida en criticar con dureza os recortes sociais levados a cabo na autonomía e a redución de recursos destinados aos bens públicos mentres aumentan os que se destinan a afrontar os pagos da débeda pública.

O CES censura que as políticas de crecemento sexan "escasas e supeditadas" aos obxectivos de austeridade e disciplina macroconómica

De feito, o CES censura que para facerlle fronte ás "dificultades" da economía galega, as políticas de crecemento son "escasas e supeditadas" aos obxectivos de austeridade e disciplina macroeconómica e que deberían tender a "consolidar" un crecemento "máis sostible e mellor adaptado" ás economías "avanzadas".

O Consello, que rexeita avaliar o impacto das políticas da Xunta de Feijóo no panorama económico, é non obstante ben claro cando alude na súa memoria ao "forte impacto social e económico" da crise e manifesta a súa preocupación pola "progresiva redución" dos recursos destinados á produción de bens públicos de carácter social, en especial en educación e sanidade, pero tamén en protección e promoción social. Así, cifra o recorte no primeiro ámbito nos 247 millóns de euros e no segundo en máis de 175. Fronte a estes recortes, o CES contrapón o "elevado e progresivo incremento" dos recursos destinados a afrontar os pagos da débeda pública.

O organismo destaca a "progresiva redución" dos recursos en educación, sanidade ou protección social mentres se "elevan" os destinados á débeda

Tamén analiza a memoria a calidade de vida e benestar social e conclúe na necesidade de adoptar medidas que garantan a cobertura e os "mínimos de subsistencia", así como apostar pola innovación e por unha educación con estabilidade normativa. Tamén fai unha advertencia o CES cando destaca a "importancia" de avanzar na complementariedade entre as políticas económicas e de emprego, así como nas medidas de protección e inclusión social, centrada especialmente nos maiores de 45 anos e nos mozos ou parados de longa duración.

Precisamente, a memoria repara na "forte destrución de emprego" e no "grave incremento" da poboación parada como "as peores consecuencias da crise", polo que insta a Xunta a traballar na "consecución do crecemento económico", tras destacar a "mellora" nos datos de desemprego e nun "cambio de tendencia" que estaría ratificándose neste 2014. Tamén alerta da "preocupante redución do peso relativo da remuneración dos asalariados" durante a crise, o que dificulta a recuperación económica.

O CES ve "prioritario" reactivar o mercado interno fronte á continua "internacionalización" á que alude a Xunta

Para lograla, o CES ve fundamental e "prioritario" que a Xunta "reactive o mercado interno, o emprego e o dinamismo investidor", máis aló da "internacionalización" á que sempre fai referencia a Administración. De feito, o Consello chama a atención sobre o "elevado ritmo de destrución" do tecido empresarial galego, "lastrado" polas dificultades dun mercado interno contraído, un endebedamento elevado e unha falta de acceso ao financiamento. Ao tempo, aposta por recuperar sectores "estratéxicos" como o agrogandeiro ou o naval.

A memoria foi presentada en rolda de prensa pola presidenta do CES, Corina Porro, que di que se ve "unha luz ao final do túnel", así como por Juan José Gallego, secretario, a presidenta da comisión de traballo do documento, Marta Mate, e dous técnicos do organismo.

Presentación do informe do CES © CES

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.