Sete de cada dez desempregadas galegas non cobran prestación ningunha

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Pouco máis de 94.000 dos case 285.000 parados que hai en Galicia, segundo os últimos datos da EPA, perciben prestacións por desemprego. A taxa de protección dos desempregados galegos sitúase así no 33,2% no segundo trimestre deste ano, o que supón 3,3 puntos menos que no mesmo período de 2013.

Así se tira dun novo estudo da Fundación 1º de Maio elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste centro de estudos, e que debulla as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo e que contrapón á denominada taxa de cobertura, que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego, pero non na devandita EPA nin en todas as persoas sen emprego.

Case 190.000 parados galegos non percibe prestación ningunha

De ter en conta os datos oficiais, a taxa de cobertura en Galicia sitúase na actualidade no 53,74%, polo que arredor duns 136.000 desempregados non terían ningún tipo de prestación. Pero esta cifra só ten en conta a dos desempregados apuntados nas oficinas de demprego. Non obstante, e segundo este preciso estudo dirixido polo que fora asesor da Consellería de Traballo da Xunta durante o goberno bipartito, a realidade é aínda moito peor. Son case 190.000 os parados galegos que non perciben prestación ningunha (189.807), co 33,2% do total con protección, unha taxa algo mellor á media estatal (31,6%) pero superior á de varias comunidades autónomas. E caendo.

A taxa de cobertura, aínda que ten en conta a todos os que cobran algunha prestación, só inclúe os demandantes parados rexistrados e os eventuais do subsidio agrario, que non figuran no cómputo de paro rexistrado. A taxa de protección baséase na EPA e en todos os cidadáns sen emprego, estean contabilizados nas oficinas ou non.

Menos de tres de cada dez mulleres desempregadas galegas cobra algunha prestación

A situación en Galicia empeora a cada paso. A cada trimestre, a protección dos parados abrangue menos xente no país. Especialmente precario é o caso das mulleres desempregadas, xa que tan só o 27,1% delas cobra algunha prestación, máis de catro puntos menos que hai un ano. Xa que logo, menos de tres de cada dez mulleres paradas galegas gozan de protección malia estar sen traballo. Ou o que é o mesmo: máis de sete de cada dez non cobran nada. No caso dos homes, a taxa de protección elévase ao 38,9%, pero tamén baixa con respecto a hai doce meses.

Entre a mocidade, como no caso do paro, a situación tamén empeora. Tan só o 13,2% dos desempregados galegos menores de 30 anos percibe algún tipo de prestación. Bastante menos de dous de cada dez persoas sen traballo. Neste caso, a ausencia de protección afecta practicamente por igual a homes (13,6%) e mulleres (12,8%). Ademais, entre os parados entre 45 e 64 anos, tan só a metade está a cobrar algunha prestación.

Oficina de emprego en Pontevedra CC-BY-SA Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.