A Xunta outorgou un préstamo millonario a Barreras días antes da venda a Pemex

Sinatura do acordo entre Pemex e Barreras © Pemex

Pemex aterrou en Barreiras cun camiño ben empedrado. A Xunta de Galicia facilitou a operación da petroleira mexicana a través dun préstamo millonario ao estaleiro vigués días antes da compra deste por parte da firma azteca. Así o adianta Economía Digital, que relata que Sodiga -sociedade de capital risco da Administración galega- outorgou un préstamo participativo de 2 millóns ao estaleiro o 8 de novembro. Tan só 18 días despois, a empresa latinoamericana anuncia a sinatura de acordo polo que se facía co 51% da compañía galega.

A Xunta concedeu un préstamo millonario a Barreras días antes da compra deste por parte de Pemex

Tanto a aprobación da concesión deste préstamo participativo como a entrada no capital de Barreras por parte de Pemex tardaron en chegar desde que a firma mexicana avanzara seis meses antes que compraría o estaleiro vigués. Naquelas negociacións, segudo di Economía Digital, foi determinante ese préstamo de Sodiga, que non foi feito público nin pola Consellería de Economía nin pola propia sociedade de capital risco.

O mesmo portal web económico asegura que a sociedade presididada por Juan Manuel Cividanes, director xeral de Xesgalicia, aprobou o préstamo participativo cun período de carencia inicial até o pasado 30 de abril deste ano e un prazo de amortización semestral. O vencemento do préstamo quedou fixado para o 30 de outubro de 2016.

Nin a Xunta nin Sodiga fixeron público o acordo con Barreras para este préstamo

As condicións do préstamo que abriu a porta á firma da compra de Barreras por parte de Pemex son as seguintes: devengou un interese fixo do 4,22% até o pasado 31 de decembro de 2013. Con posterioridade á devandita data, segundo datos de Sodiga, deveña un interese fixo correspondente ao euribor máis un diferencial de catro puntos, así como un interese variable en función das vendas obtidas por Barreiras no exercicio inmediato anterior, de acordo co contrato do préstamo participativo.

O PSdeG non tardou en reaccionar e xa pediu "explicacións" á Xunta sobre unha operación que nunca foi comunicada.

Feijóo, xunto a directivos de Barreras e Pemex e autoridades © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.