Galicia lidera as paralizacións de empresas por falta de seguridade

Dous obreiros traballando nun tellado © CCOO

Galicia atópase á cabeza do Estado no número de paralizacións da actividade produtiva por falta de medidas de seguridade, con 37 paralizacións, seguida por Madrid con 30 e moi de lonxe polo resto de comunidades autónomas. Ese é o dato que destaca UGT-Galicia, das estatísticas que se tiran da actividade da Inspección de Traballo no país no pasado ano 2013.

Galicia é a autonomía con maior número de paralizacións da actividade produtiva por falta de medidas de seguridade

Ao mesmo tempo, segundo destaca o informe, Galicia é a quinta comunidade autónoma do Estado con máis propostas de recargo de prestacións derivadas de accidente de traballo e tamén a quinta con máis contratos de traballo transformados en indefinidos. Estes datos amosarían "unha actividade inspectora que denota que son moitas as empresa galegas que non cumpren a Lei e que urxe que aqueles que xestionan as relacións laborais, en todos os seus eidos, tomen conciencia de que os traballadores teñen uns dereitos e que as relacións laborais ríxense por unhas normas de obrigado cumprimento", advirte UGT, que cre que o contrario "debe ser sancionado e perseguido con todos os instrumentos que ofrece a lexislación actual".

O 29% das enfermidades relacionadas co traballo non son recoñecidas como enfermidades profesionais

Son só algunhas das cifras, nas que tamén se destaca que o 29% das enfermidades relacionadas co traballo non son recoñecidas como enfermidades profesionais. Por iso, UGT reitera a súa "denuncia pola clara infradeclaración de enfermidades profesionais no país, o que produce consecuencias nefastas para os traballadores" ao "aumentar as posibilidades de empobrecemento e exclusión social e laboral". Ante iso, demanda que o médico "dispoña dunha información máis detallada do doente, co fin de coñecer a profesión do mesmo e poder diagnosticar a enfermidade profesional e potenciar a especialidade de medicina do traballo no centro de saúde co fin de mellorar o diagnóstico das enfermidades de orixe laboral".

Segundo o sindicato, todas estas cifras "non son meras estatísticas", senón que reflicten "a cara máis oscura do mercado laboral e que entre todos, administracións, empresas e sindicatos, hai que traballar para mudar certas condutas e acabar coa impunidade coa que pretenden actuar algúns empresarios, aínda poñendo en risco a vida dos seus traballadores e cercenando os seus dereitos laborais, atentando en moitas ocasións contra a súa dignidade".

"A crise é un argumento máis para que os empresarios baixen a garda e poñan en risco os dereitos laborais"

UGT-Galicia amosa tamén a súa "preocupación" ao entender que a crise é "un argumento máis para que os empresarios baixen a garda e poñan en risco os dereitos laborais dos traballadores e, incluso, a súa integridade física". O sindicato pon varios exemplos mediante número da situación. Así, en 2013 levantáronse en Galicia un totalde 3.431 actas de infraccións, que afectaron a 18.073 traballadores e que supuxeron algo máis de 16 millóns de euros en propostas de sancións para as empresas.

Deste total, 420 actas de infracción corresponden a relacións laborais, cun importe de 1,88 millóns de euros en sancións. Os traballadores afectados neste caso foron 9.368. Ademais, en materia de seguridade e saúde laboral, o número de actas de infracción foi de 491, cun importe de 2,55 millóns en sancións, con 3.519 operarios afectados.

Dous obreiros traballando nun tellado © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.