Botar gasolina en Galicia xa é un 60% máis caro que hai dez anos

Unha gasolineira en Pontevea (Teo) CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo

O pasado abril, ás portas das habituais viaxes da Semana Santa, o Consello da Xunta estudaba un informe que veu constatar a evidencia de que os prezos dos combustibles en Galicia están entre os máis altos do Estado. Poucos meses despois de subir o imposto de hidrocarburos en 3,6 céntimos por libro de gasóleo e 2,4 por litro de gasolina o Goberno galego cargaba contra as petroleiras e anunciaba a súa intención de favorecer a competencia no sector impulsando a apertura de novas estacións de servizo, entre outras medidas. Catro meses despois daquela declaración de intencións o panorama semella variar máis ben pouco: a poboación galega segue soportando uns dos prezos de combustible máis caros do Estado e, ademais, repostar é xa ata un 60% máis caro que hai dez anos.

Atendendo ás bases de datos do Ministerio de Industria o prezo medio da gasolina en Galicia subiu un 62,4% na última década e o gasóleo fixo o propio nun 41,7%. Así, mentres que a finais de 2004 un litro de gasolina custaba algo menos de 90 céntimos, a finais do pasado mes de xullo estaba por riba dos 1,45 euros. Pola súa banda, hai dez anos o litro de gasóleo nas estacións de servizo galegas situábase nun importe medio de 96 céntimos por litro e na actualidade móvese na contorna dos 1,37 euros.

Só o ano 2009 supuxo unha lixeira relaxación para uns prezos que no que vai de ano experimentaron leves baixadas, aínda que sempre mantendo a Galicia notablemente por riba da media do Estado. Despois de rematar o 2013 un chisco por baixo do prezo -un céntimo na gasolina e dous no gasóleo- o ano comezou co novo imposto de hidrocarburos e con Galicia pagando o litro de gasolina un céntimo máis que a media estatal: 1,39 euros fronte a 1,40. No gasóleo a diferenza era aínda maior: 1,34 euros de media española e 1,36 en Galicia.

O paso dos meses non contribuíu a minguar ese diferencial. Ben ao contrario, o pasado xullo Galicia xa pagaba a gasolina a 1,45 euros mentres que a media estatal era de 1,43; o gasóleo estaba nas gasolineiras galegas a 1,36 euros e o promedio estatal era de 1,32 euros. Estes prezos sitúan o país como a segunda autonomía coa gasolina máis cara, igualada con Andalucía e só superada por Balears. Algo idéntico acontece co diésel, onde só as estacións de servizo baleares superan as galegas. A diferenza entre Galicia e autonomía máis barata para repostar, Navarra, é de seis céntimos por litro de gasolina e de case nove por litro de gasóleo.

Estes prezos sitúan a Galicia na cabeza das autonomías e, no contexto continental, moi por diante do Estado español. Os prezos galegos do combustible foron en xullo superiores aos de Chipre, Malta, Romanía, Austria, Hungría ou Luxemburgo, entre outros, se a referencia é a gasolina. No gasóleo a lista de países que pagan menos amplíase; en máis dunha ducia de Estados da UE repostar diésel é máis económico. Están por baixo de Galicia territorios económica e xeograficamente tan dispares como Eslovaquia, a República Checa, Portugal, Austria, Franica, Polonia ou Luxemburgo.

Neste contexto, o pasado xuño a Xunta aseguraba que se dispuña a atallar a situación achegándolle un informe á Comisión Nacional de Mercados y Competencia no que aposta por incrementar os operadores no mercado dos combustibles en territorio galego. Para a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, "non é normal" que "existindo unha refinaría en Galicia, o custo dos carburantes sexa dos máis caros de España antes de impostos".

As alternativas

Dende fóra dos gobernos outras voces chaman a ampliar o foco do debate e non cinguirse unicamente a procurar que os derivados do petróleo sexan o máis baratos posibles. Este é o caso, por exemplo, da asociación Véspera de nada, un colectivo que dende 2008 vén apostando por "concienciar a poboación galega" sobre o coñecido como peak oil, isto é, o teito da produción mundial do petróleo a partir do cal se inicia un descenso que, en última instancia, implicará sociedades que forzosamente non poderán depender deste combustible. Parte das súas apostas están recollidas na Guía para o descenso enerxético.

Colectivos como Véspera de nada apostan por reducir a dependencia do petróleo

Nun sentido semellante encamíñase o manifesto Derradeira chamada que, na liña do decrecemento, aposta por que as decisións políticas se axusten aos límites ecolóxicos do planeta. As persoas que subscriben este manifesto coidan que, tras a actual crise, é "inviábel" apostar por un "novo ciclo de expansión" baseado en premisas como o abuso do consumo de petróleo. "Non hai base material nin espazo ecolóxico e recursos naturais que o poidan sustentar", din.

Unha gasolineira en Pontevea (Teo) CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.