Menos paro (pero non máis traballo) na suposta saída da crise

O sector servizos prepondera nos novos contratos CC-BY-NC-SA CIG

Non son postos de traballo todo o paro que se reduce. Mentres dende os gobernos galego e español se teima no discurso da recuperación económica -este xoves, por exemplo, dende a Xunta subliñábase a "consolidación" do "crecemento" e a "estabilización" do emprego- as cifras do mercado laboral din que as cifras do desemprego minguan levemente, pero unha ollada máis polo miúdo amosa tamén que non toda a redución do paro se traduce en persoas que se incorporan ao mercado laboral.

Segundo a Enquisa de Poboación Activa, estudo que se publica cada tres meses e que serve como referencia no ámbito europeo, o desemprego reduciuse en Galicia en case 13.000 persoas entre o primeiro e o segundo trimestre do ano, pasando de 296.900 en marzo a 284.300 en xuño, un resultado que non estivo exento de celebracións públicas dende San Caetano e La Moncloa. Así e todo, esa diferenza de case 13.000 persoas non tivo a súa translación mecánica na poboación ocupada, isto é, na que ten traballo. Este indicador pasou de 982.800 persoas no primeiro trimestre a 991.500 no segundo, isto é, un diferencial positivo de 8.700 persoas.

Unhas 4.000 persoas que saíron do rexistro de desemprego non se sumaron ao de ocupación

Así as cousas, onde van parar esas 4.000 persoas que faltan? Son as que se reduciron no continxente de poboación activa, é dicir, a suma de mulleres e homes que teñen traballo ou están a procuralo. Esa poboación activa era en marzo de 2014 de 1.279.800 persoas e, tres meses despois, de 1.275.800. Segundo o INE as causas para esta mingua son diversas e van dende as xubilacións ata a marcha de persoas que anteriormente inmigraran, pasando por persoas que estaban no mercado laboral e volveron estudar ou polo mencionadísimo efecto desánimo, o de quen, estando no paro, deixa de buscar emprego dende o convencemento de que non o vai atopar.

A redución da poboación activa, lonxe de ser un fenómeno puntual, vén sendo unha constante nos últimos dous anos. Nas bases de datos que ofrece o Instituto Galego de Estatística, as cales se remontan ao terceiro trimestre de 2009, amosan que naquela altura traballaban ou estaban en condicións de facelo maís de 1,3 millóns de persoas no país e, delas, máis de 1,2 tiñan un posto de traballo. A comezos de 2012 a poboación activa tocou teito dentro do período analizado e, dende aquela, comezou a descender. Mentres isto acontecía os niveis de ocupación seguían a baixar e os de paro, a subir.

Estas reducións da actividade e da ocupación mentres incrementa o paro obsérvase cunha maior claridade entre a poboación máis moza. Volvendo de novo ao IGE as cifras indican que entre a xente nova as fluctuacións foron aínda menores e que a caída da poboación activa foi unha constante con excepción do terceiro trimestre de cada ano, no que as contratacións de verán a veñen facendo remontar levemente sen, en ningún caso, facela volver a niveis do ano anterior. Así, a finais do verán de 2009 había máis de 270.000 persoas de entre 16 e 30 anos que estaban activas e, delas, máis de 211.000 tiñan traballo. Media década despois a poboación activa nesta franxa de idade está por baixo das 195.000 persoas e a ocupación non chega ás 120.000.

O panorama é aínda máis preocupante entre as persoas menores de 25 anos. Neste caso o fenómeno máis rechamante non é o descenso da poboación activa cos seus lixeiro repuntamentos estivais, senón a enorme caída da ocupación que, nalgúns trimestres, chegou a estar por baixo do paro. Así, por exemplo, no segundo trimestre de 2013 había 37.800 mozas e mozos menores de 25 anos en situación de desemprego mentres que 35.500 tiñan traballo. O último dato da EPA indica que son unhas 36.000 persoas desta idade as que están paradas e algo máis de 38.000 as que teñen traballo.

O sector servizos prepondera nos novos contratos CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.