0 Gardados para despois

Un de cada cinco galegos en idade de traballar está en paro

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Drama polo paro en Galicia. Un de cada cinco galegos en idade de traballar está parado. A taxa de desemprego supera xa o seu teito histórico e alcanza ao 20% da poboación activa (20,18%), o que supón que xa hai 265.600 parados no país, segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) facilitados polo INE. A arrepiante cifra supón 25.000 desempregados máis que no último trimestre de 2011, unha suba do 10,48%, e 39.000 máis con respecto ao mesmo período do ano pasado. 

A taxa do 20,18% racha coas previsións da Xunta, que nos Orzamentos de 2012 prevía unha porcentaxe de desempregados do 16,4% para todo este ano. Os datos son teimudos para un Goberno galego que chegou ao poder baixo a promesa de acabar co paro "en 45 días". 

No conxunto do Estado, o número de parados aumentou en 365.900 neste primeiro trimestre de 2012 até alcanzar os 5.639.500 e unha taxa de desemprego do 24,44%, catro puntos superior á media galega, logo de aumentar en 1,59 puntos. Esta suba é a maior desde o terceiro trimestre de 2009 e a taxa global sitúase a tan só unha décima do récord absoluto en España. Xa que logo, a ocupación descendeu en 374.300 persoas e o número de ocupados alcanza os case 17,5 millóns, mentres que a taxa de actividade permanece en case o 60%. 

O drama, xa de por si duro, auméntase se reparamos no número de fogares na que todos os seus membros están parados. En total, 1.728.400, 153.400 máis que no tirmestre anterior. Pola contra, hai 252.300 fogares menos nos que todos os seus integrantes están ocupados, sumando uns 8,6 millóns. En Galicia, son 82.800 os fogares que teñen a todos os seus membros sen traballo. 

En Galicia hai 82.800 fogares nos que ningunha persoa ten traballo

 

O desemprego por provincias en Galicia

En canto aos datos por provincias, a taxa de paro dispárase en Pontevedra até alcanzar o 25,08% da poboación activa, o que supón un aumento de máis de dous puntos respecto ao último trimestre e de máis de sete respecto ao mesmo período do ano anterior. En total, suma 114.900 parados, 93.700 máis que hai un ano. A segunda peor taxa corresponde a Ourense, cun 20,10% e 27.200 parados, 700 máis que na última enquisa e 2.300 máis que hai un ano (19,08 % na anterior EPA; 17,9 % na do primeiro trimestre de 2011).

Na provincia de Pontevedra hai 93.700 parados máis que hai un ano

Por outra banda, en Lugo a taxa de desemprego descende até o 15,57%, sendo o dato máis positivo de Galicia, aínda que a porcentaxe aumentou en 3,5 puntos fronte ao último trimestre e un 2% máis que hai un ano, con 23.900 parados. Na Coruña o número de parados ascende a 99.500 persoas, cunha taxa do 17,5%, un punto e medio superior á do último trimestre.

Cos últimos datos, Galicia sitúase como a sétima comunidade na que máis creceu o desemprego en termos relativos no primeiro trimestre, en relación ao anterior, aínda que é a quinta en termos absolutos. En canto á taxa de paro, hai nove comunidades cunha porcentaxe máis elevada que a galega e están por baixo Asturias, Cantabria, Castela e León, Madrid, Navarra, País Vasco e A Rioxa.

Entre xaneiro e marzo destruíronse no país 22.400 empregos, de modo que os traballadores ocupados descenderon un 2,09% respecto ao último trimestre de 2011 e situáronse nun total de 1.050.500. Se se compara co primeiro trimestre do ano pasado, o número de postos destruídos é de 30.200 e a caída na ocupación do 2,79%. A taxa de actividade galega sitúase, deste xeito, no 55,51%.


Ranking da taxa de paro por comunidades autónomas
Autonomía Taxa de paro
Ceuta 35,5%
Andalucía 33,17%
Canarias 32,28%
Extremadura 32,05%
Illas Baleares 28,01%
Comunidade Valenciana 27,32%
Castela-A Mancha 27,19%
Rexión de Murcia 26,96%
Melilla 24,91%
MEDIA ESTATAL 24,44%
Cataluña 22,16%
Asturias 20,39%
GALICIA 20,18%
A Rioxa 20,06%
Castela e León 19,30%
Madrid 18,65%
Cantabria 18,59%
Aragón 18,38%
Navarra 16,34%
País Vasco 13,55%

En canto ás comparacións con Europa, España volve saír mal parada. Moi mal parada. Malia a mala situación de toda a Unión, as comparacións son odiosas. En Francia, por exemplo, o desemprego subiu no último mes un 0,6% e un 7,2% nun ano, pero a taxa global está preto do 10%. En Italia, cun 9% de desemprego, o gran problema é o paro xuvenil, que é, aínda así, 17 puntos por baixo do nivel en España (35% fronte ao 52%). No país veciño, Portugal, a crise aperta con forza, pero a súa taxa de desemprego non chega ao 16%, mentres que no Reino Unido, a preocupación é máxima cunha porcentaxe de parados dun 8,3%. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A Coruña é a cidade con menos paro de Galicia; Vigo, a que máis

A Coruña é a cidade galega con menor taxa de paro, segundo os datos da última EPA feitos hoxe públicos polo IGE. Así, na localidade herculina a porcentaxe de parados entre a poboación activa é do 13,4%, fronte ao 24% de Vigo, a cidade do país con maior número de desempregados, tanto en termos globais como porcentuais. Pontevedra, co 21,9%; Ourense e Santiago (ambas co 19,6%), Lugo, co 18,7% e Ferrol (16,1%) son as cidades que lle seguen neste triste ranking. 

A taxa de desemprego sobe en todas as cidades galegas agás na Coruña e en Ferrol, que reducen lixeiramente a porcentaxe de parados. 

"Os datos non son positivos, pero estamos 13 puntos por baixo de Andalucía"

O portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que os datos do paro en Galicia da EPA"son os esperados, pero non son os desexados", e por iso cre que a taxa de desempregados do 20,18% "non é positiva". No entanto, presumiu de que o país teña uns datos moito mellores aos doutras autonomías

"Do que non nos podemos esquecer é que estamos 13 puntos por baixo da plusmarquista nacional en materia de paro, refírome a Andalucía, xa sabemos quen goberna en Andalucía desde hai varias decenas de anos, os mesmos que levaron a España a esta mesma situación", remarcou Rodríguez Miranda en rolda de prensa.

Pola súa banda, o portavoz de Industria do grupo parlamenario do PSdeG, José Luís Méndez Romeu, denunciou que "cada día", desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta, un total de "90 persoas perderon o seu posto de traballo en Galicia". "Son máis de 2.800 ao mes", resaltou. O BNG, mentres, culpa dos datos ás "políticas equivocadas" do goberno galego e central e a unha reforma laboral "que nada resolve". 

Máis da metade dos mozos están en paro

A xeración perdida. Xa non hai dúbida. No primeiro trimestre deste ano chegouse a un novo fito no paro xuvenil estatal: máis da metade dos mozos menores de 25 anos non ten traballo. En concreto, o 52%, segundo os datos da EPA. Os arrepiantes números rebelan que, na actualidade, hai xa máis mozos que queren traballar en paro - 921.000- que con emprego -850.000-. Entre xaneiro e marzo, o desemprego entre os mozos de 16 a 19 anos subiu en 5.300 persoas até quedar en 214.100, mentres que na franxa de 20 a 24 anos, houbo 32.300 parados máis e o total situouse en 707.700.

A crise está a aniquilar a xeración nova máis preparada da historia. A situación en Galicia non é moito mellor. O 42% dos rapaces menores de 25 anos están en paro, o que supón un aumento de case catro puntos porcentuais con respecto ao anterior trimestre. Ademais, e entre os menores de 29, a taxa de desemprego ascende ao 33,5%.