0 Gardados para despois

Nace outra plataforma galega contra os recortes no ensino

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A CIG, o BNG, Galiza Nova, distintas asociacións de nais e pais(Anpas), movementos de renovación pedagóxica, así como diferentes organizacións estudantís como Comités ou a Liga Estudantil Galega constituíron a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para rexeitar as medidas de axuste do gasto público no ámbito educativo e esixir á Xunta que recorra o decreto "por invadir competencias" autonómicas.

Así o aclarou en rolda de prensa o portavoz da plataforma e presidente da Asociación Sociopedagóxica de Galicia (AS-PG), Xoán Costa, na que tamén estiveron presentes representantes de diferentes Anpas da Comunidade, o portavoz de Educación da CIG, Anxo Louzao; a deputada do BNG Carme Adán; ou a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi. 

Non será a única plataforma deste tipo que haxa en Galicia, xa que o pasado xoves foi presentada outra na que participaban CCOO, UGT, STEG e Congapa. Pretungado polo por que desta desunión, Anxo Louzao, voceiro de CIG-Educación, aclarou que o seu sindicato "non recibiu comunicación" sobre a constitución do outro colectivo e fixo un chamamento a participar na plataforma da que forma parte. "Galicia é o ámbito natural para actuar fronte a unhas medidas que pretende aplicar" o Estado na autonomía. 

Xa que logo, o voceiro da plataforma, Xoán Costa, lembrou que a "obriga" do Goberno galego é "defender un dereito de todos" e "garantir que se preste nas mellores condicións posibles". Fronte a isto, sinalou que, "co pretexto da crise" o "PP golpea a educación pública, poñendo en cuestión o dereito á educación das clases populares".

"O PP pon en cuestión o dereito á educación das clases populares"

Malia o compromiso da Xunta de non aumentar o número de estudantes por aula, indicou a aplicación das medidas previstas no Real Decreto Lei 14/2012 suporán elevar os cocientes a 30 alumnos en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en bacharelato. Incremento que, apuntou, provocará a "masificación das aulas, impedirá unha atención personalizada ao alumno e atender ás súas necesidades específicas". Ademais, detallou que se imporá" unha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado de 25 horas en Primaria e de 20 en Secundaria. Isto, ao seu xuízo, traducirase, entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista dificultando, deste xeito, a realización doutras funcións necesarias para o funcionamento do centro e para á calidade da educación pública.

Segundo engadiu, a norma tamén traerá consigo a "non substitución" do profesorado de baixa ata que pasen dez días lectivos en "prexuízo" dos centros educativos que "verán alterado o seu plan de traballo cada vez que se produza unha baixa" e do alumnado "que terá que ser atendido por profesorado de diferentes especialidades conculcando o dereito á educación dos alumnos". Tamén explicou que as medidas "obrigarán a eliminar" o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato por centro educativo. Iniciativa que, tal e como indicou Costa, "terá graves consecuencias na formación do alumnado que deberá desprazarse cando non conte na súa localidade coa especialidade que queira cursar".

Por último, rexeitou a subida das taxas universitarias ao considerar que supón "un incremento desorbitado" que "pode superar o 50 por cento" e que se fixará en función do custo das titulacións. Isto, apuntou achegará "o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirán que as públicas cumpran o seu papel de inclusión".

 

Haberá concentracións comarcais o día 8 e peches rotatorios en centros de toda Galicia

Ante estas consecuencias, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou que levará a cabo concentracións comarcais o día 8 de maio ás 19.00 horas e realizará peches rotatorios en centros educativos de todo Galicia. Así mesmo, avanzou que presentará resolucións nos consellos escolares e claustros de profesores da comunidade e reunirase cos distintos grupos parlamentarios galegos para analizar a aplicación das medidas no país.

A Plataforma apoiará tamén a folga convocada polas organizacións estudantís nas universidades galegas e convocará, xunto coa Plataforma en Defensa dá Sanidade, unha manifestación en Santiago de Compostela o próximo día 3 de xuño.


 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.