Catro de cada dez persoas que deixaron o paro en agosto non atoparan traballo

Persoas agardando para deixar un currículo nunha feira de emprego en Vigo © Empregalia

A relación de altas e baixas nas oficinas de emprego deixou o pasado agosto un indicador de paro rexistrado favorable, cando menos a nivel discursivo, aos intereses da Xunta. Entre xullo e agosto as persoas inscritas no Servizo Público de Emprego en territorio galego rebaixáronse en 3.340, unha cifra que converteu a Galicia na autonomía cun maior descenso mentres o dato estatal era negativo, con 8.000 inscricións máis. Así e todo, como adoito, estes números non queren dicir que esas 3.340 persoas abandonasen a lista oficial do paro, xa que foron moitas máis, nin que todas as que o fixeron atopasen un traballo.

Os datos debullados polo SEPE e recollidos polo Instituto Galego de Estatística indican que nas oficinas de emprego do país se deron de baixa durante o pasado agosto un total de 39.140 persoas, case 700 menos que un ano antes, cando as baixas chegaran ás 39.859. Isto tampouco supón, nin moito menos, que se xerasen case 40.000 postos de traballo tanto en agosto de 2013 como no actual, senón que todas estas persoas deixaron de constar como demandantes de emprego por diversos motivos. No caso de algo máis de 4 de cada 10, ese motivo non foi atopar un emprego. 

Máis de 14.300 persoas deixaron de constar como demandantes de emprego porque non renovaron a 'tarxeta do paro', non por atopar traballo

Segundo estes datos oficiais durante o pasado mes algo máis de 14.300 persoas deixaron de constar como inscritas no antigo INEM porque non renovaron a súa demanda de emprego, isto é, non foron selar a coñecida popularmente como tarxeta do paro. A estas cómpre agregar 2.783 máis cuxa baixa figura no epígrafe "outras causas", apartado que abrangue, entre outros colectivos, ás persoas que foron chamadas para realizar un curso de formación obrigatorio e que tamén deixan de constar como paradas. Así, as colocacións quedan en 21.997.

Estas persoas que atoparon traballo o pasado mes, 1.920 máis que un ano antes, retornaron ao mercado laboral, na súa gran maioría, por tempo moi limitado, toda vez que o 94% dos contratos do mes foron temporais. Ademais, tal e como amosa o propio SEPE, o sector servizos seguiu a ser preponderante, o que amosa que o reto de mudar o modelo produtivo está aínda moi lonxe de tornar nunha realidade.

Persoas agardando para deixar un currículo nunha feira de emprego en Vigo © Empregalia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.