A recuperación do emprego temporal duplica á do indefinido en Galicia tras seis anos de crise

Persoal do sector do telemárketing © CCOO

Non todo é mentira. Efectivamente, o emprego estase a recuperar, aínda que levemente, tras seis anos de crise. Os datos da Consellería de Traballo recompilados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que, tras varios exercicios consecutivos de caídas, o ano 2013 supuxo un leve incremento na contratación en Galicia. Non se chega, nin de lonxe, aos niveis previos á crise pero o certo é que no pasado ano se asinaron máis contratos laborais que no anterior. Se ben isto é certo, non o é menos que esta leve recuperación de postos de traballo debuxa un panorama no que a precariedade é aínda máis protagonista que hai seis anos, cando a caída de Lehman Brothers sacudiu a economía mundial, ata o punto de que a recuperación do emprego temporal xa duplica á do indefinido.

No que é considerado como último ano da denominada bonanza económica, o 2007, a contratación temporal xa era absolutamente preponderante a respecto da indefinida. Naquel ano asináronse no país 766.161 contratos temporais e algo menos de 49.000 indefinidos. Nos anos seguintes a contratación descendeu sistematicamente e tocou chan, cando menos polo momento, no ano 2012, cando os contratos iniciais foron pouco máis de 640.000, uns 30.000 indefinidos e o resto, temporais.

O emprego temporal recuperouse un 7% e o indefinido, un 3,5%

En 2013, cos discursos gobernamentais inzados de supostas sendas da recuperación e de presuntas luces na fin do túnel económico, houbo uns 44.000 contratos máis que no ano anterior, superando os 684.000. Destes, case 32.000 foron indefinidos e 653.000, temporais. Así as cousas, a recuperación da contratación temporal case chega ao 7% mentres que a da indefinida apenas supera o 3,5%. Deste xeito, a temporalidade e, polo tanto, a precariedade, ten aínda máis peso que no remate da década pasada.

No último ano asinouse un 15% menos de contratos temporais e un 36% menos de indefinidos que antes da crise

A comparación co 2012 amosa como a contratación indefinida é, de novo, a máis prexudicada, e o mesmo acontece ao tomar como referencia o momento económico previo á crise, o 2007. A diferenza entre os contratos temporais asinados naquel ano e os de 2013 implica unha caída do 14,8%, mentres que os indefinidos se reduciron en máis do 35%. Polo tanto, cabe concluír que o emprego indefinido, que xa era residual, caeu máis que o temporal durante a crise e que agora, na suposta recuperación, a contratación a tempo parcial é aínda máis abondosa. Boa mostra disto son tamén os datos máis recentes, os do pasado agosto, mes no que o 94% dos contratos asinados no país foron temporais.

Persoal do sector do telemárketing © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.